Históricas manifestacións en Galicia pola folga xeral

Manifestación na Coruña polo 14N CC-BY CIG

Se os políticos deben escoitar a rúa, os gobernos deberían tomar nota do clamor que, unha vez máis, encheu Galicia nesta folga xeral. Milleiros de cidadáns manifestáronse nas principais cidades e vilas do país noutra xornada de participación masiva nunhas marchas que os sindicatos cualificaron de "históricas". Menos dun mes despois das eleccións autonómicas, nas que o PP revalidou a maioría absoluta, as rúas volvéronse ateigar de xente contra as políticas levadas a cabo polo Goberno seguindo o rumbo marcado pola troika.

Medio millón de persoas saíron ás rúas en Galicia segundo os sindicatos

Así, UGT, CCOO e CIG cifran en medio millón o número de cidadáns que saíron ás rúas en Galicia no que cualificaron de "día histórico" que superou a participación xa destacada da anterior folga xeral -do pasado 29 de marzo- e das manifestacións convocadas o pasado verán contra os recortes. Vigo e A Coruña volveron ser vangarda na afluencia ás súas marchas, pero xa non só no país, senón no conxunto do Estado. Baixo o lema de Non ao saqueo do pobo. Hai culpables. Hai solucións, unha multitude ateigou as cidades censurando os recortes, cargando contra o Goberno e pedindo un cambio de rumbo e incluso a "dimisión" do Executivo central. A maioría social amosou a súa forza unida e con forza.

As centrais cifran en 180.000 e 125.000 persoas o número de asistentes en Vigo e na Coruña respectivamente

Na cidade olívica, onde se celebraba a manifestación central en Galicia, os sindicatos elevan a participación a 180.000 persoas, nunha das maiores manifestacións que se lembran na urbe nos últimos anos. A policía só rebaixa o número até as 120.000. Mentres a cabeceira case chegaba á praza de América, miles de participantes seguían esperando na praza de España para facer o percorrido de protesta. Na Coruña, ao igual que ocorrera nos últimos meses, a afluencia volveu superar as expectativas, cunha afluencia que os sindicatos cifran en 125.000, unha cifra que a policía local rebaixa ás 65.000. A praza de María Pita, punto final da marcha, quedou pequena para acoller a unha marea cuxo final aínda non chegara á sede do Concello mentres o inicio da marcha xa abandonaba o lugar.

Tamén en Ferrol a marcha ateigou a cidade, nunhas cifras que os sindicatos elevan a unhas 80.000 persoas e que as cifras oficiais sitúan nunhas 35.000. En Compostela, pola súa banda, tamén a participación foi masiva, cunhas 30.000 persoas na rúa, ao igual que en Ourense e Pontevedra, onde os cálculos indican  unha participación semellante e tamén histórica en comparanza con marchas anteriores. En Lugo, serían 10.000 os cidadáns que saíron ás rúas da cidade amurallada. Ademais, localidades como Vilagarcía de Arousa ou Ribeira tamén responderon con marchas masivas á chamada dos sindicatos, con arredor de cinco milleiros de persoas en cada unha das protestas. A unidade de acción dos sindicatos maioritarios volveu dar os seus froitos como xa fixera nas últimas grandes marchas do verán.

Ademais, CUT, CGT, CNT, STEG  e SF, que celebraron a súa manifestación conxunta e central en Vigo, xuntaron tamén milleiros de persoas, ao igual que tamén fixeron CUT e CGT na Coruña, onde sobre un milleiro de cidadáns apoiaron a marcha destas centrais.

Os sindicatos advirten de que as mobilizacións continuarán se o Goberno non cambia as súas políticas

Xa que logo, o líder de CCOO en Galicia, José Manuel Sánchez Aguión, cualificou a xornada de folga como "un éxito rotundo en toda Galicia", tras destacar que a cidadanía é consciente de que os recortes do Goberno central "están a derivar cara á miseria absoluta". "As mobilizacións serán permanentes ata que cambien estas políticas de modo radical, hai outras saídas e solucións", subliñou Aguión, quen se referiu ao "ton autoritario" do Goberno por desprezar "o que di a maioría da cidadanía".

Mentres, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, afirmou que se está producindo desde a administración central "un ataque duro á clase traballadora", ante o que o sindicato nacionalista ten que "porse á fronte da contestación social" e "presionar ao Goberno para que cambie as súas políticas". Sostivo que estas políticas están "montadas para unha minoría elitista, para banqueiros e especuladores". "Se o PP decide seguir servindo a estes intereses, nós seguiremos en contra e mobilizándonos", augurou.

Pola súa banda, o responsable de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, cualificou a participación masiva nas marchas como unha "resposta clara, masiva e contundente" ante as "políticas de axuste e de austeridade" que, segundo dixo, ocasionan "pobreza, paro, desigualdade, marxinalidade e desconfianza" nos cidadáns. Para Gómez, o Goberno tería que tomar nota destas manifestacións "para dicirlle á UE e a Alemaña que hai que cambiar este ritmo de políticas que condenan á cidadanía á indixencia" e que "son regresivas"

 

Manifestación do 14N en Vigo CC-BY UGT-Galicia
Cartel sobre a crise, na pasada folga xeral CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.