O responsable de Avaliación Ambiental pasa de exercer o posto en comisión de servizos a facelo "con carácter definitivo" por libre designación, o que propiciará que consolide o nivel máis alto na carreira funcionarial
A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable a Altri feita pública pola Xunta o pasado 14 de marzo non foi asinada só pola directora xeral de Calidade Ambiental, María José Echevarría, que desde a súa chegada ao cargo e a diferenza dos seus antecesores adoptara a dinámica xeral de rubricar ese tipo de documentos en solitario. Non foi así no caso de Altri, no que o permiso ademais da súa sinatura contou coa do subdirector xeral de Avaliación Ambiental, Alejandro Carrera López, mentres o Goberno galego defendía que a decisión fora unha cuestión técnica, non política.
Carrera López era daquela subdirector xeral en comisión de servizos, figura temporal, pero só catro días despois de coñecerse o permiso a Altri a Xunta convocou ese posto por libre designación e agora vén de outorgarllo, no Diario Oficial de Galicia deste xoves, a el mesmo, o que propiciará que consolide o nivel máis alto na carreira funcionarial.

Segundo confirmou no seu momento Medio Ambiente a Praza.gal, Carrera López estaba a exercer o posto de subdirector xeral de Avaliación Ambiental cando outorgou o permiso a Altri en comisión de servizos, unha figura legal que permite que o persoal funcionario cubra temporalmente -ata dous anos- un posto que non é o seu "en caso de urxente e inaprazable necesidade" se cumpre certas condicións fixadas pola Administración, que a efectos prácticos cobre a praza discrecionalmente. É un procedemento "habitual", agregara unha fonte oficial do departamento, que as vacantes en subdireccións xerais sexan cubertas inicialmente por esta vía para, posteriormente, facelo "en réxime de libre designación".
Esa vía, a da libre designación, é formalmente unha "convocatoria pública" -realizada neste caso no DOG do 18 de marzo, catro días despois de coñecerse o permiso a Altri- na que a Administración ten a facultade de aplicar a "apreciación discrecional" da "idoneidade dos candidatos" e elixir o persoal funcionario que considere oportuno entre todas as persoas que se presenten.
Neste caso Alejandro Carrera tiña a obriga de participar no proceso para non perder a comisión de servizos, e ao gañar a libre designación ficará no posto "con carácter definitivo" ata que haxa unha decisión política en sentido contrario. Cando isto suceda, manterá o rango de funcionario de nivel 30 por exercer máis de dous anos un posto dese rango, o máximo posible na Administración e seis por riba do que obtivo ao gañar en 2022 a súa praza definitiva no corpo superior da Administración Xeral como técnico instrutor en formación ocupacional en Ourense.
Antes de aparecer a sinatura de Carrera López no permiso a Altri, a súa superior, a directora xeral, María José Echevarría, asinaba en solitario ese tipo de documentos asumindo así toda a responsabilidade
Cando se coñeceu a convocatoria do posto por libre designación a oposición parlamentaria considerou o movemento da Xunta como un "premio" a Alejandro Carrera polo seu papel no permiso a Altri duns días antes. Pola contra, a Consellería de Medio Ambiente encadrouno na normalidade á hora de prover un posto coma este, sen outras implicacións a respecto de Carrera López, que anteriormente exercera labores como a xefatura do Departamento de Xestión Administrativa da Axencia Galega da Industria Forestal.
Antes de aparecer a sinatura de Carrera López no permiso a Altri, a súa superior, a directora xeral, María José Echevarría, asinaba en solitario ese tipo de documentos asumindo así de facto, segundo a súa propia argumentación, a responsabilidade sobre o labor dos demais cargos e técnicos xerárquicamente subordinados ao seu posto que participaran nos expedientes. Iso, con Altri, mudou.