Outra gran manifestación denunciará este domingo o "colapso" da sanidade pública en Galicia

Chamada á participación na manifestación de SOS Sanidade Pública desde A Coruña CC-BY-SA SOS Sanidade Pública

SOS Sanidade Pública denuncia o "colapso" e as "listas de espera interminables" que derivan nun "grave problema de accesibilidade" ao sistema sanitario en Galicia

SOS Sanidade Pública convoca unha nova manifestación este domingo 1 de febreiro en Santiago. Baixo o lema Mobilízate para defender o teu dereito á saúde, a plataforma chama a cidadanía ante o que consideran a "destrución e privatización" do sistema sanitario público galego "por parte da Xunta do PP" e para denunciar o "grave problema de accesibilidade" que a poboación ten a el. 

Desde o colectivo, que conta co apoio de sindicatos e oposición, ademais de con numerosas entidades en defensa da sanidade pública, advirten dun sistema "en colapso" e con "listas de espera interminables" que dificultan cada vez máis a accesibilidade dunha poboación que ve como os problemas se agudizan lonxe de solucionarse. 

Paro do persoal de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo o pasado 7 de xaneiro © cedida

Este "colapso continuo" e a "masificación" veñen sendo denunciadas tamén por profesionais nas últimas semanas, ben nas urxencias ou ben nos PAC, así como na atención primaria, onde se negocian melloras tras varias convocatorias de folga que non dan chegado. 

O "colapso" nas urxencias, nos PAC e na atención primaria vén sendo denunciado desde hai semanas polos profesionais

Así, desde a plataforma lembran que na atención primaria xa é habitual esperar entre sete e catorce días para unha cita, mesmo telefónica, en moitos centros de saúde de Galicia, o que deriva tamén na saturación das urxencias hospitalarias ou dos PAC (Puntos de Atención Continuada). 

En canto aos hospitais, SOS Sanidade Pública denuncia que as cifras do Sergas para espera cirúrxica, probas ou consultas "non teñen credibilidade" e "non se corresponden coa percepción do paciente". E pon datos, advertindo que, por exemplo na área sanitaria da Coruña, a agarda para un TAC rolda os 50 días e para unha resonancia pasa de 55. "É difícil derivar un paciente desde atención primaria ao hospital. Como é posible que chegásemos a isto!", lamenta Ramón Veras, médico e portavoz da plataforma na Coruña. 

Ademais, a manifestación tamén pretenden denunciar a "aglomeración" de pacientes nos grandes centros hospitalarios ou o "desmantelamento" dos hospitais comarcais, así como a grave ausencia de pediatras en moitos puntos de Galicia. 

Ao problema evidente de "falta de profesionais e recursos", SOS Sanidade Pública engádelle tamén o de "xestión", lembrando que a "sobrecarga por burocratización das consultas de medicina de familia" ou as "dificultades" que se atopan para que un paciente sexa atendido en consulta hospitalaria "non se debe só á falta de profesionais". 

Manifestación pola sanidade pública en Viveiro, o 23 de marzo de 2025 CC-BY-SA Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

Ante este panorama, a plataforma alerta de que en paralelo prodúcese "a desviación de milleiros de pacientes e cartos a hospitais privados" e o conseguinte "fortalecemento consciente da sanidade privada con fondos públicos". "É unha decisión política da Xunta", di SOS Sanidade Pública, que lembra que foi o Goberno galego quen practicamente retirou o incentivo ao persoal para traballar en exclusivo na pública e reduciu as incompatibilidades para que empresas privadas contraten profesionais e atendan pacientes do Sergas. 

SOS Sanidade Pública alerta do "fortalecemento consciente da sanidade privada con fondos públicos"

A entidade achega datos, como que o 40% das altas hospitalarias e o 50% da cirurxía maior ambulatoria son de concertos co Sergas, para denunciar unha deriva "privatizadora" que acaba tendo consecuencias evidentes noutras cifras: "En Galicia o 24% da poboación galega, segundo datos de 2024, ten unha póliza de seguro privado, cando en 2018 era dun 9%". "É un incremento substancial que debería facer reflexionar ao goberno galego", di. 

Por este e outros moitos motivos di SOS Sanidade Pública chamar a unha manifestación que sairá da Alameda de Compostela ás 12 do mediodía, unha marcha que volve ás rúas de Santiago logo da celebrada o pasado mes de abril e que xuntou milleiros de persoas. Doutra volta, son numerosos os autobuses preparados xa para desprazar persoas desde diferentes puntos de Galicia. 

Rueda critica a SOS Sanidade Pública

Con todo, a marcha deste vindeiro domingo foi criticada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que censurou que estas mobilizacións non fosen contra o Goberno central, e que foi respondido a través da plataforma nunha carta na que lle lembra que o seu goberno, "con 16 anos de orzamentos, non foi quen de solucionar nin un dos problemas sanitarios en Galicia". 

Aínda este pasado mércores, no pleno do Parlamento, os líderes de BNG e PSdeG, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, denunciaron o "colapso" sanitario no Sergas, ao que Rueda contestou denunciando o "silencio covarde" da oposición ante a "suspensión de moitos actos médicos" pola folga contra o estatuto marco que prepara o Ministerio de Sanidade, obviando que os paros convocados en Galicia por sindicatos médicos denuncian tamén a política sanitaria levada a cabo polo Executivo galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.