Luz verde á reforma da atención primaria do Sergas un ano despois do último plan frustrado

O conselleiro Gómez Caamaño presenta a reforma da atención primaria CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Hai case un ano, a mediados de outubro de 2025, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentaba na mesa sectorial un modelo para unha nova atención primaria que foi rexeitado por sindicatos e organizacións médicas, que responderon con protestas e varias xornadas de folga. Logo de urxentes e apuradas negociacións, a Xunta pactou con CCOO, CSIF, UGT ou Simega —e logo con O'Mega pero non coa CIG, central maioritaria— uns compromisos para outro intento de reforma da atención primaria. Un plan que vén de aprobar este luns o Consello da Xunta.

O Consello da Xunta aproba o plan para reformar a primaria un ano despois de que o Sergas presentase un novo modelo rexeitado con protestas e folga polos sindicatos

O presentado por Gómez Caamaño é o enésimo plan para os centros de saúde e os PAC (Puntos de Atención Continuada). Unha reforma pendente desde hai tempo. Como mínimo desde que hai máis de sete anos a Xunta creara o Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia (CTAP), un órgano colexiado, con representantes de sociedades científicas, colexios, sindicatos e asociacións profesionais, desde o que choveron críticas pola falta de atención á súa diagnose e ás súas recomendacións para, precisamente, abordar un novo modelo. 

Centro de saúde da Valenzá, en Barbadás CC-BY-SA Sergas

Aquel consello técnico fora creado tamén tras outro intento frustrado dun novo modelo para a atención primaria e ante a ameaza de folga. Porque a falta de persoal médico e remuda xeracional, o aumento nas listas de espera, a escaseza de recursos ou a saturación levan tempo afectando os centros de saúde para quen Gómez Caamaño defende esta reforma "moi ambiciosa", cun orzamento de 320 millóns de euros até 2030 e da que lembra que ten o apoio maioritario dos sindicatos, aínda que tampouco desta vez do maioritario na sanidade galega, CIG-Saúde. 

O plan ten un orzamento de 320 millóns ata 2030, prevé crear 644 prazas para novos profesionais, limitar a 30 as consultas por axenda médica e complementos pola complexidade dos pacientes

O Consello da Xunta deu luz verde a este plan, negociado desde hai meses na mesa sectorial, do que destaca a limitación das axendas dos médicos de familia a 30 actos asistenciais e a inclusión de complementos retributivos segundo a complexidade dos pacientes atendidos. 

Tras os primeiros anuncios do presidente Rueda, Gómez Caamaño detallou unha reforma que busca "reducir a carga burocrática" dos profesionais e aumentar o tempo clínico de atención aos doentes, ordenar o exceso de demanda e mellorar as condicións laborais, entre outros obxectivos. "En definitiva, garantir a mellor calidade na atención sanitaria", dixo.

En números, o plan pretende crear 644 prazas para novos profesionais ata 2030 e mellorar os centros de saúde de 40 concellos, así como dotar a primaria de novos servizos, como podólogos ou máis psicólogos. 

O novo modelo comezarase a probar esta semana en 14 centros de saúde

Así, en canto á estrutura, ademais da nova dirección xeral de Atención Primaria e Comunitaria, replicarase ese reforzo nas diferentes áreas sanitarias. Caamaño avanzou que están a ultimar o decreto que regulará as direccións en cada distrito sanitario e que potenciarán tamén as figuras dos xefes e coordinadores de servizo nos centros de saúde.

Respecto das axendas, serán 30 as consultas máximas por axenda para médicos de familia e 25 para pediatras, aínda que haberá unha parte flexible da asistencia que o profesional xestionará xunto cos xefes de servizo e tendo en conta as características do paciente e a súa contorna. 

Rueda e Gómez Caamaño, na presentación da reforma de atención primaria CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

As primeiras probas deste novo modelo faranse a través de programas pilotos que comezarán esta mesma semana en 14 centros de saúde, dous por cada área sanitaria. 

Máis e novas prazas

En canto aos recursos humanos, incrementaranse en 383 as prazas en 16 categorías profesionais, ás que se suman as 50 das unidades técnicas de apoio á atención primaria, en funcionamento desde maio e que prestan apoio aos centros de saúde dende a súa localización no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

A idea é crear 45 prazas de médicos de familia en centros de saúde e 18 nos PAC; dúas de pediatría; 47 de enfermaría —45 para medicina familiar e dúas para pediatría, para cumprir a ratio 1:1 entre medicina e enfermaría—; 45 prazas de matronas; 48 prazas de farmacéutico en primaria; 45 de fisioterapia; 10 de hixienista bucodental e outras tantas para odontólogos; oito prazas novas de nutricionista; e 27 para traballo social.

Ademais, engadiranse novas categorías profesionais aos centros de saúde, como é o caso dos podólogos, con 28 prazas

Gómez Caamaño defendeu que esta ampliación se basea nos criterios e ratios acordados na mesa sectorial, avalada por CSIF, UGT e CCOO. "A CIG, como sempre, non se sumou ao acordo", criticou o conselleiro, que aclarou tamén que estas novas prazas estruturais poderán completarse con reforzos conxunturais se fosen necesarios.

"A CIG, como sempre, non se sumou ao acordo", reprocha o conselleiro

A estes reforzos estiman destinar máis de 21,5 millóns de euros, aos que suman os 10,3 millóns de euros para a creación de novas categorías que reforcen os cadros de persoal nos PAC, coa incorporación de 211 profesionais ata 2028. Concretamente, 100 novas prazas de médicos, 80 de enfermaría e 31 de persoal de xestión e servizos

No que ten que ver cos complementos retributivos segundo a complexidade dos pacientes e os postos asistenciais máis exixentes, séguense a negociar na mesa sectorial. Aplicaranse estes pluses vinculados á idade dos doentes, número de tarxetas sanitarias ou ao despoboamento e a dispersión. 

En canto a medios materiais e infraestruturas, o Sergas prevé investimentos por máis de 278 millóns de euros, impulsando a construción de novos centros de saúde a reforma doutros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.