Compostela Aberta propón declarar o centro de Santiago "zona saturada" de 'souvenirs'

Rúa do casco histórico de Santiago © Santiago Turismo

"Paralizar a especulación na cidade vella". É un dos principais obxectivos do paquete de medidas que vén de presentar a candidatura Compostela Aberta para, no caso de chegar ao Goberno de Santiago, reformular a regulamentación que rexe na zona monumental da capital galega, unha contorna afectada por unha importante presión turística que, din, cómpre reformular para que o turismo sexa "de calidade" e non dificulte a vida diaria da veciñanza. Entre outros plans, explican, proxectan declarar o centro histórico como zona saturada de tendas de 'merchandising' turístico.

O candidato de CA á alcaldía e o arquitecto Jorge Duarte, número tres da candidatura, sinalan que o seu programa concibe o casco histórico como "un motor e un símbolo da cidade" e, por iso, debe ser "coidada con especial atención". Neste sentido, o primeiro paso, sinala Duarte, sería establecer unha "moratoria para a apertura de novos locais hoteleiros" que permitiría, asegura Duarte, frear a actual "expectativa de posibilidade de alugueiro" que "o único que provoca é que aumente a burbulla especulativa".

Na liña do xa manifestado por representantes do sector hostaleiro, Compostela Aberta coida que "o ámbito da zona monumental ten un exceso de prazas" hoteleiras que "provoca uns índices de ocupación demasiado escasos na temporada baixa", o que deriva en máis precariedade e inestabilidade para o sector. O xeito de aplicar esta moratoria "sería unha modificación do plan especial" que rexe na zona histórica, declarada Patrimonio da Humanidade, e "centraríase na limitación de aperturas de novos hoteis, pensións, albergues ou apartamentos de alugueiro".

A candidatura aposta por promover unha moratoria na creación de novas postas hoteleiras e a reforma da polémica ordenanza de terrazas do PP

No que atinxe á declaración de novas "zonas saturadas" a finalidade sería aplicar a figura que xa rexe para, por exemplo, evitar as concentracións de fontes de ruído nocturnas, co obxectivo de "fomentar o comercio tradicional de base local". "É moi triste -afirma Duarte- ver como proliferan os cartaces de 'alúgase" mentres seguen a proliferar "as tendas centradas no merchandising que tamén elevan os prezos dos alugueiros artificialmente". A preservarción do comercio tradicional, detalla, implica tamén impedir o incremento de "usos ligados ao lecer" no mercado de abastos para que siga sendo "un espazo de comercio local", que tamén é "atractivo para os turistas".

A reformulación da normativa da zona vella, di, completaríase coa reformulación dunha das decisións máis controvertidas do goberno do PP, a ordenanza de terrazas, que sería modificada "nas primeiras semanas de goberno" atendendo especialmente a evitar as terrazas pechadas e con estruturas fixas, unha "privatización do espazo público" que "resulta inadmisíbel nunha cidade patrimonio da humanidade". "Preocúpanos moito a regulación de usos na cidade histórica", resume Noriega, quen advirte de que Compostela Aberta ve o turismo como "necesario e importante na economía local", se ben resulta "igual de importante" que "este turismo sexa de calidade, tanto para quen nos visita como para a veciñanza de Santiago".

Noriega e Duarte, presentando a iniciativa CC-BY-SA Compostela Aberta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.