Gayoso pide perdón polas preferentes de Caixanova tras pasar polo cárcere

Fernández Gayoso, durante a comparecencia no Congreso con Yolanda Díaz (En Marea) en primeiro termo CC-BY-SA En Marea

En xuño de 2013 o que fora presidente de Caixanova e despois copresidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso, tivo que comparecer na comisión de investigación do Parlamento de Galicia sobre a fusión da entidade que el encabezou con Caixa Galicia. O que fora señor da caixa do sur empregara un ton displicente e dedicara boa parte da súa intervención a eloxiar a súa propia xestión ante os membros da Cámara, que o animaran sen éxito a pedir perdón por algúns dos aspectos máis controvertidos dos últimos anos das entidades, como a colocación de participacións preferentes a persoas sen coñecementos financeiros.

Case media década despois Fernández Gayoso estaba citado este martes novamente nunha Cámara parlamentaria. Foi no Congreso dos Deputados, na comisión que investiga a crise financeira, á que chegou menos dun ano despois de pasar sete meses no cárcere como resultado da súa condena no caso das indemnizacións millonarias. O antigo dirixente volveu ser xeneroso en eloxios co seu propio labor tanto en Caixanova como antes en Caixavigo, pero empregou un ton ben diferente ao daquela intervención de 2013 e desta volta si deu en desculparse polas preferentes, produtos cuxa venda si volveu ligar, así é todo, á "boa fe".

Gayoso admite que a colocación de preferentes derivou en "auténticos dramas" pero lígaa, non obstante, á "boa fe"

Como xa manifestara no Parlamento e tamén ante o propio Congreso en 2012, Gayoso admitiu que el sempre estivo "en contra" da fusión con Caixa Galicia porque era partidario da "receita" que "aplicaron todas, a unión entre caixas de distintas comunidades" porque evitaría "solapamentos" e, daquela, medidas "traumáticas" como grandes números de peches e despedimentos. "O Banco de España pensaba o mesmo", asegura, se ben afirma que a unión deu en producirse porque a Xunta non admitiu ningunha outra posibilidade.

Tras ser cuestionado por Yolanda Díaz, deputada de En Marea, a respecto das preferentes o ex-banqueiro asegurou que estes produtos supuñan -"en Caixanova", recalcou- unha "cifra modesta", uns 300 millóns de euros "sobre un balance de 30.000 millóns" e foran lanzadas sen "intencionalidade de facer cousas estrañas". No entanto, admite, deron lugar a situacións "dramáticas".

"Os empregados non se ían enganar a si mesmos", xustifica o ex-presidente de Caixanova e NCG, quen reitera que era contrario á fusión con Caixagalicia

"Sei que deu lugar a auténticos dramas" cando desapareceu a posibilidade de que clientes que as subscribiran non tiñan a posibilidade real de desfacerse delas a partir do ano 2011, isto é, xa coa entidade fusionada. É por iso, afirma, que "inclúe" o acontecido no "perdón de erros" que quixo manifestar ante a comisión. Tratouse, matizou, "erros que puidemos cometer de boa fe", xa que as preferentes tamén foron mercadas por "centos de empregados" da propia Caixanova e "milleiros de familiares". "Os empregados non se ían enganar a si mesmos", agregou.

No marco da "autocrítica" engadiu tamén Gayoso desta volta que, mesmo antes a fusión, "tiña que ter tomado medidas moi duras" para garantir a viabilidade futura da entidade durante a crise, tales como pechar oficinas "en vilas pequenas" nas que "perdiamos diñeiro" ou limitar a concesión de créditos. Esas medidas, admite, nunca chegaron nuns anos nos que Caixanova protagonizou unha rápida expansión estatal e internacional, da que o ex-directivo se gabou abertamente. "Acúsome de non ir antes á expansión internacional; as caixas foron moi tímidas na expansión internacional e a banca deunos un baño", dixo.

Concentración de afectados polas preferentes CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.