Praza.gal tivo acceso á reclamación dunha paciente con Povisa como hospital de refrencia que leva 50 días agardando por unha intervención cirúrxica que "non admite unha demora superior a 30 días", segundo o criterio do Sergas
A falta de médicos no Hospital Ribera Povisa de Vigo está a provocar que pacientes desta área sanitaria que reciben a súa asistencia polo Sergas neste centro privado-concertado sufran demoras no diagnóstico polos especialistas, como publicou Praza.gal, que ademais suman atrasos inxustificados en operacións coa máxima prioridade. A causa dunha reclamación, a Consellería de Sanidade asegura que iniciou “un procedemento interno de control para verificar a situación”.
Unha intervención cirúrxica que segundo os criterios publicados polo Sergas tiña que resolverse nun máximo de 30 días, leva 50 días agardando en Povisa, e a doente afectada continúa sen cita para a mesma. O hospital propiedade de Ribera Salud non respondeu ás reclamacións, como tampouco fixo a Consellería de Sanidade, presentadas por esta paciente de Dermatoloxía á que xa lle quitaron un melanoma grave hai preto dunha década.
O modelo sanitario con concertos público-privados está a por en risco a saúde e a calidade da atención da poboación, así o vén denunciando a plataforma SOS Sanidade Pública.
Este xornal tivo acceso ás reclamacións dunha paciente da área sanitaria de Vigo á que lle corresponde Povisa como hospital de referencia, que foi incluída no rexistro de pacientes en espera para a “extirpación” dun “nevus atípico” o 16 de decembro de 2025 coa prioridade máis alta tras unha revisión. “O dermatólogo díxome que como moito tiña que ser nos primeiros días de xaneiro e estamos en febreiro xa”, manifesta a afectada.
"Responsabilizo ao Sergas como titular do concerto de calquera empeoramento na miña enfermidade", indica a paciente afectada na súa reclamación, na que denuncia un "abandono total dos pacientes do Hospital Ribera Povisa en estado de gravidade"
O doutor León, que leva unha década revisando a esta paciente despois da detección e extirpación dun melanoma, asina esta petición de “prioridade 1” na que, segundo indica o Sergas, “a intervención cirúrxica non admite unha demora superior a 30 días”. Este mércores fanse 50 días de espera, aínda sen data programada para a intervención por parte de Povisa.
Tras presentar tres reclamacións por escrito en Povisa ao longo do mes de xaneiro, esta doente rexistrou unha nova reclamación no portal do Sergas na que pon de relevancia a “falta de atención a pacientes en risco grave” por parte de Povisa, o seu hospital de referencia na sanidade pública.
“Responsabilizo ao Sergas como titular do concerto de calquera empeoramento na miña enfermidade e avance no estado do meu melanoma pola falta de atención aos seus pacientes e abandono total dos pacientes do Hospital Ribera Povisa en estado de gravidade”, asevera esta doente na súa reclamación dirixida á Consellería de Sanidade.
A paciente afectada intentou contactar co dermatólogo co que leva case unha década a seguimento en Povisa, que era o xefe do servizo neste centro hospitalario e, como confirmou este xornal, o doutor León segue traballando para o grupo Ribera Salud en Vigo, pero só atende na Clínica Colón, á que nas últimas semanas marcharon varios especialistas que viñan pasando consulta en Povisa e na que só ven a pacientes da privada.
O dermatólogo que asina a petición da intervención cirúrxica con prioridade máxima xa non consulta en Povisa, só na Clínica Colón, propiedade tamén de Ribera Salud e na que só atenden a pacientes pola privada
A doente afectada afirma que esta situación lle está a provocar “moito nerviosismo” polos antecedentes que ten co cancro de pel. Sinala que en anteriores ocasións non tivo problemas na atención en Povisa, mais agora percibe que vai “de mal en peor”. “Se vas pola privada semella que vai mellor, pero están pasando de moitas responsabilidades que teñen con nós. Non contestan nin en atención ao paciente”, critica.
As eivas na atención sanitaria detectadas en Povisa, e que están a denunciar os pacientes afectados, suceden a pesar de que a Consellería de Sanidade creou unha Unidade de Supervisión e Control “para o seguimento do cumprimento” das “obrigas” por parte de Povisa no seu último contrato.