“A Xunta pechará acordos coas entidades de crédito para paralizar os desaloxos por execucións hipotecarias e dedicar vivendas baleiras a alugueiros sociais”. “A conxelación, un ano máis, das taxas universitarias permitirá ás familias un aforro duns 20 millóns de euros”. “O Goberno galego ampliará a exención do copago de medicamentos a 100.000 persoas máis”...
Na última semana, vinte días despois dos moi negativos resultados obtidos nas eleccións municipais do 24M, a catro ou cinco meses dunhas eleccións xerais que se prevén decisivas, e despois de dous anos e medio de lexislatura en Galicia, a Xunta aprobou ou anunciou unha serie de medidas en materia social. Unha batería iniciada a pasada semana co denominado Plan social contra a desigualdade económica, un documento de boas intencións que busca "unificar esforzos e recursos" pero con escasas novidades sobre as políticas xa coñecidas.
Os anuncios chegan vinte días despois dos moi negativos resultados obtidos nas eleccións municipais do 24M
Hai dous días chegaba esa proposta de "ampliación da exención do pago de medicamentos", que viría paliar un chisco o copagamento aprobado polo Executivo central, tamén do Partido Popular. Unha medida que se viña a sumar a outra promesa -realizada dúas semanas antes- dun novo sistema de axudas de libros de texto, e que tamén significaba unha clara rectificación na política aplicada anteriormente polo PP.
Este xoves o Consello da Xunta aprobaba dúas novas medidas de carácter social: por unha banda, a conxelación das taxas universitarias, destacando Alberto Núñez Feijoo que "Galicia segue sendo a comunidade española coas taxas máis baixas" e que “Queremos que en Galicia ninguén quede fóra da universidade por un problema económico”.
Pola outra, o Goberno galego avanzou a aprobación dun convenio de colaboración "que se asinará cos bancos para que as familias galegas non queden sen casa por motivos económicos". Núñez Feijóo defendeu que, en base a este convenio, nos casos de desaloxos por execución hipotecaria que afecten a familias cunha renda inferior a ata 4 veces o IPREM, a entidade comprométese a dar traslado inmediato á Administración autonómica e a non facelo efectivo ata que se chegue a unha solución. Trátase dun “procedemento co que quedaría pechado o risco de que unha familia poida quedar sen vivenda por razóns económicas sobrevidas”, asegurou. A Xunta tamén quere que "as vivendas baleiras que cedan os bancos destinaranse a afectados por desafiuzamentos por falta de pagamento do alugueiro e a outros colectivos con dificultades".
"É a desfeita electoral a que provoca este movemento"
Este súbito xiro social que o Goberno galego semella estar dando nas últimas semanas xa foi sinalado, entre a sorpresa e a crítica por algunhas forzas da oposición e sindicatos. “É a desfeita electoral do Partido Popular en Galiza nas pasadas municipais a que provoca este movemento da Xunta”, afirmou esta mañá o deputado de AGE Antón Sánchez. Un movemento “que amosa, ademais, que Feijóo admite a inexistencia de políticas contra os despexos despois de sete anos de crise”, engadiu. Para Sánchez, que o presidente do Goberno galego "afirme hoxe que vai realizar un censo de vivendas baleiras unicamente demostra o propio desleixo". “Como é posíbel que logo de todo este tempo de crise non existise tan sequera a base para unha política de vivenda real?”, pregúntase.
Antón Sánchez (AGE): “Alegrámonos que, aínda que os motivos sexan espurios, o Goberno de Feijóo acabe por asumir medidas que as plataformas sociais veñen reclamando dende hai anos”
“Alegrámonos que, aínda que os motivos sexan espurios, o Goberno de Feijóo acabe por asumir medidas que as plataformas sociais e iniciativas de AGE veñen reclamando dende hai anos”, dixo. En calquera caso, para Sánchez, os anuncios realizados polo presidente do Goberno galego “non son máis que declaracións”. “De termos en conta os antecedentes de Feijóo, o máis probábel é que todos estes anuncios queden en nada. Nós estaremos vixiantes e atentos para denuncialo”, dixo.
De igual xeito para Pilar García Porto, responsable en funcións de Economía, Recadación e Facenda na Deputación de Lugo, “os recortes e as nulas políticas sociais da Xunta provocaron que as familias galegas se atopen nunha situación insostible. O único que fixo o Goberno de Feijóo foi recortar, ano tras ano, as partidas para Sanidade, Educación e servizos sociais. Isto obrigou ás familias galegas a reducir os seus gastos en necesidades básicas como comida, roupa e transporte nun 20%.
Pilar García Porto (PSdeG-PSOE): "O único que fixo o Goberno de Feijóo foi recortar, ano tras ano, as partidas para Sanidade, Educación e servizos sociais"
“Vai sendo hora de que a Xunta poña fin á tesoirada social e faga verdadeiras políticas sociais" -engadiu- "Os parches que anuncia agora, só co único fin de tentar arranxar o desastre electoral e non así os problemas dos cidadáns, como o fondo solidario de libros de texto ou o a exención do copago sanitario a 100.000 persoas, son totalmente insuficientes. Hai milleiros de galegos que deixaron de retirar as súas menciñas por non poder pagalar; milleiros de persoas que se ven na obriga de elixir entre comprar medicamentos ou produtos básicos para o día a día”.
Para María Xosé Abuín (CIG), o copagamento "está a empeorar a calidade de vida das e dos cidadáns por impedir o acceso ás medicacións prescritas polo persoal facultativo"
Pola súa banda, a CIG denunciou este martes a anunciada exención parcial do copago farmacéutico, cualificándoa de "insuficiente" e lembrando que a medida aprobada polo PP en 2012 "está a empeorar a calidade de vida das e dos cidadáns por impedir o acceso ás medicacións prescritas polo persoal facultativo". A secretaria nacional de CIG-Saúde, Mª Xosé Abuín, sinalou “en non poucos casos acaban recorrendo aos servizos de urxencias coas súas patoloxías agravadas por non poder medicarse e ao final é neses servizos onde reciben a medicación correspondente”.