0 Gardados para despois

Gayoso evita desculparse polas preferentes, emitidas "con boa fe"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Parlamento de Galicia transmitía dende este venres o ambiente das grandes ocasións. Á comisión de investigación das antigas caixas estaban convocadas catro persoas cuxos nomes apenas eran pronunciados no lexislativo galego ata que comezou a paixón e morte das entidades financeiras do país. O primeiro citado era Julio Fernández Gayoso, antigo presidente de Caixanova, primeiro, e de copresidente de Novacaixagalicia, despois. Tras anos de pleitesía de boa parte da clase dirixente do país Gayoso chegou en taxi ao Pazo do Hórreo para, cando menos sobre o papel, dar explicacións da súa xestión. E acudiu, aínda que máis para glosar o seu propio labor que para deitar luz sobre o acontecido.

Tras unha primeira intervención na que salientou as solvencia de Caixanova e o seu papel en, por exemplo, o nacemento da Universidade de Vigo, todos os grupos cuestionaron a Gayoso por un dos aspectos máis dolosos da súa xestión: a estafa das preferentes. "Daba indicacións ou facía presión para que se captasen clientes para estes produtos?", preguntou Francisco Jorquera, do BNG. "Considera que o comportamento ético foi axeitado neste tema?", engadiu o socialista Abel Losada. "Volvería facer o que fixo?", cuestionou o popular Pedro Puy, que nunha segunda intervención chegou a esixirlle "unha desculpa" que fose "particularmente" dirixida ás persoas afectadas.

"Actuouse coa máis absoluta boa fe; nunca recibimos ningunha indicación nin da CNMV, nin do Banco de España nin da Xunta"

Pero non houbo tal explicación nin, moito menos, desculpa ningunha. Nun discurso integramente pronunciado en castelán Gayoso admitiu que asinou "unha circular" en 2005 para "lanzar aquelas preferentes". Naquela emisión e nas demais, asegura, "actuouse coa máis absoluta boa fe", ata o punto de que "máis de 2.000 compañeiros meus na caixa e as súas familias teñen preferentes e quitas". Dado que houbo "erros na comercialización" el "non pode facer máis que dicir que desexo que o proceso de solución", a arbitraxe, "poida chegar ao total" e "non quede unha soa persoa con perfil de aforrador sen cobrar o 100% dos seus aforros". En calquera caso, asegura, a súa entidade colocou estes produtos tóxicos considerando que "cumprían todos os requisitso" porque "nunca recibimos ningunha indicación" ao respecto "nin da CNMV, nin do Banco de España nin da Xunta". Todo parecía estar "ben feito".

Fusión ou "morte", sen novas das indemnizacións

Non houbo explicacións das preferentes e aínda menos das indemnizacións millonarias que os directivos da caixa fusionada se adxudicaron antes de pasar á reserva. Como no Congreso dos Deputados Gayoso rexeitou que cobrase un só "euro" desas compensacións e, de paso, evitou concretar o xeito en que se xestionou hai "sete anos" a súa propia xubilación. "Eu estou imputado non por percibir un euro, senón por ser copresidente da caixa" cando se produciu "ese tema das compensacións". "Estase analizando na Audiencia Nacional" e "comprenderán que eu non podo, nesta reunión, facer fronte a esas preguntas", xustificou.

"Fixemos a fusión porque iso ou a morte instantánea"

Á marxe das cuestións escuras o paso de Fernández Gayoso polo Parlamento tampouco serviu para clarexar máis do xa sabido sobre o fracaso da fusión da entidade que presidía con Caixa Galicia. "Caixanova  non era partidaria da fusión", senón que apostaba por un SIP "coas mellores caixas de España, excluida a de pensións [La Caixa]". "Durante un ano traballamos nesa posibilidade" pero, finalmente, o escenario derivado dos cambios normativos converteu a operación en "inviable". "Fixemos a fusión porque era iso ou a morte instantánea", se ben, evidencia, "tiñamos dúas caixas, queríamos ter unha e finalmente non temos ningunha" porque o "modelo" escollido converteuna na fusión "máis traumática" do Estado.

Así e todo, neste escenario Gayoso só admite un "erro" de xestión. "A scaixas somos culpables de erros moi importantes", concretamente, de non actuar con máis "agresividade" no exterior, se ben a expansión de Caixanova, relata, levouna por exemplo a ter unha oficina con sesenta empregados en Miami. O "tema de que antes tiñamos dúas caixas e agora ningunha" teno "atormentado", confesa, e por iso apela ás familias e ás empresas gaelgas a que "impliquen" para que Novagalicia Banco "teña o éxito que merece", proclamou. Mentres, polas fiestras da Cámara coábanse os sons das buguinas das persoas afectadas polas preferentes que, na rúa, seguían a esixir solucións.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Mauro Varela di que nunca coñeceu a auditoría de KPMG que avalaba a fusión

O ex presidente de Caixa Galicia e ex copresidente de Novacaixagalicia, Mauro Varela, culpou dos problemas das caixas galegas ao feito de que contasen con consellos de administración "non profesionais" e ás reformas legais que lles permitiron actuar como bancos e facilitar a súa expansión. "A ampliación das caixas foi o que levou en gran parte á desfeita destas institucións", asegurou ante a comisión do Parlamento, logo de advertir dos "vicios na orixe" nos 70 e 80, cando as entidades "variaron a súa forma de proceder e actuar", o que acabaría provocando que Galicia se atope agora, en canto ao seu sistema financeiro, "nunha situación mala, malísima".

"A ampliación das caixas foi o que levou en gran parte á desfeita destas institucións"

Mauro Varela non dubidou en recoñecer a súa "responsabilidade" polo final das caixas galegas, aínda que empezou a súa intervención aclarando que el foi "presidente institucional e nunca presidente executivo". "Non tiven poder decisorio", dixo, aínda que insistiu nunha responsabilidade que "non pode nin pretende ocultar".

Varela admite que a emisión de preferentes "era a única forma de capitalizar" as caixas e lembra que son "legais"

En canto ás preferentes, Varela advertiu de que "son perfectamente legais" e lembrou que son produtos "admitidos e propiciados polo Banco de España e a CNMV". "A única forma de capitalizarse para as caixas era coas preferentes", recoñeceu o ex presidente de Caixa Galicia, que pediu que a problemática dos afectados "sexa solventada polo ben deste país e para resarcir a todas as persoas".

Ademais, asegurou que "a emisión de preferentes en 2009, como todas as demais, foi aprobada polo consello de administración". "Foi unha decisión estratéxica", asumiu.

Varela cre que as indemnizacións aos xestores "foron excesivas" pero "perfectamente legais"

Por outra banda, e respecto á fusión das caixas galegas, Mauro Varela recoñeceu que Caixa Galicia "sempre optou pola fusión" porque os seus xestores estaban "convencidos" de que era "o mellor" para o país. Ademais, asegurou que nunca coñeceu a auditoría de KPMG encargada pola Xunta e que tería avalado a fusión. "Sei que a houbo, pero eu só souben das nosas auditorías; estou dicindo a verdade porque non podo dicir outra cousa", engadiu. "Nin a coñecín persoalmente, nin a través do consello de administración", volveu dicir.

Ademais, Varela defendeu as indemnizacións dos xestores da antiga caixa por ser "perfectamente legais", pero cualificounas de "excesivas tendo en conta as circunstancias", aínda que evitou "discernir sobre o moral ou ético" delas. "Iso é unha cuestión persoal na que nin entro nin saio", dixo, tras asegurar que el "nunca tivo ningunha retribución especial". "Saín como entrei, e atreveríame a dicir que saín peor porque deixei unha gran parte do meu traballo profesional", engadiu.

Para rematar, Mauro Varela pediu a todos os galegos "loitar e estar con Novagalicia Banco" polo ben do país, "das grandes e pequenas empresas e dos cidadáns". "Temos os vimbios, que somos os propios galegos", rematou, tras defender a existencia e traballo da comisión "para evitar problemas no futuro".