Meteoroloxía e economía, da man para buscar solucións á factura do "mal público" do cambio climático

María Loureiro, Jorge Mira, Beatriz Hervella, Susana Bayo, Xavier Labandeira e Juan Taboada na xornada 'A factura do cambio climático e transición enerxética' © Consello da Cultura Galega

Unha xornada no Consello da Cultura reúne a economistas e meteorólogos para poñer en común o custo da factura global pola inacción fronte ao cambio climático, que estiman maior ao custo de actuar coas políticas axeitadas 

Familiarizar á poboación sobre cal é o impacto total do cambio climático. Ese é o obxectivo do encontro ′A factura do cambio climático e transición enerxética′, que reuniu este mércores no Consello da Cultura Galega a expertas do eido da economía e da meteoroloxía nun debate aberto ao público xeral. Neste ámbito de transición enerxética e descarbonización, propoñen un esforzo de concienciación. ″Como cidadáns, ás veces, só vemos as consecuencias das políticas e esquecémonos que podemos ser parte activa do deseño″, salienta María Luz Loureiro, organizadora da sesión xunto a catedrático no departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira.

″Cando falamos da factura non soamente pensamos na da luz, senón na factura global. A que pagamos en perda de produtividade, en danos á nosa saúde, en danos aos nosos ecosistemas e en caída de utilidade –basicamente– en moitos aspectos da nosa vida. Queremos tratar de entender que medidas podemos tomar, que medidas de mitigación e adaptación se están a tomar e cales son as consecuencias″, explica a catedrática do departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC.

Inauguración da sesión 'A factura do cambio climático e transición enerxética' no Consello da Cultura © CCG

"Quedamos sen tempo para pór en práctica políticas adaptativas, eficaces e relativamente baratas en comparación con non facer nada"

É posible reducir esa factura coas políticas públicas axeitadas? María Luz Loureiro asegura que si. ″Temos maneira de facelo porque isto implica que poidamos adaptarnos máis rápido e mellor. Todos os cálculos do IPCC (o Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático) e doutros organismos internacionais que traballan na loita contra o cambio climático nos indican que nos estamos quedando sen tempo para pór en práctica políticas adaptativas, eficaces e relativamente baratas en comparación con non facer nada. O problema que temos como cidadáns é que acostumamos ver só o custo de facer cousas –que agora sexa máis caro contaminar ou consumir enerxía– pero non damos entendido o custo de seguir facendo o que facíamos″, debulla.

Esta factura da inacción con respecto á crise climática na que xa estamos inmersos é menos tanxible que o recibo da luz, mais págase moito máis cara. Así o analizaron nesta xornada, na que puxeron sobre a mesa a relación existente coa pandemia da COVID-19 a través do impacto do cambio climático na biodiversidade e con todos os episodios climáticos futuribles que ameazan con facerse realidade.

Máis de 200 colectivos agrupados na coordinadora Eólicos Así Non manifestáronse en Santiago o pasado domingo co lema ′Temos alternativa′, reclamando un modelo enerxético que teña en conta ás comunidades locais e a preservación da natureza. Neste sentido, María Luz Loureiro incide en que a cidadanía debe ser partícipe e co-deseñadora de todas as políticas. ″Somos nós os cidadáns os que lle debemos trasladar as nosas consideracións ao ámbito político e son eles, os políticos, os que finalmente –baseados nesas preferencias– deberan asumir determinadas planificacións″, di.

Debate entre os participantes na xornada celebrada na sede do Consello da Cultura © CCG

Nas políticas que se están a aplicar centrou a súa ponencia o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Xavier Labandeira, que presentou os resultados do panel de debate que houbo arredor do 'libro branco de fiscalidade ambiental' no que se está a traballar no Estado coa axuda dos expertos. 

A propia Loureiro participou no informe ′España, 2050′, que trata de facer un diagnóstico de como vai ser a sociedade española nese ano. En concreto, no capítulo co obxectivo de ′Converternos nunha sociedade neutra en carbono, sostible e resiliente ao cambio climático′, no que se presenta a incidencia futura do cambio climático de non facer moito ou facer pouco.

Na xornada tamén participaron a voceira da Axencia Estatal de Meteoroloxía Beatriz Hervella, o coordinador de Meteogalicia Juan Taboada e a investigadora do EPhysLab da Universidade de Vigo Susana Bayo

"É fundamental a colaboración, cooperación e entendemento sen a que a factura global vai ser moito maior"

O cambio climático é un mal público. É dicir, o que non pagas ti ao mellor o pagan outros. Cando facemos compras abusivas ou mercamos por debaixo dos prezos de mercado, se non interiorizamos o prezo de produción iso significa que lle está recaendo a alguén. Necesitamos da colaboración de todos porque o que ti fagas condiciona o meu benestar e o que faga eu condiciona o teu. É fundamental a colaboración, cooperación e entendemento sen a que a factura global vai ser moito maior″, asevera a organizadora da xornada no Consello da Cultura.

Loureiro fai un chamado á cidadanía a actuar de maneiras que aínda non temos interiorizadas como sociedade, pero que se están a espallar. ″Por exemplo, podemos comezar pola autoprodución de enerxía ou a limitación da cantidade consumida a partir dun consumo máis racional e fóra das horas punta que pode relaxar o sistema. Sempre podemos facer máis, cambiar os nosos hábitos de consumo está na nosa man. E noutros ámbitos, como o turístico, é posible mudar o patrón das viaxes que facemos; así como as viaxes que se realizan por traballo″, indica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.