O ente supervisor do mercado valida a operación a cambio de que o Hospital Polusa, de Ribera Salud, limite as tarifas das resonancias magnéticas ao IPC durante tres anos e realice investimentos en Clínica Gaias Lugo
A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) fixo pública este mércores a súa aprobación con compromisos para que o grupo Ribera Salud, propietario xa do Hospital Polusa, merque Clínica Gaias Lugo. Competencia sinala que en Lugo, na práctica, a competencia privada no eido das resonancias magnéticas se limita ao centro que ten Quirón, polo que "a operación alteraría a estrutura deste mercado e incrementaría a probabilidade de comportamentos coordinados entre os principais operadores, con posibles subas de prezos, incluso sen acordos explícitos".
Acepta a operación a cambio co compromiso de Polusa de que durante tres anos non subirá as tarifas das resonancias magnéticas por riba do IPC. E tamén realizará investimentos en Clínica Gaias Lugo.
Segundo a documentación feita pública pola CNMC, Ribera Salud, propietaria de Polusa, comunicou a súa intención de facerse con Clínica Gaias Lugo o pasado maio. Competencia analizou a operación e abriu un período de alegacións e estudo da operación xa que considerou que "modificaría notablemente a estrutura competitiva do mercado" na provincia.
Segundo divulga agora Competencia, "Hospital Polusa aplica prezos máis caros, e ofrece un servizo perfectamente substitutivo, pero a demanda non se desprazou a Quirón, pese á súa capacidade para absorbela"
Segundo Competencia, no eido das resonancias magnéticas Ribera Salud xa ocupaba a primeira posición en cota de mercado, e Clínica Gaias Lugo era a terceira, con só outros dous competidores, Grupo Quirón "a unha distancia notable" e "a Clínica Dr. Matías, de tamaño reducido".
Ante esta situación, Polusa "só afrontaría a competencia de Quirón e non puido confirmarse que este poida disciplinar o seu comportamento", di Competencia, que engade que "Hospital Polusa aplica prezos máis caros, e ofrece un servizo perfectamente substitutivo, pero a demanda non se desprazou a Quirón, pese á súa capacidade para absorbela". Tamén di que "a operación alteraría a estrutura deste mercado e incrementaría a probabilidade de comportamentos coordinados entre os principais competidores, con posibles subas de prezos, incluso sen acordos explícitos".
Tras estas consideracións, Competencia comunica que Polusa lle propuxo dous compromisos que a CNMC considera "suficientes" para "solucionar os problemas de competencia detectados e aprobar a operación. Así, Polusa comprométese a "durante tres anos, actualizar as tarifas das probas de resonancia magnética para os pacientes privados puros, como máximo conforme á evolución do IPC" e a "realizar investimentos para renovar e mellorar o equipamento de resonancia magnética de Clínica Gaias Lugo, nos dous anos seguintes ao peche da operación, para mellorar a calidade do servizo e reducir os tempos de espera".
A operación chega despois de que El País revelase que o grupo Ribera Salud, propietario en Galicia tamén dos hospitais Povisa en Vigo e Juan Cardona en Ferrol, deu ordes a un hospital madrileño de atender menos pacientes para así gañar máis cartos. Segundo a Xunta, iso non pode pasar en Galicia porque os hospitais galegos de Ribera "están supervisados" polo Sergas.
No último ano fiscalizado polo Consello de Contas, 2022, a actividade concertada polo Sergas con Polusa ascendeu a 4 millóns de euros, aos que se engadiron outros 844.000 euros por contratos puntuais.