Esta década, clave para loitar contra o cambio climático: "Se actuamos agora, aínda é posible un futuro habitable para todos"

Castro Candaz, ao descuberto no encoro de Belesar tras un inverno moi seco, nunha imaxe de arquivo © Sara Torreiro

Este luns deuse a coñecer o Informe de Síntese do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) da ONU, un documento que salienta o máis destacado de seis amplos traballos publicados dende o ano 2018. En milleiros de páxinas recóllense as evidencias científicas sobre as orixes e efecto do actual proceso de quecemento global e cambio climático e as receitas e propostas que poden paliar os seu impactos nas vindeiras décadas. 

"Urxe tomar medidas máis ambiciosas", destacou o presidente do IPCC na presentación do informe de síntese

En realidade, as conclusións finais deste grupo de expertos, coñecidas esta semana, non recollen nada que non se soubera previamente, senón que fan fincapé en tres ideas básicas: a temperatura do planeta está a incrementarse de forma notable, a acción humana (principalmente pola queima de combustibles fósiles) é a culpable e é urxente actuar para reducir os prexuízos que este quecemento global xa está a producir en forma de secas, ondas de calor, incendios incontrolables, perda de biodiversidade, desxeo e suba do nivel do mar. Uns efectos negativos que, ademais, sofren máis as persoas que viven no sur global.

Hoesung Lee, presidente do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) © IPCC

Este grupo de expertos pon o foco de atención na presente década, que cualifica como "un período crítico" para pór en marcha unha acción acelerada de adaptación ao cambio climático

Dende os niveis preindustriais, a temperatura global do planeta elevouse en 1,1 graos. O IPCC fai un chamamento a que esta temperatura media non supere o 1,5 graos fixados nos Acordos de París, un obxectivo que xa semella difícil de acadar. Para iso, as emisións de gases de efecto invernadoiro deberían estar diminuíndo xa agora (algo que de momento non está a ocorrer) e deberían baixar ata case a metade en 2030. De feito, o informe lamenta o tempo perdido nos últimos anos: "o ritmo e a escala do que se fixo até agora e os plans actuais son insuficientes"

En todo caso este grupo de expertos pon o foco de atención na presente década, que cualifica como "un período crítico" para pór en marcha unha acción acelerada de adaptación ao cambio climático. "Urxe tomar medidas máis ambiciosas", destacou o presidente do IPCC na presentación do informe de síntese, Hoesung Lee, que subliñou que "se actuamos agora, aínda é posible garantir un futuro sostible e habitable para todos”. Cómpre acadar reducións drásticas, rápidas e sostidas das emisións de gases de efecto invernadoiro en todos 
os sectores.

O cambio "é posible"

O Informe destaca que o desenvolvemento sustentable "é posible" e que xa existen medidas políticas que se demostrou que funcionan para conseguir reducir de forma rápida e importante as emisións de gases nocivos á atmosfera

O Informe destaca que o desenvolvemento sustentable "é posible" e que xa existen medidas políticas que se demostrou que funcionan para conseguir reducir de forma rápida e importante as emisións de gases nocivos á atmosfera. Ademais, salienta que "hai diñeiro suficiente para pór en marcha as medidas pola senda adecuada". Por iso, fai un chamamento a aumentar o financiamento en investimentos destinados a mitigar o cambio climático, un financiamento que nos vindeiros anos deberían incrementarse entre 3 e 6 veces. "É necesario un compromiso político, unhas políticas coordinadas baseadas na cooperación internacional", ademais de "compartir tecnoloxía e coñecementos técnicos", indica o informe.

Acción de Greenpeace na Central Térmica de Meirama, xa clausurada, nunha imaxe de arquivo © Greenpeace

Segundo o informe, os países da OCDE deben abandonar o carbón en 2030, e o resto en 2040, acabando con todo investimento público e privado nesta fonte de enerxía. Ademais, en 2035 a xeración de electricidade nos países desenvolvidos debe ser neutra en carbono.

"Os beneficios económicos para a saúde das persoas derivados unicamente da mellora da calidade do aire serían aproximadamente os mesmos, ou mesmo maiores, que os custos de reducir ou evitar as emisións", salienta o documento

Hoesung Lee fixo fincapé en que a loita contra o cambio climático proporcionará benestar á poboación: "non só reducirá as perdas e os danos á natureza e as persoas, tamén proporcionará beneficios máis amplos". Por exemplo, o acceso ás enerxías e as tecnoloxías limpas mellora a saúde; a electrificación con baixas emisións de carbono, os desprazamentos a pé e en bicicleta e o transporte público melloran a calidade do aire, a saúde e as oportunidades de emprego, á vez que fomentan a equidade, destaca o informe. "Os beneficios económicos para a saúde das persoas derivados unicamente da mellora da calidade do aire serían aproximadamente os mesmos, ou mesmo maiores, que os custos de reducir ou evitar as emisións", salienta o documento.

Xustiza climática

Destaca, ademais, a necesaria "xustiza climática", pois os países que menos contribuíron ao cambio climático son os que están sufrindo os seus impactos dunha forma máis importante. Cómpre lembrar neste senso que o 10% dos fogares co nivel adquisitivo máis elevado achega entre o 34% e o 45% das emisións mundiais, mentres que o 50% inferior só achega entre o 13% e o 15%.

De non variar o actual ritmo de quencemento global, o clima atlántico da maior parte de Galicia mudaría nunhas décadas a outro de tipo mediterráneo © IPCC

Os países que menos contribuíron ao cambio climático son os que están sufrindo os seus impactos dunha forma máis importante

"Case a metade da poboación mundial vive en rexións que son moi vulnerables ao cambio climático. Na última década, o número de vítimas mortais como consecuencia de inundacións, secas e tormentas foi 15 veces máis alto nas rexións moi vulnerables", lembrou Aditi Mukherji, unha das 93 autoras do informe. Neste senso, conclúese que "os cambios transformadores teñen máis probabilidades de éxito cando hai confianza, cando todos traballan xuntos e cando os beneficios e as cargas se comparten equitativamente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.