A batalla gañárona os avogados do exministro Juan Miguel Villar Mir na prórroga dun proceso xudicial que se estirou durante cinco anos. O mesmo día que ía celebrarse a vista na que se acusaba un ex-alto cargo da Xunta que presidía Manuel Fraga en 2001 por permitir secar a fervenza do Ézaro e ás empresas do ex-ministro de lucrarse con esa decisión, os letrados de Villar Mir esgrimiron que o delito ambiental que se perseguía estaba prescrito. O batallón de xuristas do empresario logrou anular o caso invocando un cambio de criterio do Tribunal Constitucional a respecto da caducidade dos delitos.
Hai 17 anos e dun día para outro, a impresionante fervenza do Ézaro en Dumbría, das poucas en Europa que desembocaba directamente no mar, deixou de verter auga por decreto administrativo a principios de 2000. O Goberno que presidía Manuel Fraga viu máis útil que o caudal do río se utilizase para que un encoro do seu amigo o ex-ministro Juan Miguel Villar Mir producise máis enerxía.
A Xunta de Fraga pactou con Villar Mir que a agua fluíse pola fervenza un par de horas en fins de semana e festivos
Corrían aqueles tempos nos que o Partido Popular nadaba na abundancia das súas maiorías absolutísimas en Galicia e poucos se atreveron a discutir a decisión adoptada o 22 de marzo de 2001 que asinou un director xeral daquela Xunta Francisco Pan-Mantojo, hoxe afastado do política pero á fronte dunha consultora ambiental. A orde gobernamental deixou en suspenso o caudal ecolóxico do río. O Xallas, que sempre desembocara no mar, pasaba a morrer na central hidroeléctrica que Ferroatlántica -do grupo Villar Mir- explotaba un quilómetro antes da desembocadura. Do encoro cara a abaixo, xacía seco ou cunha cantidade mínima de auga. Agás algúns días do ano. Porque a solución que arbitrou o Goberno de Fraga foi pactar coa adxudicataria do encoro que a fervenza lucise caudalosa un par de horas en fins de semana e festivos. E así, nunhas cantas datas sinaladas -fixara un calendario que primaba a tempada alta- un empregado de Ferroatlántica presionaba un botón, a fervenza volvía caer ao mar e os turistas aplaudían o espectáculo.
Inauguración da fervenza
Que aqueles foron anos de realismo máxico en Galicia demóstrao a inauguración oficial da fervenza que chegou a celebrarse aos pés do río con Fraga e Villar Mir como mestres de cerimonias e petiscos para os asistentes. A partir dese primeiro domingo sucedéronse os recontos periódicos de visitantes.
Fraga e Villar Mir 'inauguraron' a fervenza con criterios baseados no "número de espectadores"
O informe que Ferroatlántica presentou á Xunta para xustificar que o río Xallas non precisaba na súa desembocadura un caudal mínimo ten data de 3 de agosto de 2000 e algúns parágrafos irrepetibles. Na súa páxina 18 a empresa defende as bondades da fervenza turística. O que segue é a transcrición literal dun dos parágrafos do documento oficial presentado pola empresa de Villar Mir e que o Goberno galego avalou: "Ao establecerse dunha forma fixa a ocorrencia da fervenza, esta pode ser observada por un maior número de espectadores, que son os que ao cabo definen a paisaxe. Ferrroatlántica, na súa permanente actitude de considerar e atender en todo o razoablemente posible as preocupacións sociais da zona, está a proceder na actualidade á solta de auga seguindo unhas consideracións:
- "Optimizar a cantidade de auga a gastar na obtención dunha fervenza que produza un efecto estético que incentive a visita.
- Debe ter lugar nuns días e a un horario adecuado no cal sexa visible paara o maior número de persoas posible. O horario máis indicado para iso é os domingos ao mediodía.
- A súa duración deberá ser razoable, de forma que alcance un equilibrio entre o aproveitamento enerxético do recurso auga e o goce paisaxístico da natureza".
Treito do informe realizado pola empresa de Villar Mir para xustificar o secado da fervenza do Ézaro
E así se tramitaron os permisos para a primeira fervenza intermitente da historia que só recuperou o seu aspecto orixinal en 2011 grazas a que un grupo de ecoloxistas, a asociación Ríos con Vida, decidiu pór o asunto en mans dos xuíces.
No primeiro documento a Xunta obrigaba a empresa a preservar a vida do río, pero nun segundo trámite a mesma dirección xeral subtituíu o caudal ecolóxico polo "caudal turístico"
Cando recibiu o escrito de Ríos con Vida, o fiscal responsable de Medio Ambiente en Galicia, Álvaro García Ortiz, non tardou en presentar denuncia contra o alto cargo da Xunta Pan-Montojo, ao que acusou no inverno de 2011 de delito ambiental por obviar a Lei de Pesca Fluvial de Galicia, que obriga os saltos hidroeléctricos a " espectar o caudal ecolóxico necesario para facilitar o normal desenvolvemento das poboacións piscícolas". O seu escrito -que incluíu entón informes do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil- chamou a atención sobre un cambio na tramitación administrativa efectuado nos despachos do Goberno galego. No primeiro dos documentos que se presentaron como declaración de impacto ambiental, datado o 22 de xullo de 2000 -a autorización solicitáraa Ferroatlántica en 1999- a Administración autonómica obrigaba a empresa de Villar Mir a liberar 2,23 metros cúbicos de auga por segundo e a preservar, por tanto, a vida do río augas abaixo da presa. Pero nun segundo trámite, a mesma dirección xeral da Xunta modificou a declaración nove meses máis tarde atendendo aos desexos da empresa e prescindiu do caudal ecolóxico para substituílo por unha estraña figura sen encaixe legal: o chamado "caudal turístico". Ou o que é o mesmo: a apertura da presa un par de horas á semana como espectáculo.
A Xunta ordenou en 2011 restaurar o caudal
Un informe da Xunta na etapa do bipartito cualificou de ilegal o permiso concedido por Fraga
A instrución que levou a cabo un xulgado de Santiago de Compostela fixo aflorar abundante documentación interna durante o lustro que durou o proceso. E desvelou un informe asinado polo Goberno galego en 2007, daquela presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, que cualificaba de ilegal o permiso concedido pola Xunta de Fraga en 2001. Así as cousas, en 2011, outro Goberno do PP, desta volta presidido por Alberto Núñez Feijóo, obrigou a Ferroatlántica "por imperativo legal" a devolver á fervenza o 10% da súa auga natural. Pero o preito seguiu o seu curso no xulgado e a fiscalía ademais de acusar ao exdirector xeral Francisco Pan-Montojo dun delito ambiental e de pedir para el un ano e medio de cárcere, atribuíu á empresa de Villar Mir a condición de partícipe a título lucrativo e acusouna de embolsarse grazas ao secado do río 6,4 millóns de euros. No seu escrito o ministerio público pediu a Ferroatlántica un aval por 8,5 millóns, que saían de sumar aos beneficios obtidos durante aquela década os intereses de todo este tempo.
O fiscal de medio ambiente viuse obrigado a desistir da causa e informar a prol do arquivo o pasado xaneiro
O xuízo ía celebrarse por fin a principios de xaneiro. Pero o exército de avogados do grupo Villar Mir presentouse na vista cunha sorpresa de última hora. Invocou un cambio na xurisprudencia do Tribunal Constitucional, segundo a cal, os presuntos delitos cometidos en marzo de 2001 estarían prescritos. O criterio do Constitucional explicitado en varias sentenzas recentes pasa a considerar que a mera denuncia da fiscalía non interrompe o prazo de caducidade dos delitos senón que é necesaria que o xuíz a admita a trámite. Se entre unha e outra decisión, os delitos caducan, o caso deberá ser invalidado, argumenta o Constitucional en varias respostas a recursos de amparo.
Á vista desas resolucións, o propio fiscal do caso, Álvaro García Ortiz, viuse obrigado a desistir da causa e informou a favor do seu arquivo nun escrito datado o pasado 17 de xaneiro. O final estaba cantado e o xuíz acabou pechando definitivamente a causa hai unhas semanas. Secar unha fervenza natural e facer desaparecer un dos principais atractivos da Costa da Morte durante unha década enteira "e lucrarse con iso" saíu gratis.