O lume de Chandrexa alcanza as 11.000 hectáreas e os incendios sen control xa arrasan 29.000

Imaxe do satélite cos fogos de Maceda e Chandrexa, unidos en dous grandes incendios © EFFIS (Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestales)

Os dous grandes incendios que ata este xoves ardían por separado en Chandrexa de Queixa uníronse nunha única fronte que arrasou xa 11.000 hectáreas, situándose así como o segundo maior incendio documentado da historia de Galicia que, ben seguro, pasará a ocupar o primeiro posto así que a Xunta emita o novo parte este venres á mañá. 

O lume no corazón do Macizo Central de Ourense só é superado (polo momento) polo que no Courel se deu hai tres anos. Daquela, a unión de ata cinco focos en dous concellos —Folgoso e A Pobra do Brollón— fixo que ardesen unhas 11.100 hectáreas de monte, segundo a estimación da Xunta, mentres a información do satélite da UE Copernicus elevaba o número a 13.200. Naquel verán de 2022, outro lume rematou con 10.500 hectáreas ardidas en Carballeda de Valdeorras —12.000, segundo Copernicus—, no medio dunha vaga de calor inusitadamente intensa. Como a que agora asola a provincia ourensá. 

Loita contra o lume en Requeixo, Chandrexa de Queixa, en agosto de 2025 CC-BY-SA AT BRIF

O que será o maior incendio da historia de Galicia, en Chandrexa, rexistrou o seu primeiro foco na parroquia de Requeixo o pasado venres pouco despois do mediodía. Acabouse unindo ao que se iniciou en Parafita o martes, confluíndo nun grande incendio que afecta tamén o concello de Manzaneda e que segue avanzando. 

Os dous grandes incendios de Chandrexa confluíron nun só, arrasando xa 10.500 hectáreas, ao igual que os dous de Maceda

Non son os únicos fogos que se uniron nestas últimas horas, segundo confirma a Consellería do Medio Rural. En Maceda, os iniciados en Santiso e Castro de Escuadro (este estabilizado desde o domingo) confluíron nun só que calcinou xa 2.500 hectáreas. Ademais, este grande incendio conformado agora sitúase tamén a poucos quilómetros do de Chandrexa, tal e como se pode comprobar nas imaxes por satélite.  

Outros fogos activos queiman entre 100 e 200 hectáreas en Larouco, Vilardevós ou Ourense. Asi, os incendios que continúan ardendo sen control en Galicia roldan xa as 29.000 hectáreas arrasadas. Todos eles, agás un na Fonsagrada, iniciados na última semana. 

Os dous grandes incendios conformados agora en Chandrexa e Maceda atópanse a poucos quilómetros de distancia

Porque a cantidade de superficie queimada continúa a aumentar. Na Mezquita o lume sxa está nas 8.000 hectáreas afectadas, sendo o segundo incendio máis grande do ano e un dos maiores da historia en Galicia. O que afecta a Oímbra e Monterrei rolda as 6.000. 

Ademais, a comunicación ferroviaria permanece aínda interrompida entre Galicia e a Meseta, con varios grandes incendios activos e sen control. O corte polo fogo da A-52 entre Xinzo e Benavente deixou arredor dun milleiro de vehículos retidos e outras estradas sufriron tamén peches. 

Brigadistas descansan tras traballar nos labores de extinción do incendio en Maceda CC-BY-SA AT BRIF

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, anunciou xa a chegada a Galicia de dous avións cisterna enviados por Francia, aínda que descartou elevar o nivel de preemerxencia a emerxencia para que o Goberno central asuma o control da situación en todo o Estado. 

No lugar da Caridade, en Monterrei, o lume queimou unha vintena de casas, dúas delas habitadas pero sen xente, e provocou a morte de animais e a queima de varios coches.

Antes, os núcleos de Estevesiños, Mixós, Vences e A Pousa, en Monterrei, tiveron que ser evacuados, e en Albarellos foron tamén evacuados preto de 30 persoas, mentres que en Vilardevós confinouse a poboación de Bustelo, duns 150 habitantes, ao igual que dúas persoas en Vilariño da Serra, en Viana do Bolo. 

Na Mezquita, outro incendio provocou desaloxos e mantén persoas usuarias dunha residencia aínda fóra do recinto, ao igual que parte dun centro de maiores en Chandrexa de Queixa

A virulencia do lume e o forte vento provoca moitos problemas, tamén con feridos como os tres brigadistas de Oímbra que permanecen en estado moi grave no hospital da Coruña, aínda que a súa evolución é "favorable" segundo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Tamén houbo persoas mancadas tras un accidente de tráfico entre unha motobomba e un coche, ademais de xente atendida por queimaduras leves e crise de ansiedade. 

En España, son tres xa os falecidos por causa do lume. O último, un voluntario que colaboraba na extinción na provincia de Zamora. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.