O experto, como antes varios xuíces, di que a “compartimentación” da empresa pública dificulta atribuír responsabilidades no deseño da liña, pero si sinala o seu ex-director de Seguridade acusado como responsable de desconectar o control de velocidade, o que aumentou o risco
Ademais de ratificar que Adif tiña a obriga de avaliar e paliar o risco que había na curva de Angrois, a declaración este martes no xuízo polo accidente do perito máis independente dos que analizaron o sinistro deixou diversas consideracións de fondo sobre a organización e funcionamento da empresa pública que contribúen a explicar o sucedido ou dificultan a atribución de responsabilidades.
O perito, o enxeñeiro de Telecomunicacións César Mariñas, elixido por sorteo de entre os mellores expertos ofrecidos polo seu colexio profesional fronte aos designados pola Xunta, dixo que a “compartimentación” da empresa pública dificulta atribuír responsabilidades no deseño da liña. Pero si sinalou o ex-director de Seguridade de Adif acusado ao mesmo nivel que o maquinista, Andrés Cortabitarte, como responsable de desconectar o control de velocidade a bordo dos Alvia, o que aumentou o risco de accidente. Tamén lamentou que Adif deseñase a liña de xeito xenérico, aplicando “normas xerais que deberon particularizarse” e con “discrecionalidade” á hora de sinalizar unhas ou outras curvas.
Desde o comezo da investigación penal do accidente de Angrois os xuíces instrutores e os maxistrados da Audiencia da Coruña que supervisaron as súas decisións manifestaron en varias ocasións a dificultade que lles estaba a supoñer para aclarar as responsabilidades penais do caso a “complexidade” e “fragmentación” tanto da estrutura organizativa de Adif como da normativa ferroviaria. E nesa liña incidiu este martes no xuízo o perito, para quen en Adif “hai unha compartimentación que desde o punto de vista de seguridade pode xerar un problema cando quedan cousas sen cubrir”.
"Aplicáronse normas xerais que deberon particularizarse", di o perito sobre a actuación de Adif, da que lle custa "entender ou aceptar que pase iso nunha organización tan grande"
“Nunha organización tan grande ás veces as responsabilidades non quedan totalmente claras”, dixo noutro momento o perito, a quen o fiscal preguntou en varias ocasións pola posible responsabilidade directa do acusado de Adif, Cortabitarte, na omisión da análise de riscos que ao seu xuízo debía realizarse para detectar o perigo de Angrois. En todo caso, aínda que o perito dixo descoñecer a quen correspondía esa responsabilidade, que Adif vén tentando diluír e repartir, si deixou claro que foi Cortabitarte quen autorizou desconectar a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade (ERTMS) que podía evitar o accidente, o que supuxo unha redución significativa da seguridade da que debía ser consciente e que adoptou sen analizar o risco que supuña. De feito, tras moitas voltas semánticas durante as sesións previas, este martes o avogado do Estado que defende a Adif acabou admitindo que "estamos de acordo que con ERTMS o accidente non se produciría".
Sobre a liña e a súa análise de riscos o perito fixo ver que Adif a deseñou de xeito xenérico, “aplicáronse normas xerais que deberon particularizarse”, e que “o problema é a casuística, as circunstancias da curva, que require un estudo pormenorizado, hai que ir caso a caso”. Ao non facerse ese estudo concreto das circunstancias da liña non se puido detectar o risco que había en Angrois, veu dicir. "Sorprendeume que non se precatasen, cústame entender ou aceptar que pase iso nunha organización tan grande", incidiu noutro momento.
De detectarse o risco Adif debía palialo, e o perito puxo en dúbida que, como vén defendendo a empresa pública, a normativa non permitise instalar antes da curva de Angrois balizas automáticas de control puntual da velocidade (ASFA) que freasen o tren en circunstancias como a do accidente, co maquinista despistado e o ERTMS desconectado a bordo do Alvia. Segundo o experto, en Adif “hai unha certa discrecionalidade á hora de poñer un sinal na vía” pero “desde logo non está prohibido e hai moitas curvas que si o están”, dixo, e a de Angrois “sería unha perfecta candidata”.
Porque en contra do que vén mantendo Adif -que asegura que no sistema ferroviario, que é un medio de transporte guiado, as curvas non son consideradas un risco en si mesmas- o perito insistiu este martes en que de toda a liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago a curva de Angrois era precisamente o punto máis perigoso e o que máis atención debera recibir por parte de Adif se non se limitase a aplicar alí as normas de xeito xenérico.
O perito coincidiu nas liñas fundamentais da súa declaración cun experto en seguridade da Axencia Ferroviaria da UE do que tampouco se puxo en dúbida a independencia e solvencia
A declaración de Mariñas Dávila deste martes coincidiu nas súas liñas fundamentais coa dun experto en seguridade da Axencia Ferroviaria da UE, Christopher Carr, que o pasado decembro tamén considerou que Adif debía controlar o exceso de velocidade en Angrois e que as curvas son consideradas de sempre no sistema ferroviario un risco en si mesmas. Ao contrario do que vén ocorrendo con outros peritos xudiciais ou de parte, a independencia e solvencia de Mariñas e Carr non foi posta en cuestión nas súas comparecencias.