"O doado sería saír, pero non vai co meu carácter e non é o que o presidente me pediu", sostén o titular de Transportes, para quen "achegar solucións" é "a forma de entender as responsabilidades"
O ministro de Transportes continuará exercendo como tal. É a principal pregunta para a que múltiplos medios de comunicación agardaban resposta na comparecencia ofrecida este venres por Óscar Puente sobre o accidente ferroviario que o pasado 28 de outubro causou cando menos 69 mortes, nun balance que segue a ser provisional. Puente "respecta" as peticións de dimisión polo acontecido, pero "as decisións desta natureza deben valorarse a partir dos feitos e das responsabilidades que determinen" sobre un sinistro que, reitera, o control do Adif puido evitar mesmo a escasos minutos de que se producise.
Tras ofrecer outra volta unha cronoloxía do sucedido, Puente sostén que "os indicios apuntan a que o acontecido se debeu a un fallo no centro de control de mando do Adif", na estación madrileña de Atocha e "se a investigación demostra fallos nos controis e na organización, actuaremos en consecuencia" tamén no que atinxe a "responsabilidades individuais". Pero ese punto non chegou para o persoal técnico nin, indica, para si mesmo.
"O doado sería saír", di Puente, pero esa opción "non vai co meu carácter" e "non é o que o que o presidente me pediu". Se así fose, "eu nunca serei un problema", toda vez que "eu son unha persoa moi pequena" en comparación "co proxecto político do que formo parte". Pero o escenario actual pasa por "continuar adiante, traballar nisto como traballei noutras crises" e "poñer o máximo do meu empeño" para "achegar solucións". Esa, enfatiza, "é a miña forma de entender a responsabilidade".
Puente mantén que os controladores tiveron marxe para deter o AVE ao que permitiran "marcha normal" dende que o Iryo informou, cinco minutos antes da colisión, de que non podía retomar a viaxe
Alén da cuestión da súa continuidade no cargo, formulada por múltiplas vías durante a comparecencia de prensa en resposta a diversas preguntas, o ministro Puente deu en concretar que mesmo cos erros xa apuntados polo seu departamento dende escasas horas despois do accidente, o control do Adif tivo marxe para evitar a traxedia. Mesmo cando detectou que o AVE avanzaba a gran velocidade cara ao Iryo que permanecía parado na mesma vía.
Así, detalla, ás 8:31 do día do accidente caeu o sistema de control automático LZB -similar ao ERTMS que en Angrois se desconectara a bordo dos Alvia-, o que provoca unha detención "ao instante" de todos os trens do tramo afectado. Cinco minutos despois, ás 8:36, o centro de control "autorizou o AVE a reiniciar a marcha con normalidade" e non coa velocidade limitada a un máximo de 40 por hora -como, insistiu, ordenan os protocolos. E "ás 8:41" fixo o mesmo co Iryo.
Foi, indica Puente, ás 8:48 cando a maquinista do Iryo "informa de que non pode reiniciar a marcha" por un problema no seu propio tren, o centro de control "recibiu a mensaxe" e non tomou "ningunha acción". Por iso o AVE seguiu avanzando ata colisionar ás 8:53. Eses cinco minutos, afirma, son "tempo dabondo" para que o AVE se "puidese deter" se recibise a orde de o facer malia chegar a superar os 160 quilómetros por hora.
"Puidemos comprobalo, tiñan á vista o que estaba sucedendo", di o ministro, que abre a porta a medidas como "parar o tráfico" en liñas en obras
Asegura Puente que estas circunstancias se produciron co centro de control a funcionar con "absoluta normalidade", con "16 controladores na sala", co traballador máis sinalado polos feitos con formación dabondo e, ese día en concreto, na segunda hora da súa xornada laboral. Neste sentido, e sobre a cuestión de que "poida un sistema de alta velocidade, ao final, estar nas mans dun ser humano", o titular de Transportes evidencia que "cando o sistema falla é o ser humano o que entra a controlar a contorna" pero non o fai "sen auxilio técnico", senón "cun sistema que lle permite coñecer onde están situados os trens". "Puidemos comprobalo, tiñan á vista o que estaba sucedendo", resume nun panorama no que, asegura, non tenta "utilizar a ningún traballador como escudo", "prexulgar" nin "que se confunda esixencia de responsabilidades coa necesidade de atopar culpables".
Todo isto, matiza, non quere dicir que non haxa "nada que corrixir" xa que "é evidente que nun país coma o noso non poden producirse dúas traxedias ferroviarias" como as de Adamuz e Urda no mesmo no. Por iso, asegura, está a realizarse unha "análise exhaustiva do accidente", de "cada comunicación" e cada "fallo posible do sistema" mentres valoran as medidas para que a cidadanía poida "recuperar a confianza". Neste sentido, di, Transportes non pecha a porta a unha "auditoría" xeral do sistema ou a medidas como "parar o tráfico" das liñas de alta velocidade mentres se fan obras de mellora nelas.
Sánchez admite a "confianza quebrada" na alta velocidade e reitera que "non é asumible sufrir dous accidentes desta magnitude nun ano"
Pouco antes da comparecencia de Puente era Pedro Sánchez quen interviña ante os medios, no seu caso tras outro encontro de seguimento da emerxencia xunto a autoridades de Castela-A Mancha e responsables do operativo. O presidente do Goberno de España reitera a idea que vén centrando as súas intervencións dende a propia xornada do accidente: "Non é asumible para un país como España cun sistema de alta velocidade tan potente sufrir dous accidentes destas características e desta magnitude nun ano".
Neste sentido, abondou Sánchez, "o que imos facer non é só investigar as causas, senón achegar solucións para reforzar aínda máis o sistema". Porque, admite, a "confianza" na alta velocidade española está "quebrada" e "o labor do Goberno non é só facer o diagnóstico, senón ofrecer solucións para que unha traxedia desta magnitude non volva pasar".