Incumprimentos, sospeitas de amaño e agora risco de quebra: a Xunta atasca na mellora dos helicópteros do 061

Base de Santiago, no hospital de Conxo, xestionada por Eliance dun dos dous helicópteros medicalizados do 061 CC-BY-SA Praza Pública

Eliance, que xestiona as urxencias médicas aéreas do Sergas, entra en preconcurso de acredores logo de sancións reiteradas da Xunta, que non logra renovar o servizo tras quedar deserto un contrato que varias empresas vían orientado a un único fabricante

Eliance, a empresa que xestiona para a Xunta os dous helicópteros sanitarios do 061, con bases en Santiago e Ourense, vén de presentar preconcurso de acredores. Segundo o 061 isto non está a afectar ao servizo, pero si o fixeron en reiteradas ocasións durante os dous últimos anos numerosos incumprimentos previos da empresa, que levaron ao Goberno galego a abrirlle sucesivos expedientes de penalización e finalmente a resolver o contrato hai ano e medio coa promesa de melloralo considerablemente.

Porén, como o servizo que presta considérase esencial, a mesma empresa continúa desde aquela operando os aparatos, sen que a Xunta fose quen de renovar o contrato cunha nova adxudicación mellorada. O concurso que convocou para esa renovación quedou deserto a comezos deste ano logo de que varias empresas sospeitasen que estaba amañado en favor dun único fabricante. Pero outros seis meses despois o 061 aínda non convocou un novo concurso e limítase a asegurar que "traballa para dotar este servizo dun novo contrato o antes posible".

Un dos helicópteros do 061 operado por Eliance CC-BY-SA Xunta de Galicia

O servizo de emerxencias sanitarias aéreas do Sergas foi adxudicado por última vez a Eliance en marzo de 2024, hai dous anos e medio, por uns 4,3 millóns de euros ao ano. O contrato debía durar tres anos, pero apenas un ano despois a empresa xa acumulaba 77 expedientes por incumprimentos, con helicópteros inoperativos durante días e mesmo semanas malia a súa obriga de substituílos en caso de avaría. Ante os incumprimentos, apenas un ano despois da formalización do contrato e dous anos antes do seu teórico vencemento, a Xunta decidiu rescindirlle o contrato, pero tardou un ano en convocar un novo concurso e mentres o servizo seguiu e segue sendo prestado pola mesma empresa porque o servizo é esencial e non pode quedar sen prestar.

Ano e medio despois de resolver o contrato con Eliance pero encargarlle que siga co servizo porque é esencial e non pode quedar sen prestar, a Xunta aínda "traballa para dotar dun novo contrato o antes posible"

O novo contrato ía mellorar as condicións do anterior con máis cartos, pasando de 4,3 a 7 millóns ao ano, e prevía que "tras un período de transición de 20 meses" a nova adxudicataria incorporase un helicóptero con capacidade para voar de noite e en condicións adversas. Pero as condición establecidas nos seus pregos de condicións restrinxiron tanto as posibles ofertas que varias empresas advertiron unha posible vulneración da libre competencia co proceso enfocado a un único fabricante. Ademais, unha empresa recorreu as condicións do concurso ante a xustiza, ante o que a Xunta decidiu primeiro paralizalo e despois retomalo.

Un dos dous helicópteros do 061 e sospeitas amosadas por unha empresa sobre a posible vulneración da libre competencia cos requisitos impostos pola Xunta para renovar o servizo CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A ese concurso finalmente só se presentou unha oferta, da francesa SAF Helicoptères SAS, pero a súa oferta económica foi moi superior ao límite fixado polo 061. Se a fundación pública dependente da Xunta establecera a súa disposición a pagar un máximo de 55,6 millóns de euros polos oito anos do novo contrato, a empresa propuxo prestar o servizo por 80,7 millóns de euros. Así que a mesa de contratación decretou en abril a exclusión desa empresa do proceso, que foi así declarado deserto.

Desde abril, ao declarar deserto o concurso, o 061 non volveu dar ningún paso público para convocar un novo proceso. Nin realizou un anuncio público previo, que pode axilizar posteriormente unha licitación cando é tan cara e técnica como esta, nin aclara cando pode convocar novamente outro concurso. Ano e medio despois de deixar o servizo en precario ao rescindir o contrato con Eliance pero prorrogarllo por necesidade, e medio ano despois de que quedase deserto o concurso convocado para renovar ese contrato, a fundación pública dependente do Sergas segue sen previsión para ese novo contrato. Consultada por Praza.gal, di que traballa "para dotar este servizo dun novo contrato o antes posible" e que "a prioridade é a seguridade, a operatividade, a calidade do servizo sanitario aéreo e a protección da cidadanía".

Declaración de deserto do concurso para renovar os helicópteros do 061 CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O 061 mantén criterios de transparencia cos contratos públicos inferiores aos doutros departamentos da Xunta

Este diario tamén preguntou por que ano e medio despois da resolución do contrato con Eliance e da súa prórroga por necesidade pública esa resolución non foi feita pública na plataforma de contratos da Xunta. A resposta do 061 fai ver que os seus criterios de transparencia son inferiores aos doutros departamentos do Goberno galego que si fan públicas ese tipo de decisións. Segundo di, "non se publicou a resolución do contrato con continuidade ata a entrada en vigor do novo contrato no perfil do contratante porque non é un documento de publicidade obrigatoria segundo o artigo 63 da Lei de Contratos".

En abril do pasado ano, ao rescindir ese contrato que aínda segue a prestar Eliance mesmo tras a súa solicitude de preconcurso de acredores, o conselleiro de Sanidade xustificaba os tempos das súas xestións: "Estamos facendo as cousas o máis rápido que podemos", dicía. Ano e medio despois a promesa de Rueda de incorporar un helicóptero medicalizado que poida operar pola noite segue adiada sen data. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.