Feijóo clama por "responsabilidades políticas" polo accidente ferroviario e o PPdeG cre que "non é o momento"

Feijóo, visitando a contorna do accidente de Urda este 29 de outubro e abaixo, ante o Alvia sinistrado en Angrois en 2013, con Rajoy e outros cargos da época © PP | Pool Moncloa

O ex-presidente e líder dos populares advirte de que "as responsabilidades políticas" son "esixibles" e "non poden esperar a unha investigación

O ex-presidente da Xunta e líder estatal do PP clama por "responsabilidades políticas" pola traxedia ferroviaria que este 28 de outubro provocou en Toledo cando menos 69 vítimas mortais e varias decenas máis de persoas feridas. A xuízo de Alberto Núñez Feijóo esa esixencia debe ser inmediata e non pode "esperar", mentres que para o PP de Galicia "non é o momento" de reclamalas.

Nunha visita á contorna do sinistro o cabeza de cartel dos populares ás eleccións xerais do 29 de novembro considerou, en respostas aos medios, que "as responsabilidades políticas non poden esperar a unha investigación, xa sexa administrativa ou xudicial" sobre o accidente. "Non son opcionais", son "esixibles ética e moralmente", abonda Feijóo quen, insiste, "non se poden asumir unha vez finalizada unha investigación".

Paula Prado, en declaracións aos medios sobre o accidente de Urda, este 29 de outubro de 2026 CC-BY-SA PPdeG

A inmediatez reclamada polo anterior presidente do Goberno galego contrasta coa resposta da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. Nunha comparecencia ante os medios convocada para trasladar solidariedade coas vítimas do accidente e "pedir ao Goberno de España" que "investigue as causas" do accidente para que "isto non volva suceder", a número dous de Alfonso Rueda considerou que "non é o momento".

Prado, secretaria xeral do PPdeG, cre que "non é o momento de depurar responsabilidades, xa chegará o momento". "Non imos tentar sacar rédito desta desgraza", agrega mentres pide "todos os medios" para a "investigación"

Preguntada especificamente sobre se cumpriría "depurar responsabilidades" e, nomeadamente, sobre o ministro de Transportes, Óscar Puente, debería presentar a súa dimisión, Prado matizou que "o Goberno de España, tanto o ministro Puente como Pedro Sánchez, teñen que poñer á disposición da investigación todos os medios posibles para coñecer as causas" e que "isto non volva suceder", pero "non é momento de depurar responsabilidades, xa chegará o momento". "Nós non imos tentar sacar rédito político desta desgraza nin agora nin nun futuro", concluíu antes de reiterar a petición de "garantir a seguridade" no sistema ferroviario.

[O ministro Puente atribúe o accidente a unha orde errónea e "inexplicable" tras un fallo técnico]

Do "sentir maioritario" á "frivolidade impropia"

Alén de reclamar "responsabilidades políticas", Feijóo carga tamén contra o Goberno por abordar o sucedido en Urda "botando a culpa a alguén, que foi o que fixo o ministro de Fomento ou o ministro de Transportes". "Botar a culpa a un operador de Atocha, iso é todo", lamenta o líder do PP para sinalar o que considera unha "frivolidade impropia dun ministro dun Goberno".

Feijóo, intervindo ante a prensa nun dos días seguintes ao accidente de Angrois, flanqueado polos daquela ministros do Interior e de Fomento, Jorge Fernández Díaz e Ana Pastor, e xunto a mandos policiais © Xunta

O rexeitamento a poñer o foco unicamente no factor humano contrasta coa reacción de Feijóo tras o accidente de Angrois en 2013. Mentres que agora chama a "aceptar" que cómpre "un cuestionamento do noso actual sistema ferroviario" tras os feitos de Toledo e Adamuz, daquela suxerira a existencia de "intereses económicos" contra a alta velocidade española en quen sinalase calquera outra causa allea ao despiste do maquinista. 

Feijóo ve unha "frivolidade impropia" que Puente "bote a culpa a un operador de Atocha" e "iso é todo" tras advertir en Angrois que o "sentir maioritario da sociedade" apuntaba só ao maquinista e considerar de "sentido común" que fose o único condenado

Nesta liña, cando en 2015 o xuíz instrutor do caso decidiu pechar a investigación co condutor do tren como único imputado -a Audiencia da Coruña revogou despois a decisión-, como presidente da Xunta saudou a decisión por "coincidir" co "sentir maioritario da sociedade". Da mesma maneira e xa como líder estatal do PP, cando a principios deste 2026 a Audiencia da Coruña exculpou o ex-xefe de Seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte da condena que recibira en primeira instancia e deixou o maquinista como único condenado, considerou que a decisión "concorda co sentido común" e co que el mesmo "viu" e "estudou" en 2013.

Pontón: "Tamén Galiza merecía saber e fixo o posible para evitalo"

Ao papel de Feijóo tras o accidente de Angrois referíase este xoves a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen antes de participar no minuto de silencio convocado polo Parlamento en solidariedade coas vítimas do accidente de Urda, reclamou "unha investigación até as últimas consecuencias, con rigor e independencia". Trátase, sinala, de que as persoas afectadas polo sinistro e as súas familias poidan obter a "verdade, xustiza e reparación" que "non tiveron as vítimas de Angrois".

Minuto de silencio no Parlamento en memoria das vítimas do accidente de Urda, este 29 de outubro de 2026 CC-BY-NC-SA BNG

"Con Angrois esa débeda moral nunca se saldou, porque nin o goberno do PP, primeiro, nin o do Partido Socialista, despois, permitiron que se saldase", considera Pontón nun contexto no que, resalta, "o mesmo Feijóo que agora di que España merece saber, sendo presidente da Xunta fixo todo o que estaba na súa man para evitalo". Por exemplo, lembra, "vetando até en catro ocasións a creación no Parlamento dunha comisión de investigación" ou "dando un trato indigno ás vítimas desa traxedia".

Tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, evocaba este xoves a memoria de Angrois. "Galicia sabe ben o que significa vivir unha traxedia ferroviaria. Coñecemos esa dor, esa angustia e esa espera. Por iso, hoxe sentímonos especialmente preto de todas esas familias", afirmou ao participar no minuto de silencio celebrado en Lugo, onde advertiu de que agora "só hai unha prioridade: as vítimas e as súas familias e estaremos ao seu lado, hoxe e mañá". "É o momento da humanidade, do respecto, da responsabilidade e da unidade. De acompañalas hoxe e non deixalas soas mañá", subliña Besteiro.

Minuto de silencio na memoria das vítimas de Urda, na subdelegación do Goberno de España en lugo, este 29 de outubro coa participación de Besteiro e outros cargos CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.