O Centro Histórico compostelán: cidade viva ou parque temático?

O Concello de Compostela vén de establecer unha moratoria dun máximo de dous anos na concesión de licenzas de aloxamentos turísticos. Esta decisión debe ser interpretada á luz do capital simbólico do Centro Histórico, da natureza do investimento inmobiliario e da expansión internacional do turismo. Nunha economía globalizada, desregulada e financeirizada onde o capital flúe libre á busca de maiores e máis rápidos lucros, deixar un territorio co valor do Casco Vello compostelán a mercé da caprichosa voracidade do tándem turístico-inmobiliario sería temerario. Cómpre, pois, reflexionar e construír un modelo de turismo sustentable que protexa e valorice o Centro Histórico sobre parámetros de dinamismo socioeconómico.

A redución do custo do transporte aéreo, a proliferación de plataformas de reserva online e a popularización de patróns de lecer ligados ao turismo fan necesaria a protección da cidade ante o risco da súa mercantilización. En cidades como Compostela ―e na Europa meridional da “austeridade” en xeral― é fundamental ademais diversificar a economía para evitar o monocultivo dun sector hostaleiro que xera os empregos peor remunerados e máis precarios da matriz produtiva. Unha sociedade altamente dependente da hostalaría é unha sociedade máis empobrecida.

É fundamental diversificar a economía para evitar o monocultivo dun sector hostaleiro que xera os empregos peor remunerados e máis precarios

A rehabilitación do patrimonio edificado pode mellorar a compoñente material da cidade mais simultaneamente estragar o tecido social que lle dá sentido. Como identificara a activista norteamericana Jane Jacobs1 xa en 1961, a diversidade funcional e a existencia de vida cotiá e relacións sociais intensas e permanentes son condicións necesarias para a vitalidade e sustentabilidade urbanas. Ningunha delas é compatible co monocultivo de aloxamentos turísticos para inquilinos de dúas noites. En realidade, o turismo se non é regulado promove a mercantilización da cidade para consumo efémero de visitantes e beneficio de investidores. O espazo urbano é convertido nun escenario consumido pero non vivido e a comunidade local só é benvida cando a súa presenza aumenta o atractivo turístico do lugar.

Paradoxalmente para os seus propios promotores, a mercantilización implica homoxeneización e a homoxeneización implica menor atractivo turístico2. Compostela está nese momento crítico en que o turismo pode pasar de ser unha bendición a ser unha maldición; é exactamente agora cando cómpre intervir. A situación actual de cidades como Venecia ou Barcelona e a deriva experimentada actualmente polo Centro Histórico de Lisboa son exemplos do que ocorre cando o turismo masivo devora a cidade e esmaga calquera outro uso social e actividade económica.

Compostela está nese momento crítico en que o turismo pode pasar de ser unha bendición a ser unha maldición; é exactamente agora cando cómpre intervir

Os centros históricos son áreas únicas e prioritarias para a extracción de rendas inmobiliarias ligadas ao turismo. Cando as rendas potenciais en caso de rehabilitación e substitución de poboación superan as actuais prodúcese o que o xeógrafo Neil Smith3 definiu como “rent gap”. A perspectiva de negocio anima os investidores a mercar barato, rehabilitar e vender ou alugar máis caro. É entón cando se produce a “xentrificación”. Este fenómeno ―do que xa falan incluso as edicións dominicais dos grandes xornais europeos― consiste na substitución da poboación residente e da tipoloxía comercial de certas áreas urbanas “desvalorizadas” por outras de maiores recursos económicos. Nun contexto de empobrecemento, despegarmos os territorios máis valiosos das súas respectivas cidades e economías locais para os inserirmos no circuíto de circulación e acumulación do capital inmobiliario-financeiro transnacional parece unha pésima idea, pero é exactamente o que está a acontecer nos centros históricos do Sur de Europa.

Neste contexto, a web de reservas de cuartos ou pisos para turistas Airbnb xorde como metáfora da mercantilización da vivenda e como vehículo para o aumento das rendas inmobiliarias. Unha poboación precarizada que gaña “con sorte” 700€ ao mes dificilmente poderá acceder a unha vivenda no mercado convencional se o turístico ofrece unha media de 70€ por noite no centro de Compostela. Quen vai alugar un piso a tres estudantes por 500€ ao mes se gaña máis en catro fins de semana coa Airbnb? O mercado de aluguer convencional esmagado polo mercado temporal turístico ―moitas veces na ilegalidade. Sen dúbida o mito da “economía compartida” agocha unha máquina neoliberal de mercantilización residencial, igual que a Uber é metáfora da informalidade, desprotección e precarización laborais.

Urbes europeas como París, Berlín ou Barcelona xa introduciron prohibicións, moratorias e sancións para limitaren unha proliferación de aloxamentos temporais que está a expulsar residentes das áreas con maior presión turística

De feito, son xa varias as cidades que tentan limitar a mercantilización da cidade e da vivenda por parte do investimento turístico-inmobiliario. Urbes europeas como París, Berlín ou Barcelona xa introduciron prohibicións, moratorias e sancións para limitaren unha proliferación de aloxamentos temporais que está a expulsar residentes das áreas con maior presión turística. San Francisco, Nova York e outras cidades estadounidenses están a facer o mesmo. Vancouver engadiu unha taxa do 15% ás adquisicións inmobiliarias por parte de persoas físicas ou xurídicas estranxeiras non radicadas no Canadá, nun intento de controlar o prezo da vivenda ante a afluencia de investidores internacionais ―nomeadamente chineses.

É fundamental comezarmos a distinguir entre uso habitacional e explotación económica da vivenda, para preservar o dereito a teito e a diversidade socioeconómica das nosas cidades, incluído o Centro Histórico de Compostela. É tamén esencial que os beneficios que os sectores turístico e inmobiliario extraen do espazo urbano repercutan nos habitantes que producen a cidade. É tarefa do Concello fixar poboación residente no Centro Histórico e diversificar os seus usos comerciais, e a decisión de conxelar a concesión de licenzas de aloxamento turístico vai nesa liña.

_____________________________

1 Jacobs, J. (2011). Muerte y vida de las grandes ciudades. Madrid: Capitán Swing.

2 Harvey, D. (2005). El arte de la renta: la globalización y la mercantilización de la cultura. En D. Harvey & N. Smith, Capital financiero, propiedad inmobiliaria y cultura (pp. 29-57). Barcelona: Museu d'Art Contemporani de Barcelona e Servei de Publicacions de la Universitat Autònoma de Barcelona.

3 Smith, N. (1996). The new urban frontier: gentrification and the revanchist city. New York City: Routledge.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.