Milhulloa: facendo país en rede desde Palas de Rei

Dúas das traballadoras de Milhulloa © Muuhlloa

"Nunca tivemos dúbida ningunha en empregar o galego con normalidade na etiquetaxe", explica Carmela Valiño, unha das tres mulleres que puxo en marcha hai xa 16 anos a cooperativa Milhulloa, en Palas de Rei. Antes mesmo de que a febre polo ecolóxico se espallase, ela -xunto a Anxos Orgueira e Chus Expósito- puxeron a andar unha iniciativa de cultivo ecolóxico e comercialización, tanto de plantas medicinais como de hortalizas. Desde a beira do Camiño Francés, na comarca da Ulloa, 

Milhulloa dedícase ao cultivo ecolóxico e á comercialización dos seus produtos desde a comarca da Ulloa

O grelo deshidratado foi dos primeiros produtos estrela entre un catálogo que inclúe plantas medicinais, herbas aromáticas, outras verduras deshidratadas, infusións ou oleatos. Apostaron pola cosmética natural e, hai tan só uns meses, uníronse a outra iniciativa emprendedora con sona -a Granxa Maruxa de Monterroso- para lanzar a primeira liña de cosmética galega feita con leite ecolóxico - o que proporciona a coñecida explotación gandeira- e herbas da Ulloa, que acaban por elaborarse nun laboratorio do Carballiño. Muuhlloa SL é o nome desta nova aventura empresarial. 

"Facemos país", explica Valiño, que destaca o "traballo e a colaboración en rede" que manteñen varias firmas galegas unidas polo seu amor á terra e o traballo que mestura e equilibra tradición e innovación. "O obxectivo último que nós temos é vivir aquí e facer as cousas aquí: gústanos o que facemos e gústanos estar onde estamos", insiste unha das socias da cooperativa que lembra os "duros inicios" de Milhulloa. "Economicamente foi complicado, pero agora que conseguimos saír adiante e asentarnos, queremos continuar onde estamos", insite quen lembra que na propia comarca da Ulloa hai varias iniciativas de produtos ecolóxicos. 

Todo, desde Galicia e desde o rural. Sen complexos. Tampouco co idioma. A etiquetaxe en galego para Galicia mesmo ante as recomendacións contrarias da regulación farmacéutica. "Ninguén nos volveu dicir nada e nós seguiremos etiquetando en galego para Galicia porque é tamén unha forma de facer publicidade", di Valiño.

Milhulloa e Granxa Maruxa uníronse para lanzar unha liña de cosméticos con herbas da Ulloa, leite de Monterroso e auga do Carballiño

Agora, coa cosmética de Muuhlloa, Milhulloa e Granxa Maruxa lánzanse a un novo proxecto ilusionante. "As dúas empresas levabamos tempo colaborando e intentando facer cousas en conxunto; tiñamos certa admiración mutua e buscabamos darlle valor aos nosos produtos", explica Carmela. "Levamos 16 anos producindo plantas medicinais e, aínda que fomos mellorando, sempre é difícil vivir disto e queríamos darlle máis valor ao que producimos, pero tamén ao leite, que non ten o valor que merece, moito menos aínda pola forma na que se produce ou como se trata as vacas", engade. 

O seu primeiro produto, leite hidratante e ecolóxico feito con 40% de leite das vacas de Cumbraos (Monterroso) da Granxa Maruxa, un 10% da herba milfollas da cooperativa Milhulloa e auga do Carballiño. Xa sacaron tres lotes e axiña porán no mercado outro produto, neste caso capilar, para logo apostar por cremas faciais, xampús e xel de baño. A idea é a de seguir colaborando con outras empresas innovadoras galegas e xa están a estudar a maneira de integrar algas nas súas cremas coa axuda da compañía Mar de Ardora, así como viño, sidra ou cervexa, mediante acordos cunha cervexería ecolóxica de Lalín. 

"Buscamos a colaboración en rede; somos unha cooperativa pero non nos gusta traballar soas"

"É unha colaboración moi en rede; somos unha cooperativa pero non nos gusta traballar soas, senón buscar alternativas con moita xente para poder sacar os nosos produtos",  insiste Valiño, que lembra que nos seus produtos inclúen un selo "100% galego" para indicar que "todo o que se produce é de aquí". E sempre desde o cooperativismo: "A maneira de traballar en equipo é a ideal; todas nos apoiamos porque todas somos traballadores e todas estamos ao mesmo; o apoio é mutuo e as posibilidades de conciliar, moito maiores". 

Produtos de Milhulloa © MIlhulloa
Produtos de Muuhlloa © Muuhlloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.