Trinta consultas de 10 minutos: os motivos de O'Mega para frear a folga nos centros de saúde

Persoal médico pechado no centro de saúde Olimpia Valencia de Vigo, un dos epicentros da folga de O'Mega, o pasado día 20 © O'Mega

A organización gremial dá por acadados fitos "históricos" para deter a súa mobilización cun pacto que Sanidade presenta como "adhesión" aos acordos sobre Atención Primaria que xa pechara con outros sindicatos

As xornadas efectivas da folga na Atención Primaria convocada polo sindicato médico O'Mega foron 15, dende o 2 de marzo e ata este pasado martes, día 24. E malia ás escasas porcentaxes de seguimento relatadas polo Sergas, a propia Consellería de Sanidade puxo outros números para cuantificar o seu impacto: máis de 70.000 consultas suspendidas. Concretamente, 72.124 a causa dun conflito que agora frea pola vía do pacto con esta organización gremial.

Tras dúas xornadas de negociación maratoniana, O'Mega decidiu cancelar a mobilización. Aseguran que lograron o groso do que pedían, a comezar por que "os pacientes teñan acceso por primeira vez na historia do Sergas a unha consulta de 10 minutos, o dobre da media establecida ata agora". "Estará plenamente implantado en outubro", aseguran.

Concentración de persoal médico en apoio á folga de Atención Primaria, o pasado día 23 no centro de saúde coruñés dos Rosales © Asemblea Médicos de Familia da Coruña

Ademais, sosteñen, o persoal médico "verá cumprida a súa histórica reivindicación dun límite ordinario de 30 actos médicos por xornada" xa que a partir da trixésimo primeira consulta entrará en xogo a denominada "axenda de continxencia". Sempre segundo O'Mega, este cambio "non suporá un incremento nas listas de espera" que xa rexistran moitos centros de saúde porque "o exceso de demanda será asumido por un mecanismo que xerará" esas novas axendas de continxencia ou "absorción". Non especifican, así e todo, quen profesionais e en que condicións asumirán ese labor.

Conselleiro e O'Mega coinciden en destacar que acordaron "reducir" os tramos de horas necesarios para que o persoal médico poida cobrar o complemento por "xornada complementaria" nos PAC

Outro dos compromiso que, di esta organización de persoal médico, lograron que Sanidade asinase foi fixar "novos criterios de cómputo da xornada nos puntos de atención continuada", os PAC, con efectos retroactivos dende o pasado 1 de xaneiro. Así, din, o Sergas vai "reducir o tramo necesario para obter a retribución" por xornada complementaria, "pasando de 160 horas actuais a 140 este ano, 130 en 2027 e 122 en 2028". As melloras, agregan, inclúen aceptar a "voluntariedade das gardas en Atención Primaria".

O conselleiro de Sanidade, pola súa banda, presenta o acordado como unha "adhesión" ao "marco establecido en novembro con cinco formacións sindicais", en referencia aos pactos pechados con CCOO, UGT, CSIF, Simega e Satse para procurar frear as folgas a finais do pasado ano. Neste sentido, Antonio Gómez Caamaño asegura que o asinado inclúe "avanzar na limitación efectiva a 30 actos asistenciais" como "continuidade ao acordo xa alcanzado co sindicato médico Simega" e confirma o relativo á ao "mecanismo para absorber a sobredemanda" e mais a "redución de tramos" para obter remuneración por horas extra nos PAC.

O conselleiro de Sanidade e a secretaria xeral técnica do departamento, Natalia Lobato, explicando o pacto con O'Mega, este 25 de marzo de 2026 CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

Matiza o responsable sanitario da Xunta que "estas medidas serán abordadas nos foros de negociación oficialmente establecidos no Servizo Galego de Saúde", isto é, na mesa sectorial que representa o conxunto do persoal sanitario e non só o persoal médico. Neste sentido, di reiterar o "ofrecemento" á CIG-Saúde para "que se sume á negociación da reforma da Atención Primaria pactada xa con seis forzas sindicais".

[O Sergas negocia hai seis anos con centos de expertos a nova Primaria que agora promete para frear as folgas]

O pacto non implica a fin da conflitividade nos centros de saúde, a comezar pola folga convocada pola CIG-Saúde para este xoves, día 26

Porque o certo é que este pacto non supón a fin da conflitividade na Atención Primaria en particular e no Sergas en xeral. Non en van, este mesmo xoves os centros de saúde van vivir outra xornada de folga, a convocada precisamesnte pola CIG-Saúde, principal central sindical entre o persoal sanitario, para denunciar "sobrecarta asistencial, falta de persoal e organización ineficiente".

A central sindical vén reclamando medidas como "dotar a Atención Primaria de maior autonomía", "incremento de persoal en todas as categorías" ou máximos de pacientes por profesional e día, coma as devanditas 30 consultas en Medicina de Familia ou 20 en Pediatría. Tamén outras accións en materia de "melloras das condicións laborais e retributivas".

Concentración da CIG-Saúde ante a sede central do Sergas, durante a folga en Atención Primaria do pasado 12 de marzo CC-BY-NC-SA CIG

Alén disto, organizacións médicas continúan desenvolvendo a folga en protesta polo Estatuto Marco aprobado polo Ministerio de Sanidade, que combinan con outras reclamacións dirixidas á Xunta. Neste contexto encádranse medidas de presión de persoal médico como a negativa en diversos hospitais a facer peonadas, isto é, as operacións fóra de horas para reducir listas de espera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.