Edmundo Parras, da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do ministerio, insiste na súa independencia, que foi desmentida pola Audiencia da Coruña e a UE malia manobras políticas para tentar silenciar as críticas europeas
En 2016 a Axencia Ferroviaria da UE estableceu que a investigación oficial do accidente de Angrois realizada polo Ministerio de Fomento, na que se concluíu que a causa do mesmo fora o maquinista por non frear a tempo antes da curva, non fora independente e non pescudara noutras posibles causas como as eivas de seguridade que había na liña de alta velocidade Ourense-Santiago. Esa análise oficial do sinistro foi realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), cuxos membros eran nomeados polo ministerio, e este mércores compareceu no xuízo de Angrois o técnico que a dirixiu, Edmundo Parras, que se ratificou nas súas conclusións e defendeu a súa independencia. Unha independencia que xa foi desbotada durante a instrución do caso pola Audiencia Provincial da Coruña, que estableceu en varios autos que o seu informe “non pode ser tido como unha avaliación de axentes independentes”.
Durante a comparecencia deste mércores o investigador da CIAF ratificouse no contido do seu informe, e ante unha repregunta do fiscal sobre se a “causa” do mesmo estivo relacionada co maquinista e o seu despiste pola chamada que recibiu do interventor a súa resposta foi que así fora.
Parras argumentou durante toda a súa declaración que non había ningunha normativa que obrigase a Adif a actuar doutro xeito e instalar máis seguridade en Angrois. E ante a crítica da Axencia Ferroviaria Europea de que no seu informe non afondara nas posibles “causas raíces” do sinistro máis alá do maquinista, a súa resposta foi que nin a directiva comunitaria sobre investigación de accidentes nin o real decreto español que a traspuxo concretaban esa cuestión.
O técnico lamenta agora que na súa investigación non dese voz ás vítimas, como establecía a normativa europea, "porque sería o seu"
Ao técnico tamén lle preguntaron por que non se deu voz durante a súa investigación ás vítimas, como establece a normativa comunitaria e reprochou a Axencia Ferroviaria Europea. Ao igual que coa non pescuda das “causas raíces”, Parras argumentou que o decreto español que traspuxo a normativa europea non recolleu ese aspecto, e lamentou non ter dado participación ás vítimas no seu momento “porque sería o seu”. Esa cuestión foi corrixida noutros accidentes despois da investigación de Angrois.
Durante o seu interrogatorio o avogado do maquinista puxo o foco en que malia que o informe da CIAF situou a causa do accidente no maquinista, as súas recomendacións de mellora futura do sistema ferroviario foron todas dirixidas a Adif, Renfe ou o ministerio para que implantasen máis medidas de seguridade e “ningunha” aos maquinistas.
Sobre a súa independencia e o seu propio traballo, o investigador lembrou que el, agora recentemente xubilado, era funcionario e que o seu informe foi aprobado por unanimidade polo Pleno da CIAF, conformado por expertos de recoñecido prestixio nomeados daquela directamente polo Ministerio de Fomento. Cando a CIAF e o ministerio souberon que a Axencia Ferroviaria Europea quería facer público que a súa investigación non fora independente e non pescudara nas “causas raíces” do accidente o propio Parras tentou reducir o alcance das críticas comunitarias. Unhas manobras do Ministerio de Fomento nas que participou, como desvelou Praza.gal, a daquela ministra, a popular Ana Pastor, que advertiu cunha carta persoal á comisaria de Transportes da UE de “medidas” se facía pública a valoración da Axencia Ferroviaria Europea sobre a CIAF.
Posteriormente, durante a investigación política de Angrois no Congreso dos Deputados, o presidente daquela da CIAF, Vicente Rallo, de quen dependía Parras, dixo que a propia ministra Ana Pastor impediu que se reabrise a investigación oficial tras coñecerse as críticas da UE, declaracións que rectificou ás poucas horas tras mobilizarse o PP e a contorna de Pastor para desmentilo.
A CIAF, agora formalmente independente do ministerio, segue negándose a realizar unha nova investigación técnica de Angrois como vén reclamando a UE
A normativa que regula a CIAF xa cambiou e agora os seus membros xa non son nomeados directamente polo ministerio senón polo Congreso. Pero eses membros agora formalmente independentes seguen negándose a facer unha nova investigación técnica oficial de Angrois malia as peticións reiteradas da Comisión Europea, que considera que esa análise segue aínda pendente de cumprir coa normativa comunitaria. Pola súa banda os sucesivos gobernos centrais veñen argumentando que como a CIAF agora xa é independente non pode ordenarlle que faga esa investigación.
Ante o bloqueo xurídico pola agora independencia da CIAF e a súa negativa a reabrir a investigación como pide a UE, a plataforma de vítimas de Angrois iniciou outro proceso xudicial contra o Estado na vía contencioso-administrativa, na que agora será o Tribunal Supremo quen decida se a CIAF está a actuar legalmente.