O TSXG nega a un hospital privado de Lugo os 1,4 millóns que esixía ao Sergas para indemnizalo por medidas da COVID

O Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes, actualmente Hospital Quirón Lugo, nunha imaxe promocional da empresa © Quirón Salud

En xaneiro de 2021 o grupo Quirón Salud mercou o hospital privado lucense Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes, que funcionaba dende os anos 60 do século pasado baixo control da familia fundadora. Cadrando coa compra, a empresa emprendeu accións legais contra o Servizo Galego de Saúde para reclamarlle 1,4 millóns de euros máis xuros como indemnización polos "danos económicos" que dixo sufrir ao comezo da pandemia por mor de medidas da Xunta que, alegaba, o obrigaron a paralizar a súa actividade asistencial normal.

O Tribunal sentencia que as autoridades sanitarias actuaron de xeito "xustificado" e advirte de que o informe da empresa para esixir indemnización ao Sergas "non se baseou en datos reais"

Concretamente, o hospital privada alegaba que as medidas impostas polo Sergas durante o primeiro estado de alarma a obrigaron a poñer o hospital "á disposición" da sanidade pública e á "perda do seu control", o que a "obrigou a reorganizar toda a súa actividade". Pero o Tribunal, como xa ditaminara antes un xulgado de Santiago, concorda que as medidas adoptadas non foron "imperativas", senón "recomendacións" que non "despoxaron os titulares dos centros hospitalarios concertados do seu control".

Vista do Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes antes da súa venda a Quirón Salud © NSOG

Porque esta, precisamente, é unha das claves do preito. O Sanitario Nosa Señora dos Ollos Grandes, agora Hospital Quirón Lugo, ten un concerto co Sergas vixente dende 2019 polo que, só nese 2020, ingresou 2,3 millóns de euros, segundo datos do Consello de Contas. E "contrariamente ao que sostivo" a empresa, argumenta o Tribunal Superior, as instrucións ditadas polo Sergas naqueles meses "en ningún momento" implicaron que o centro privado estivese "á disposición" do público e ademais, o concerto "non se viu alterado nin modificado polo estado de alarma".

O Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes, actualmente propiedade de Quirón Salud, ten un concerto co Sergas polo que ingresou 2,3 millóns de euros durante o ano 2020, segundo o Consello de Contas

"Nada impedía que a autoridade sanitaria puidese impartir ordes ou ditar resolucións singulares que afectasen dalgunha maneira á execución do concerto" e nese caso, se fose "desfavorable" para a empresa, si cabería dereito a compensación. Pero non foi o caso. Ben ao contrario, "correspondía á dirección" de centros sanitarios privados coma este "decidir en que supostos e baixo que circunstancias procedería a suspender a prestación de servizos asistenciais para priorizar outros".

Por todo isto, o Tribunal Superior conclúe que a suposta "lesión patrimonial" da empresa non deriva "dun comportamento antixurídico imputable" á Xunta ou ao Sergas, senón "dunha actuación causal, xustificada e lexítima" das autoridades galegas en plena crise sanitaria, coas figuras de emerxencia previstas legalmente. Ademais, o TSXG rexeita un informe esgrimido por Quirón para xustificar a súa suposta perda patrimonial por mor de "reordenamento de planteis, paralización da actividade non esencial" e "posta á disposición total dos medios en favor da sanidade pública". O informe "non se baseou en datos reais", advirte.

Por todo isto, o Tribunal Superior rexeita que Quirón Salud teña que recibir máis dun millón de euros da sanidade pública galega para compensarlle as supostas perdas provocadas na que agora é a súa filial lucense. Ademais, condena a empresa a asumir as custas procesuais cun límite de 1.000 euros. Contra esta sentenza cabe recurso de casación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.