Fronte común de PSdeG, BNG e sindicatos contra os recortes aos empregados públicos

Mobilización dos empregados públicos © CCOO Galicia

A Xunta contra o mundo. Vinte e catro horas antes de que culmine no Parlamento a rapidísima tramitación da "lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma", isto é, do plan de recortes ao conxunto do persoal ao servizo da Administración autonómica, as dúas forzas da oposición parlamentaria e todos os representantes dos propios traballadores veñen de sacar músculo a xeito de fronte común. Como era de agardar, en senllas xuntanzas socialistas e nacionalistas amosaron o seu total apoio ás reivindicacións unitarias de CIG, CCOO, UGT, CSI-F e USO e, no pleno que celebrará o Parlamento este martes, esixirán a devolución do proxecto de lei tanto polo xeito en que foi tramitado, por "autoritario", como sobre todo polo "ataque aos servizos públicos" que, afirman, trae consigo.

A irritación das centrais sindicais non vén dada só polo propio plan de recortes -que abrangue dende xubilacións forzosas a recortes nas prestacións por baixa ou reducións de xornadas-, senón polo feito de que, din, non houbese lugar a negociación posible. Neste sentido, o responsable da área de función pública de Comisións, Ramiro Otero, lamenta especialmente que non puidesen dispoñer oficialmente da "exposición de motivos" da lei ata o encontro cos grupos da oposición. "Grazas ao PSdeG e ao BNG fomos quen de ter na man o motivo da rebaixa dos nosos salarios". Deste xeito, di Otero, queda demostrado o "sentido claro" da "negativa das organizacións sindicais" a sentar coa Consellería de Facenda para negociar: "a falta de información".

O propio contido do plan de recortes é tamen para as centrais sindicais motivo dabondo para que non haxa lugar á negociación. Cómpre a "retirada do texto enteiro", sinala Carmen López Santamariña, da CIG, en cuxa opinión non procedeu "negociar punto por punto porque todos son lesivos", tanto para "os traballadores" como "para o conxunto dos servizos públicos" mediante a "liquidación de condicións de traballo e de postos de traballo". Con esta interpretación coincide José Francisco Méndez, de CSI-F, que ve no proxecto do gabinete de Alberto Núñez Feijóo un verdadeiro risco para uns servizos públicos que ata agora foron "modélicos" e tamén "dos máis baratos" de Europa. A sanidade, por exemplo, supón "o 6% do produto interior bruto, dous puntos por baixo da media da Unión Europea". "Estamos dispostos a traballar na procura da eficacia, se hai absentismo, estamos dispostos a poñer as medidas para previlo". Pero todo iso, advirte Méndez, "só pode facerse co diálogo, non con imposicións e leis non negociadas".

A oposición ofrece alternativas ao axuste

Así as cousas, o Goberno galego transitará entre un enorme cabreo dos representantes do persoal para chegar á Cámara e alí defender este martes, tamén en solitario, a súa tesoirada. Diante do seu proxecto a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, atopará tamén os deputados de PSdeG e BNG que, ademais de no rexeitamento, coinciden tamén á hora de formular alternativas aos recortes. Tras coñecer de primeira man as demandas sindicais, o voceiro socialista en materia de función pública, José Manuel Lage Tuñas, ve a Feijóo decidido a "pór enriba das costas dos traballadores públicos o custo da crise económica", facéndoo ademais amosando "a súa faciana máis déspota", aprobando a lei cun trámite de urxencia que reduce ao mínimo a capacidade de intervención da oposición.

No capítulo das alternativas, Lage coida que hai vías de aforro que deben ser exploradas antes de meter a tesoira no funcionariado. "Non se pode manter unha oficina da Xunta en Miami que custa máis de 11.000 dólares ao mes e ao mesmo tempo recortar servizos e negarlle dereitos aos traballadores, non se poden manter as delegacións territoriais mentres non se cubren baixas do persoal médico e se deteriora o ensino público", exemplifica. Do mesmo xeito, a voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, lembra que os nacionalistas defenderán no pleno un texto alternativo completo á lei de Feijóo, con "outro tipo" de "racionalizacións": supresión das deputacións e das delegacións territoriais, eliminación do gasto "en propaganda" ou "axustes no gasto de gabinete". Ademais, di, a eliminación do plus de altos cargos debe ser "definitiva".

Xunto a eses axustes, o paquete de medidas que proporá o Bloque inclúe tamén unha proposta de "incremento da recadación" mediante unha suba do treito autonómico do IRPF ás rendas máis altas e a recuperación plena do imposto de patrimonio. Con todo, non semella que estas iniciativas vaian ter acollida no Goberno, ao que lle abondan os votos do PP para sacar adiante o proxecto pola vía rápida. Desde a súa aprobación no Consello da Xunta e a súa ratificación definitiva median tan só doce días.

Cartel das protestas do persoal en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.