Na xornada de folga xeral do pasado mércores o PP distribuíu entre os seus dirixentes un dos seus habituais argumentarios, dedicado neste caso ás protestas. Como revelou El Diario, os argumentos internos dos conservadores xiraban, esencialmente, en torno a que a folga non resolve a crise e ademais provoca perdas millonarias. Por outra banda, a formación de Mariano Rajoy cargaba as tintas contra o PSOE, por participar nas mobilizacións malia ser responsable da situación actual. Doce horas despois da finalización do día de folga Alberto Núñez Feijóo compareceu ante a prensa na súa calidade de presidente da Xunta en funcións e, ao ser preguntado pola súa valoración do 14-N optou por reproducir, con escasos matices, o argumentario do seu partido.
Ao ser cuestionado polas "masivas" manifestacións que acompañaron o paro xeral Feijoo subliñou que ofrecería "a valoración miña" xa que "a súa -en referencia ao informador que lanzou a pregunta- xa a acabo de coñecer". O líder conservador e futuro presidente reelecto asegura ter o "máximo respecto" polas persoas "que decidiron acudir á folga, porque supón que perden o seu salario" do día, aínda que enfatiza que ese mesmo "máximo respecto" o estende á "maioría da xente, que foi traballar e decidiu non facer folga", exercendo "o seu dereito constitucional a acudir ao seu traballo".
Feijóo manifesta o seu "respecto" por quen protestou pero tamén "pola maioría da xente, que foi traballar e decidiu non facer folga"
Pero, alén desa manifestación de respecto, Feijóo, como moitos outros dirixentes do PP, sentenza que "a folga non resolve os problemas que temos na economía, non mellora a imaxe de España e non creo que sexa boa para os traballadores". "Comprendo perfectamente a preocupación e a decepción de moitísima xente que non ten traballo", asegura o xefe en funcións do Goberno galego, pero "cónstalle" que ese mesmo ánimo "é o do Goberno de España", no seu caso "pola situación económica que atopou" e polas "previsións de institucións europeas" sobre o "empeoramento da economía".
"Como opinión, tamén", o líder dos conservadores galegos lanza os correspondentes dardos contra os socialistas. "Non podo comprender a participación dos que nos levaron a esta situación de recesión", porque, ataca, "que se atrevan a poñerse por tras das pancartas os líderes do PSOE é un esperpento". Alén disto, e preguntado pola posibilidade de que Xunta ou Goberno central muden algunha das súas políticas en resposta ás mobilizacións, Feijóo subliña: "claro que tomamos nota, de todo tomamos nota" pero "non imos resolver con folgas que temos débedas de miles de millóns" e "un déficit e unha débeda que asusta o resto de Europa".