A folga dunha xeración: a mocidade liderou unha mobilización histórica na que todo o mundo se atopou

Carteis na manifestación convocada pola CIG na Coruña na folga xeral do 11N CC-BY-SA Praza.gal

O 11 de novembro é xa unha data que ficará para a historia do país e de toda unha xeración. A folga xeral tivo unha participación limitada no ámbito laboral pero a mobilización nas rúas foi masiva e histórica, liderada polos e polas máis novas, que dixeron que xa abonda

O 11 de novembro é xa unha data que ficará para a historia do país e de toda unha xeración como o foi, por exemplo, o 1 de decembro de 2002 (manifestación dos paraugas que deu inicio a Nunca Máis) ou o 15 de maio de 2011 que deu lugar ao movemento 15M. 

A folga xeral tivo unha participación limitada no ámbito laboral ("asimétrica", segundo algún sindicato) con grandes diferenzas por sectores e territorios. En Galicia a mobilización estivo entre as meirandes de todo o Estado. Pero as manifestacións que a acompañaron na rúa foron masivas e históricas. Tanto polo número de participantes nas marchas convocadas pola mañá e pola tarde coma, sobre todo, polas características cualitativas desta mobilización.

A mocidade -dende adolescentes a quen roza a corentena- liderou as protestas con entusiasmo, decisión e sen complexos. Para moitos e moitas foi a súa primeira folga xeral (sen contar as mobiliacións de mulleres do 8M en 2018 e 2019, este foi o primeiro paro xeral en 14 anos). E quizais por isto esta foi unha xornada distinta. 

Cartel na manifestación convocada pola CIG na Coruña na folga xeral do 11N CC-BY-SA Praza.gal

Os sindicatos, sempre organizados fixeron o seu traballo, tamén os colectivos de vivenda, pero o salto cualitativo deuno a participación masiva dunha anónima masa que se atopou nas rúas cun berro común

Os sindicatos, sempre organizados -o dique permanente ante todo intento de recorte de dereitos- fixeron o seu traballo, tamén os colectivos de vivenda, pero o salto cualitativo deuno a participación masiva dunha anónima masa que se atopou nas rúas cun berro común. Mozos e mozas que dixeron que xa abonda, que a especulación inmobiliaria, a vivenda como negocio e ben de mercado e a concentración da propiedade das casas en cada vez menos mans está a poñer en risco o seu futuro.

Nas manifestacións convocadas pola mañá e pola tarde en Galicia puideron verse (e lerse) un gran número de carteis feitos na casa polos protagonistas da mobilización. Con mensaxes simples e directas debuxadas sobre un cartón: "A avaricia rompe o barrio", "Eu quero un fogar, non especular", "Teito é dereito" ou "Vivenda digna, vida digna", "O meu salario é un chiste, o teu aluguer é un atraco" ou "Manolo, inviste en ciencia, non en vivenda".

Nas rúas atopáronse tamén coas outras xeracións: os seus pais e nais, avós e avoas, preocupados polo presente e polo futuro dos servizos públicos, das pensións ou das liberdades. Veteráns doutras loitas ás veces derrotadas, pero que unha e outra vez se volven mobilizar. 

"Temos as chaves da cidade", foi unha das mensaxes máis repetidas, subliñando o poder da cidadanía organizada para facer valer a súa vontade. Unha mobilización que non é o final, senón que é o comezo

A folga era pola vivenda, pero tamén pola suba dos prezos e polos salarios. Contra a transferencia de rendas dende o traballo ao capital, contra o progresivo avance do neoliberalismo que ameaza os servizos públicos ou as pensións. Unha impugnación ideolóxica á deriva liderada polo tecnofeudalismo e o neofascismo ao servizo das grandes fortunas.

"Temos as chaves da cidade", foi unha das mensaxes máis repetidas, subliñando o poder da cidadanía organizada para facer valer a súa vontade. Milleiros de persoas fixeron soar as chaves das súas casas ao remate das marchas da tarde que se sobrepuxeron á chuvia de novembro. Unha mobilización que non é o final, senón que é o comezo. Como destacou a Plataforma pola Vivenda da Coruña ao remate da marcha: "a folga xeral foi un golpe sobre a mesa mais a loita non remata cando pregamos as faixas: a especulación non descansa, así que nós tampouco podemos facelo".

Repasamos neste interactivo o que deu de si a xornada de folga xeral ao longo do país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.