Feijóo pásalles a tesoira aos empregados públicos pola vía rápida e co único apoio do PP

Manifestación de traballadores públicos, ás portas do Parlamento CC-BY-SA Merixo

O PP e a Policía. Son os únicos soportes que tivo este mércores a lei de recortes aos empregados públicos nas dúas frontes ás que se someteu este martes, a parlamentaria e a da rúa. Desde primeiras horas da mañá, persoal da Xunta respondeu á chamada unitaria de todos os sindicatos da función pública para amosar diante do Parlamento o seu frontal rexeitamento ao recorte. Cando no interior do Pazo do Hórreo comezaba a sesión, milleiros de persoas protestaban xa sonoramente "na defensa dos servizos públicos" e "contra o recorte dos dereitos", todos eles controlados por en torno a unha trintena de axentes da Policía equipados con material antidisturbios, que formaban unha ringleira ante as pancartas sindicais. No hemiciclo comezaba o procedemento de lectura única do proxecto, a vía legal máis rápida posible, elixida polo Goberno galego para sacar adiante en apenas doce días un plan que, entre outros aspectos, reduce remuneracións, diminúe xornadas laborais aos interinos e amplíalla aos funcionarios e mingua prestacións sociais.

Muñoz: "A lei é necesaria, oportuna e imprescindible"

A quen tiña que defender a lei dende a tribuna, a conselleira de Facenda, sumáronselle as presións da protesta e do debut -era o seu segundo pleno e o primeiro texto lexislativo que defendía-. Combinando o seu perfil técnico co manual de partido, Elena Muñoz botou man dunha fórmula moi semellante á utilizada por Mariano Rajoy para defender a reforma laboral. A "lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público" é "necesaria, oportuna e imprescindible", asegura. "Corrixe disfuncionalidades" e, sobre todo, "aforra" nun tempo de imprescindible "adaptación á crise económica" pola vía da "contención do gasto non produtivo e a austeridade". "Pídolles o apoio", solicitou retoricamente dos grupos da oposición.

Pendentes do que acontecía na rúa, simbolicamente pero tamén a través dos seus ordenadores, PSdeG e BNG non obviaron a tensión que vén rodeando a nova lei, agudizada polo desaloxo dos representantes sindicais que seguían o debate desde a tribuna da Cámara tras amosar carteis de protesta. Como está establecido, o primeiro en abrir fogo foi o Bloque, representado por Alfredo Suárez Canal. Experto na materia, o veterano deputado nacionalista ve no recorte ao persoal da Xunta a "certificación dun fracaso", o do gabinete de Feijóo. "Non foron quen" de solucionar a crise, como prometeran en campaña, di, e por iso os conservadores "entran a saco nos dereitos dos empregados públicos", facéndoo ademais "vía modificación dos orzamentos", apenas dous meses despois de que fosen aprobados. "Funcionaban con miras electorais, como había un proceso electoral o 20 de novembro, nos orzamentos -que comezaron trámite en outubro- non había que desvelalo todo", reprocha.

Suárez Canal: "Non son quen de solucionar a crise e entran a saco nos dereitos"

Para Suárez Canal, o plan da Xunta "cercena dereitos" dende o seu propio procedemento de aprobación, cunha lectura única "escandalosa" que "demostra que, en realidade, hai un goberno indolente para mellorar a actividade económica" e "recorre a gobernar por decreto". Trátase, di, "dunha tramitación aberrante" para "atentar" contra "normas fundamentais de convivencia no estado democrático", como a negociación colectiva dos traballadores públicos, co obxetivo de "deteriorar os servizos públicos" para logo "privatizalos"

"Criminalizar os empregados públicos" e facelos "responsables da crise"

Como xa acontecera nas xornadas previas, a oposición de PSdeG e BNG soou harmónica. Se planificalo, a intervención de Suárez Canal tivo continuación lóxica na do voceiro socialista, José Manuel Lage Tuñas quen, como o deputado do Bloque, ve na lei de recortes unha intención de "criminalizar os empregados públicos" e facelos responsables da crise. "Non son cifras, son persoas", subliñoulle Lage á conselleira, nunha intervención na que puxo especial interese en traducir o contido da lei a termos tanxibles. "Cando poñen nun papel que non van cubrir baixas, o que están dicindo é que vai haber menos persoal sanitario", exemplifica. O propósito final, asegura, é "desviar unha parte dos cidadáns" a  que "busquen servizos no ámbito privado".

Lage: "Cando pon nun papel que non vai cubrir baixas, di que vai haber menos persoal sanitario"

Como Suárez Canal, Lage identifica alternativas ao recorte -que segundo a Xunta permite aforrar 80 millóns ao ano-. "Propón dinamitar servizos públicos, reducindo a contratación e minguando as prestacións" pero "ao mesmo tempo", censura, continúa o "despilfarro de manter oficinas no exterior por valor de 18 millóns" a través dun "convenio coa Confederación de Empresarios". O mesmo, di, vale para as delegacións territoriais do Goberno, con "comisarios políticos a maior gloria de Rueda e Feijóo". Lage pregúntase por que o recorte "non comeza por aí".

Co pleno caldeado e o son da protesta penetrando os muros do Hórreo, Lage Tuñas completou a súa intervención facendo memoria recente coa "lectura dun texto", concretamente, o do programa electoral do PP. "Todo incumprido", resumiu o parlamentario do PSdeG tras debullar propostas como "mellorar as condicións de traballo dos empregados públicas", "unha nova lei da función pública", "pleno desenvolvemento da carreira profesional", "incrementar de forma significativa o fondo de acción social -recortado coa nova lei-" ou "unha cláusula de revisión salarial para frear a perda retributiva". "Era o programa co que se presentou, aquel de Feijóo 009", "tiña licenza para matar e se lle deixamos, acaba co país", ilustra.

O rebumbio nas bancadas populares era tamén diagnosticado por Suárez Canal. "É normal que se poñan así, porque en catro anos, nos que nos dixeron que nos ían sacar da crise, foron incapaces". "Entran no último treito da lexislatura a cercenar dereitos fundamentais, recortar salarios, recortar prestacións, modificar as condicións de traballo e dirixir os servizos públicos cara á privatización". Todo iso, di, "utilizando a chantaxe como variable de Goberno", conclúe. Finalmente, como era de agardar, 38 votos a favor e 37 en contra.

Traballadores da CRTVG, nunha protesta CC-BY-SA Merixo
Elena Muñoz, durante a defensa da lei © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.