Os afectados polas preferentes sufrirán finalmente unha quita media do 57%

Afectados polas preferentes, nunha protesta CC-BY-NC-SA BNG

Un novo pau para os afectados galegos polas preferentes. O Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) vén de determinar un desconto adicional do 13,8% para o troco das participacións preferentes e débeda subordinada perpetua, tanto de Novagalicia Banco como tamén de Catalunya Caixa, segundo informou este organismo nun comunicado.

As ducias de milleiros de afectados galegos sufrirán, xa que logo, este recorte adicional de case o 14% para poder obter liquidez na venda desas accións que van recibir logo do troco co Fondo Garantía de Depósitos (FGD). Será un segundo desconto que se une á quita media do 43% que xa sufriron os posuidores de preferentes no caso de Novagalicia Banco e cuxo desconto medio total agora chegará ao 56,8%.

Os afectados deberán pagar unha peaxe adiconal a cambio de recuperar parte dos seus cartos

As cifras son moi clarificadoras pero variadas, xa que os afectados polas preferentes de Novagalicia Banco perderán entre o 40% e o 65% dos cartos atrapados nas antigas caixas (entre o 38,9% e o 64,5%, concretamente) e o peor dos casos afectaralle a aqueles que mercaron estes produtos de Caixa Galicia en 2003. O propio FROB explica no seu comunicado que esta rebaixa adicional faise en concepto de "desconto de iliquidez" e, xa que logo, os afectados deberá pagar esa peaxe a cambio de poder recuperar unha parte dos seus cartos ao vender o FGD os títulos a cambio das preferentes ou de débeda subordinada. O prezo deste desconto foi establecido por un "experto independente".

O prezo ofertado por cada acción de Novagalicia é de 1,329 euros, o que resulta de aplicar ese desconto de iliquidez por acción de 0,212785 euros. O proceso de troco de accións por liquidez deberá estar completado o vindeiro 4 de xullo.

En canto ás subordinadas de maior vencemento, serán convertidas en capital de Novagalicia Banco e sufrirá esa dobre quita e unha caída total do valor que superará o 45%. Ademais, hai cinco emisións de subordinadas que teñen unha data de amortización máis achegada e para as que se prevé o troco por depósito e para as que os descontos irán entre o 17% e o 92%. No entanto, hai seis emisións que se consideran de investidores para as que non se prevé recompra ningunha por parte do FGD.

Manifestación dos afectados polas preferentes CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.