As chamadas ao número 016 de atención a vítimas de violencia machista aumentan un 20% en Galicia no que vai de ano

Acto da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista CC-BY-SA MMM

No que levamos de ano 2022 a cifra de chamadas ao 016 está a rexistrar un incremento moi importante, sumando por primeira vez máis de dúas mil (2.074, exactamente) nos seis primeiros meses do ano, un 20% do dato do pasado ano 2021 (1.739)

O 016 é o servizo de atención "a todas as formas de violencia contra as mulleres". É gratuito, confidencial e funciona a través do teléfono, de Whatsapp e tamén do correo electrónico co obxectivo de que as mulleres que poden estar sendo vítimas de violencia machista (ou persoas achegadas que coñezan estas situacións) reciban información, asesoramiento xurídico e atención psicosocial inmediata por parte de persoal especializado. 

Púxose en marcha a finais do ano 2007 e dende entón o número de chamadas e comunicacións pertinentes recibidas a través deste servizo mantivo unha relativa estabilidade, con cifras que se moveron entre entre as 2.500 e as 4.000 no conxunto do ano e ao redor das 1.500 no primeiro semestre.

Porén, no que levamos de ano 2022 a cifra de chamadas ao 016 está a rexistrar un incremento moi importante, sumando por primeira vez máis de dúas mil (2.074, exactamente) nos seis primeiros meses do ano, un 20% do dato do pasado ano 2021 (1.739). É, de feito, a primeira vez na historia que se superan as dúas mil chamadas.

Tan só nos anos 2016 e 2017 se acadara un nivel semellante, aínda que inferior, que posteriormente descendeu de forma importante nos anos 2018 e 2019. O 2020 foi un ano marcado pola pandemia, pero o confinamento dos primeiros meses traduciuse nun incremento das chamadas ao 016. A tendencia de aumento mantívose no inicio do ano 2021 e agora semella que se acrecenta no actual exercicio.

O 2021 fora, de feito, o terceiro ano con máis chamadas recibidas polo 016, só por detrás dos devanditos 2016 e 2017. Porén, de seguir a actual tendencia, os datos de 2022 poderían mesmo superar o máximo acadado neses dous anos, con máis de catro mil chamadas no 2016.

A maior parte das chamadas son realizadas polas propias vítimas, un 73%

A maior parte das chamadas son realizadas polas propias vítimas, un 73% no que levamos de 2022, porcentaxe semellante á do pasado ano 2021 e superior á de anos anteriores. Os familiares e outras persoas próximas, como amizades ou veciñanza, adoitan efectuar ao redor do 25% das chamadas.

Xuño foi o segundo mes da serie histórica con máis chamadas en Galicia

Xuño foi o segundo mes da serie histórica con máis chamadas en Galicia (387), só por detrás do dato de agosto de 2016. Esta cifra representa ao redor de 13 chamadas ao día. O mes de maio deste ano 2022 fora xa un dos meses cun maior número de chamadas (382).

O servizo de información xeral está dispoñible as 24 horas ao día, os sete días da semana, o mesmo que o servizo de atención psicosocial inmediata, mentres que o servizo de asesoramiento xurídico está operativo de 8 a 22 horas de luns a domingo. O 016 deriva chamadas de emerxencia ao 112 e coordínase con servizos semellantes existentes nas distintas comunidades autónomas.

Ademais de ofrecer información ás mulleres vítimas de violencia de xénero e á súa contorna sobre que facer en caso de malos tratos, achega consellos e suxestións sobre recursos e dereitos das vítimas en materia de emprego, servizos sociais, axudas económicas, recursos de información, de asistencia e de acollida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.