A causa ten a súa orixe no outono de 2013, cando a empresa reduciu a produción hidroeléctrica para aumentar o prezo doutras fontes, segundo constataron a Comisión Nacional dos Mercados e a Fiscalía Anticorrupción
No outono de 2013, coincidindo cunha vaga de frío e cun aumento da demanda enerxética, Iberdrola, segundo constataron a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e a Fiscalía Anticorrupción, reduciu a súa produción hidroeléctrica nos ríos Sil, Douro e Texo, o que elevou o prezo doutras fontes de enerxía. Agora a Audiencia Nacional vén de procesar a Iberdrola Generación, unha das filiais do grupo, e catro dos seus directivos por aqueles feitos.
Segundo Facua-Consumidores en Acción, que exerce a acusación particular no caso, o maxistrado Ismael Moreno, nun auto con data do pasado xoves, decidiu o procesamento por considerar que a investigación realizada ata agora acreditou “o artificial incremento do prezo da enerxía eléctrica que vendía Iberdrola”, tras o que aprecia delitos contra o mercado e os consumidores.
A orixe da investigación contra Iberdrola está nunha sucesión de poxas da enerxía en constante aumento no outono de 2013 que o Goberno de España acabou intervindo. En 2015 a CNMC impuxo unha multa “moi grave” de 25 millóns de euros por aqueles feitos, que describiu como orixinados pola decisión de Iberdrola de “retirar unha capacidade de produción” das súas centrais no Sil, no Douro e no Texo para así “elevar o prezo do mercado” doutras fontes de enerxía nunha situación de alta demanda. Isto é, a hidroeléctrica é unha das fontes máis baratas, pero ante a súa escaseza debe recorrerse a outras máis caras que condicionan o prezo global.
A Fiscalía acusou á empresa de "incrementar o prezo da enerxía que vendía máis alá do que debese resultar da libre concorrencia da oferta e da demanda" para "lucrarse ilicitamente"
En 2017 a Fiscalía Anticorrupción denunciou os feitos ante a Audiencia Nacional, no que supuxo a primeira vez que o ministerio público levou ante os tribunais penais a unha compañía eléctrica. Iberdrola, “coa finalidade de lucrarse ilicitamente”, dicía a Fiscalía, "ideou e puxo en funcionamento un sistema para incrementar o prezo da enerxía que vendía, máis alá do que debese resultar da libre concorrencia da oferta e a demanda".
Segundo Facua-Consumidores en Acción, “Competencia estimou que Iberdrola provocara un aumento do prezo do mercado diario duns 7 euros por MWh, co cal obtería uns beneficios estimados de 21,5 millóns de euros e provocaría un prexuízo de 105 millóns no período comprendido entre o 30 de novembro e o 23 de decembro de 2013”. Como comparación, o prezo da electricidade naqueles días roldou os 100 euros por MWh, mentres que nos últimos días rolda os 200 euros.
A organización de consumidores salienta que foi a actuación policial derivada da investigación da Fiscalía Anticorrupción e da orde da Audiencia Nacional de rexistrar sedes de Iberdrola a que permitiu obter suficiente información sobre a manipulación de prezos e os seus responsables directos, que identifica como o director de Xestión de Enerxía, o ex-responsable de Optimización, Xestión de Recursos e Trading, o xefe de Xestóin de Activos e o xefe de Xestión de Mercados a Curto Prazo e Xeración Global.
Pola contra, a versión que vén mantendo Iberdrola é que a finais de 2013 houbo escaseza de auga nos seus encoros e por iso tivo que reducir a produción hidroeléctrica.
Tres anos despois dos feitos Feijóo gabou nunha das centrais implicadas a ampliación que viña realizarse para "reducir un dos principais gastos de fogares e empresas, especialmente nos momentos punta de demanda"
Tras os feitos de decembro de 2013, e cando xa se coñecía a sanción de Competencia de 2015, en xaneiro de 2017 Feijóo acompañou o máximo responsable de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, na inauguración da ampliación dun dos complexos eléctricos do Sil implicados no ocorrido tres anos antes. Naquel acto o xa ex-presidente da Xunta gabou as actuacións de Iberdrola por "permitir reducir un dos principais gastos que teñen que soportar os fogares e as empresas, especialmente nos momentos punta de demanda”.