O TSXG ratifica unha multa de 30.000 euros por contratar cinco persoas malia a advertencia expresa da inspección laboral de que non o podía facer durante a folga que estaba a rexistrar
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar por esquirolaxe á empresa Constellium Automotive Spain, auxiliar da automoción con sede no Porriño, por contratar cinco traballadores durante unha folga do seu persoal. A empresa foi sancionada con 30.000 euros pola inspección de traballo, recorreu e un xulgado do Social avalou hai un ano a multa. Pero a empresa volveu recorrer e agora o TSXG ratifica a existencia de esquirolaxe ante a prohibición legal de contratar persoal que poida substituír a folguistas.
Segundo o relato dos feitos da sentenza, a empresa sufriu unha folga en abril de 2024. Ante unha visita da inspección laboral, o avogado da empresa sinalou que precisaban contratar oito persoa, ao que a inspectora respondeu lembrando "que non podían contratar persoal durante a vixencia da folga por supoñer unha infracción por vulneración do dereito de folga". Malia esa advertencia expresa, uns días despois a inspección laboral constatou a presenza de varios traballadores contratados "durante a folga" a través dunha empresa de traballo temporal (ETT), tres na quenda de mañá e outros dous na quenda de tarde.
A empresa argumentou que adoita contratar todos os meses traballadores temporais a través da antedita ETT "e logo se os considera válidos os incorpora ao cadro de persoal". Pero a xustiza non valida esa argumentación ante a existencia dunha folga en curso.
A xustiza lembra que duranta unha folga só se pode contratar persoal "para a seguridade das persoas e das cousas"
A sentenza lembra que durante unha folga só se pode contratar persoal "para a seguridade das persoas e das cousas" ou mantementos necesarios "para a ulterior reanudación das tarefas da empresa". "Salvo que sexa posible acreditar que se trata desta última garantía, a prohibición de contratar traballadores durante a folga é absoluta, pois se sobrepón pola súa natureza de dereito fundamental o de folga e a súa protección esixe afastar calquera acción que poida vulnerar o seu exercicio e finalidade", engade.
Neste caso concreto, o TSXG avala a valoración que fixera xa previamente o xulgado do Social xa que ante a ausencia de probas por parte da empresa, "é imposible discernir que a contratación externa de traballadores durante a folga se produza por esas pretendidas razóns organizativas alleas a ela e por tanto o certo é que esa contratación suple un traballo que non se realizaría durante o exercicio da folga". Así que o TSXG remata confirmando a sanción de 30.000 euros.