Peches na Xunta, na CRTVG e nos hospitais para rexeitar o recorte aos empregados públicos

Protesta na sede da Xunta en Lugo CC-BY-SA CIG

Unidade sindical e política, 4.000 sinaturas e tamén peches. As horas previas á aprobación da medida"lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma" foron horas de protesta nas múltiples sedes da Xunta en todo o país, pero tamén noutras instalacións públicas como os hospitais ou a sede da Compañía de Radio Televisión de Galicia.

Carteis con lemas como "a nosa dignidade non é recortable" ou "eu tamén estou diante do Parlamento" foron poboando ao longo do día boa parte das instalacións oficiais para esixir a retirada dun proxecto que, entre outros aspectos, reduce a xornada dos interinos, forza as xubilacións sen reemprazar as baixas, recorta prestacións sociais ou diminúe remuneracións. Avalados pola unidade de acción de CIG, CCOO, UGT e CSI-F, os peches chegaron tamén ao complexo administrativo central da Administración, en San Caetano, onde, segundo sinala a CIG, a intención dos traballadores é permanecer ata a propia aprobación da lei, na mañá do martes.

As mobilizacións trasladaranse tamén, nos momentos previos ao pleno do Parlamento, ás inmediacións do Pazo do Hórreo. No interior, PSdeG e BNG rexeitarán o plan gobernamental, que segundos os conservadores é "necesario" e non afecta aos salarios, insisten.

Peche no salón de actos de San Caetano CC-BY-SA CIG
Asemblea no Hospital da Coruña CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.