A evidencia ten case cinco anos, pero vén de regresar ao primeiro plano da política galega. En xuño de 2013 chegou á comisión de investigación sobre a fusión de Caixa Galicia e Caixanova a copia do que, segundo afirmara a Xunta, era unha "auditoría externa" encargada á consultora KPMG que "avalaba a solvencia da fusión" de ambas entidades. Como informou daquela Praza.gal, KPMG deixaba claro nas súas conclusións que non fixera unha auditoría, senón un "diagnóstico acelerado" a partir de información fornecida polas propias caixas e que nel non "recomendaba" a devandita unión. Esta semana un executivo da compañía, Francesc Gibert, reiterou no Congreso que non existiu auditoría nin aval á fusión e agora toda a oposición galega esixe explicacións do presidente da Xunta, un dos principais impulsores da fusión.
O propio Alberto Núñez Feijóo se viu nos últimos días obrigado a matizarse a si mesmo sen chegar a afirmar o contrario do sostido en 2010, pero as súas verbas non convencen os grupos da esquerda parlamentaria, que ven claro que o presidente sustentou o apoio gobernamental á fusión nunha simple "mentira". "A decisión económico-financeira máis importante dos últimos 30 anos no noso país foi tomada dun xeito chafalleiro e dende a máis absoluta mentira, sabendo que mentían, como acaba de recoñecer Feijóo", resume o vicevoceiro parlamentario de En Marea, Antón Sánchez.
Un dos coautores do informe reiterou esta semana no Congreso que o documento elaborado hai 8 anos non era unha auditoría nin "recomendaba" a fusión de Caixa Galicia con Caixanova
"A cidadanía galega -resalta Sánchez- non merece un presidente mentireiro, sobre todo en cuestións tan importantes para o noso país" e despois de que, lembra, a entidade resultante da fusión fracasada, Novagalicia Banco, acabase rescatada con 9.000 millóns de euros públicos dos que apenas se recuperaron 1.000. "O señor Feijóo -agrega- ten responsabilidades políticas moi importantes das que debe dar conta no Parlamento", conclúe.
Pola banda do PSdeG o seu voceiro en materia económica, Abel Losada, ve agora ratificado o que non era máis ca "unha coartada pagada con diñeiro público" para "xustificar" o que "moitos dixemos que estaba condenado ao fracaso". A auditoría que non foi supuxo a base dunha "montaxe", lamenta, unha operación de "teatro" de Feijóo e da daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, pagada con diñeiro público. Nun sentido semellante a voceira da área económica do grupo parlamentario do BNG, Noa Presas, súmase a reclamación de comparecencia de Feijóo; é "escandaloso", afirma, ter que "escoitar de novo" por boca dun responsable de KPMG que a suposta auditoría e o presunto aval non era máis ca "unha mentira" que "nos custou a todas e todos un millón de euros".
A incógnita da contratación de KPMG
Primeira páxina do informe sobre a fusión remitido por KPMG á Xunta nos primeiros días de 2010
En Marea, PSdeG e BNG esixen tamén coñecer os detalles da contratación de KPMG despois de que o executivo da compañía se limitase a describir "unha chamada" da conselleira
Alén da evidencia xa certificada en 2013 sobre a inexistencia dunha auditoría de KPMG que "avalase" a fusión, como dicía a Xunta, a esixencia de contas por parte da oposición refírese tamén ao xeito en que a consultora foi contratada pola Xunta. O propio Francesc Gibert sinalou ante o Congreso que a súa empresa recibiu "unha chamada da conselleira de Facenda" para realizar o encargo e "se nos pediu que, por motivos prácticos, dirixísemos a proposta só á Xunta" e non tamén ás propias caixas, pero evitou dar detalles sobre o proceso de contratación.
Para Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea, resulta "fundamental" coñecer "que foi o que encargou" a Xunta a KPMG. "Na información achegada ao Parlamento na pasada lexislatura non estaba" a "carta de encargo" da Consellería de Facenda á empresa consultora, un document oque "foi requirida en diversas ocasións, sempre negada". "Agóchanse, igualmente, os informes técnicos da Consellería de Facenda" aos que Currás aludira naqueles anos. Neste sentido, o socialista Losada reitera que "queremos ver o expediente de contratación" e coñecer en detalle "como se licitou, como se adxudicou, todo o procedemento administrativo" e aclarar, entre outros aspectos, se existiu algunha "falsidade nun documento público".
A Xunta chegar a falar de "auditorías externas de KPMG sobre Caixa Galicia e Caixanova" para "certificar a bondade dos seus balances" e "despexar calquera dúbida sobre a solvencia da unión de ambas caixas"
Cómpre, advirten En Marea, PSdeG e BNG, despexar agora interrogantes que levan pairando sobre a malograda fusión das caixas algo máis de media década. O Goberno, coidan, ten que explicar o sucedido nuns meses nos que dende a Consellería de Facenda se chegou a falar non só dunha auditoría, senón de "auditorías externas da firma KPMG sobre Caixa Galicia e Caixanova" para "coñecer cal é a situación exacta das contas" e "certificar a bondade dos seus balances", e "despexar, desta maneira, calquera dúbida sobre a solvencia dunha unión de ambas caixas por un proceso de fusión", sinalaba o Goberno galego nun comunicado a finais de 2009.
Dende o grupo parlamentario do PP o seu voceiro, Pedro Puy, limítase a confirmar que o seu partido valorará as peticións de comparecencia do presidente. Non obstante, dá as explicacións por ofrecidas na comparecencia ofrecida por Feijóo na comisión de investigación en xullo de 2013, onde o titular da Xunta se exculpou de todo o acontecido.