O desafiuzamento de Maricarmen en Madrid, de 87 anos e logo de máis de 70 pagando ao alugueiro da súa vivenda, foi a gota que acabou por rebordar o vaso —xa cheo desde hai anos— do problema da vivenda en toda España e tamén en Galicia. Prezos imposibles ao tempo que medra a inflación e se estancan os salarios, falta de oferta ou a expansión sen control de pisos turísticos encheron a indignación que estoupou coa imaxe dunha anciá sendo desaloxada da súa casa en padiola e camiño do hospital.
As protestas expandíronse por moitas cidades de España, a Porta do Sol en Madrid acolleu unha acampada que se converteu no epicentro da protesta e as mobilizacións continúan como forma tamén de presión ante a negociación do decreto que o Goberno de España pretende aprobar este martes no Consello de Ministros para intentar paliar —polo menos un chisco— un problema estrutural e de reformas fondas.
Na mañá deste martes, ducias de mozos e mozas permanecían acampados na estación intermodal de Santiago, sendo desaloxados pouco despois, logo de que a importante mobilización do luns que comezou na Alameda rematase cunha sentada improvisada neste punto.
Centos de persoas mobilizáronse reclamando solucións á crise da vivenda en Santiago, Vigo, A Coruña e Ferrol
A da capital galega —á que acudiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón— foi unha máis das concorridas manifestacións que se deron tamén en Vigo, Ferrol ou A Coruña, con maioría de xente nova que reclamaba "casas para vivir, non para investir" ou acusaba o rendismo de ser "o novo terrorismo".
"A vivenda é un dereito e tomaremos as rúas para conseguilos", anunciaba un dos mozos que lideraba as protestas convocadas polo Sindicato de Vivenda en Santiago antes de comezar coa sentada que acabou en acampada na estación. Ao tempo, en Vigo, centos de persoas, chamados por Alianza pola Vivenda, reuníronse na Porta do Sol baixo o lema "Nin unha Maricarmen máis", reclamando "dereito a teito" e denunciando a "especulación".
Unha sentada improvisada na estación intermodal de Santiago acabou cunha acampada
Ademais, no Obelisco da Coruña, o Sindicato de Barrio Falperra Os Mallos, co apoio da Plataforma polo Dereito á Vivenda, convocaron tamén unha mobilización que xuntou centos de persoas nas que se puideron ler pancartas que xa se mostraron hai 15 anos no 15M: "Nin xente sen casa, nin casas sen xente", con chamados tamén á "folga xeral" e á "expropiación" dos pisos aos bancos e fondos voitre.
En Ferrol, arredor de 200 persoas saíron á rúa na praza de Armas convocados pola Plataforma Galega Vivenda Xa, rexeitando os desafiuzamentos e reivindicando a vivenda como "un dereito" e non como un "negocio". Ademais, a mesma entidade anuncia para este martes ás 20 horas concentracións en Lugo (praza Maior) e en Ourense (ante a Subdelegación do Goberno).