Galicia lidera o descontento social na rúa

Manifestación do 14N na Coruña CC-BY CIG

Galicia liderou o descontento. Unha vez máis e xa van varias nos últimos meses. Como xa ocorrera nas protestas da folga xeral do 29 de marzo contra a reforma laboral ou nas do mes de xullo contra os recortes do Goberno de Rajoy, a cidadanía galega saíu masivamente á rúa para demostrar a súa oposición ás políticas levadas a cabo polo Executivo e marcadas pola troika.

Menos dun mes despois das eleccións autonómicas nas que o PP revalidou a maioría absoluta -co 27% dos votos do censo-, as rúas volveron amosar que nelas a división da esquerda, a abstención e os votos en branco non atopan diferenzas. O malestar da maioría social é evidente e faise máis claro aínda cando se fai un repaso polas reflexións da prensa galega, que non dubida en cualificar de "históricas" as marchas deste martes, que sitúan como as maiores das últimas décadas na meirande parte das vilas e cidades. E chegan pouco despois duns comicios cuxo resultado facía temer incluso aos sindicatos unha diminución no apoio.

As rúas volveron amosar que nelas a división da esquerda, a abstención e os votos en branco non atopan diferenzas

Pero os datos tampouco deixan lugar a dúbidas. Galicia volveu ser vangarda na mobilización social no conxunto do Estado. Arredor de medio millón de persoas participou nas manifestacións convocadas nas principais localidades galegas segundo os sindicatos, unha cifra que non queda demasiado afastada da que dan as autoridades de cada unha das cidades. En Vigo, na principal marcha de Galicia, concentráronse 180.000 persoas segundo CCOO, UGT e CIG, mentres que a policía local rebaixa a cantidade a unhas 125.000. Na Coruña, onde a praza de María Pita se encheu varias veces, os convocantes falan duns 125.000 cidadáns nas rúas, fronte aos 65.000 que din as autoridades locais, malia que numerosas imaxes e vídeos amosan, como destacan as centrais, que a do martes foi a maior manifestación sindical da historia na cidade.

Os datos de asistentes ás marchas das policías locais non se distancian moito dos que dan os manifestantes

Sexa como for, en Vigo foi case a metade da poboación a que tería saído á rúa para protestar contra as políticas contra os gobernos da dereita, mentres que na Coruña, e tendo en conta os cálculos máis pesimistas, cando menos un de cada catro coruñeses estivo na principal manifestación convocada.

As manifestación foron históricas en diversas cidades; Pontevedra, Ourense ou Lugo non lembran marchas como as deste martes en moitos anos

No resto de cidades, os datos tamén foron históricos en comparación coas protestas da última década. En Santiago fálase duns 30.000 cidadáns, unha cifra semellante á de Pontevedra ou Ourense, onde a policía local rebaixa as cifras a algo máis de 20.000 persoas, o que xa sería un fito histórico na urbe, ao igual. En Ferrol, pola súa banda, mentres os sindicatos elevan o seguimento aos 85.000 cidadáns, as cifras oficiais falan de 45.000, ou o que é o mesmo, bastante máis da metade da súa poboación total. Vilagarcía, Ribeira ou Burela viviron tamén protestas históricas que xa non se lembraban naquelas vilas.

A unidade de acción sindical volveu, xa que logo, a dar os seus froitos no país. O número de asistentes ás manifestacións en Galicia volve situarse entre os máis altos en comparación cos do conxunto do Estado, que tamén foi espectacular. En Valencia, por pór só un exemplo, os convocantes falan de 350.000 asistentes nunha cidade cunha área metropolitana de case 2 millóns, mentres que as autoridades diminúen a cantidade a tan só 30.000 persoas. As cifras máis optimistas sobre as masivas marchas convocadas en Madrid e Barcelona falan dun millón de persoas en cada unha delas, un número rebaixado ata incribles mínimos polo Goberno central. En porcentaxe, o seguimento segue a ser menor ao dunha Galicia que volveu liderar o descontento e a rachar con mitos que adoitan sosterse cos resultados electorais.

Manifestación en Vigo CC-BY CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.