As mulleres no Seminario de Estudos Galegos: de Carmiña Sierra a unha ducia de socias activas

Carmiña Sierra © Alvarellos

O Seminario de Estudos Galegos (SEG), do que este outono se está a celebrar o centenario, estivo formado maioritariamente por homes. A entidade chegou a contar con máis de 200 socios activos e arredor de 400 socios protectores, pero nesta relación apenas houbo unha ducia de socias activas, unha decena de socias protectoras e algunhas usuarias habituais da biblioteca da institución ou participantes nas actividade do SEG.

O libro, Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, publicado por Alvarellos , debulla a vida da mestra, nunha investigación que, ao mesmo tempo, percorre todo o século XX

A proporción de mulleres era mesmo inferior ao 10% de mozas estudantes que había nese momento na Universidade de Santiago. Alfonso Mato, que hai un tempo analizou a participación feminina no Seminario neste neste traballo publicado polo CCG, explica que "se non era fácil para elas acceder aos estudos universitarios, moito máis difícil resultaba dedicarlle, ademais, tempo e traballo non remunerado a unha asociación científico-cultural". 

Por iso a presenza e actividade de Carmen Sierra, Dolores Lorenzo, Amparo Arango, María Corredoyra, Margot Sponer, María Tobío, Encarnación Fraga, Pura Lorenzana, Carmen Rey, Luísa Cuesta, Josefa Iglesias Vilarelle, Sara Leirós ou Celsa Pérez Moreiras, é aínda máis salientable.

Luísa Cuesta, María Corredoyra, María Tobío e Margot Sponer, catro das mulleres que formaron parte do Seminario de Estudos Galegos Dominio Público

O SEG chegou a contar con máis de 200 socios activos e arredor de 400 socios protectores, pero nesta relación apenas houbo unha ducia de socias activas, unha decena de socias protectoras e algunhas usuarias habituais da biblioteca

Carmen Sierra (Pontecesures, 1906-Caracas, 1996) foi a primeira socia no Seminario de Estudos Galegos e Aurora Marco vén de dedicarlle unha obra de investigación que se presentou este xoves en Pontecesures. O libro, Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, publicado por Alvarellos editora, debulla a vida da mestra, nunha investigación que, ao mesmo tempo, percorre todo o século XX. Na presentación deste xoves Aurora Marco estivo acompañada pola neta da protagonista, María Dolores Ara Díaz, pola alcaldesa da localidade, Maite Tocino, e polo editor, Henrique Alvarellos

Mestra e militante do Partido Comunista

Carmiña Sierra, militante comunista, foi detida en 1946 e estivo presa no Cárcere de Ventas. Un Consello de Guerra condenouna a catro anos de cadea

Carmiña Sierra estudou Filosofía e Letras en Compostela (en 1927 solicitou o traslado do seu expediente á Universidade de Madrid), obtivo unha cátedra de Literatura Española e exerceu como mestra antes da Guerra Civil en varios centros de ensino medio fóra de Galicia, primeiro en Sanlúcar de Barrameda e despois en Linares. Militante do PCE, tras o Golpe de Estado pasou a vivir co seu home (Carlos Díaz Rodríguez) nunha granxa en Cortinallas (Pontecesures), participando ambos na estrutura clandestina do Partido Comunista e mantendo contactos con Isaac Vázquez Pardo a través do seu curmán Ramón Baltar.

Foi detida o 5 de xaneiro de 1946 e estivo presa no Cárcere de Ventas. Dous anos máis tarde foi xulgada nun Consello de Guerra xunto con Esperanza Batanero e Lola Freixa e condenada a catro anos de prisión. Porén, ao levar case tres anos detida, saíu en liberdade condicional a finais de agosto de 1948. Nese momento marcha vivir a Madrid, onde traballa nunha libraría, ata que en 1952 decide exiliarse en Venezuela, onde residiu ata a súa morte.

Aurora Marco, co libro que vén de publicar sobre Carmiña Sierra © Alvarellos

Aurora Marco detalla que Carmen Sierra ingresa como socia no Seminario de Estudos Galegos cando só tiña 17 anos e cursaba segundo ano de Filosofía e Letras e apenas uns días despois da constitución oficial da institución

No libro que vén de publicar, Aurora Marco detalla que Carmen Sierra ingresa como socia no Seminario de Estudos Galegos cando só tiña 17 anos e cursaba segundo ano de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago e apenas uns días despois da constitución oficial do Seminario, que ten lugar o 21 de outubreo de 1923. "Tras a primeira xuntanza, 15 días despois de se constituír para a aprobación dos Estatutos e a elección de cargos directivos, o 10 de novembro foi proposta como socia e aceptada unha semana despois", sinálase na obra.

Marco explica que Carmiña Sierra "debeu participar naqueles primeiros traballos colectivos de preparación de fichas sobre bibliografía e iconografías galegas que, semanalmente, levaba cada seminarista ás xuntanzas". E inclúe unha fotografía de grupo que non só é a primeira que se publicou en prensa sobre as actividades do Seminario de Estudos Galegos, senón que nela aparece a propia estudante, rodeada dos seus compañeiros do SEG.

A imaxe, publicada no Faro de Vigo o 1 de decembro de 1923, dá conta dunha homenaxe tributada a Fermín Bouza Brey no Hotel Arxentina tras o éxito dunha disertación no Circo de Artesáns da Coruña. Nesa fotografía Carmen Sierra aparece rodeada de 23 compañeiros varóns, entre eles o profesor Cotarelo Valledor, primeiro presidente do Seminario.

 

Unha ducia de socias activas no SEG

"Se non era fácil para elas acceder aos estudos universitarios, moito máis difícil resultaba dedicarlle, ademais, tempo e traballo non remunerado a unha asociación científico-cultural", di Alfonso Mato

O referido traballo de Alfonso Mato dá conta do ingreso e actividade das doce mulleres que entre 1923 e 1936 ingresaron no Seminario de Estudos Galegos como socias activas e lembra as dificultades que en xeral atopaban para participar no seu tempo libre na actividade nunha entidade científico-cultural. Destaca, neste senso que "as que participaron nas actividades do Seminario fixérono durante os anos de estudantes universitarias –Carmen Sierra, Dolores Lorenzo, Amparo Arango, Encarnación Fraga, Pura Lorenzana e Carmen Rey– ou logo de rematar a carreira e conseguir un traballo –Luísa Cuesta, Josefa Iglesias Vilarelle, Sara Leirós ou Celsa Pérez Moreiras".

Carmiña SIerra © Alvarellos

Alfonso Mato sinala, así mesmo, que houbo nove mulleres que figuraron socias protectoras e catro que foron usuarias habituais da Biblioteca do Seminario

Ademais do escaso número de mulleres admitidas como socias, Mato destaca que non houbo mulleres no Consello Director do Seminario, nin ditaron conferencias nas asembleas anuais extraordinarias e nos diferentes cursos que organizou a institución.

O autor explica que "é moi pouca a información da que dispoño sobre as socias activas do SEG, tirada case toda ela dos expedientes universitarios e dos escasos estudos que hai sobre o tema –non deixa de asombrarme que nos textos autobiográficos dalgúns dos protagonistas do momento, como Lois Tobío e Filgueira Valverde, non se recolla mención ningunha sobre as súas compañeiras de estudos".

Ademais do escaso número de mulleres admitidas como socias, Mato destaca que non houbo mulleres no Consello Director do Seminario, nin ditaron conferencias nas asembleas anuais extraordinarias e nos diferentes cursos que organizou a institución

Alfonso Mato sinala, así mesmo, que houbo nove mulleres que figuraron socias protectoras do Seminario. A máis importante, pola contía das súas cotas, foi Ángela Santamarina Alduncín, coñecida como Angelita Varela, marquesa de Atalaya Bermeja e condesa del Valle de Oselle. Mato engade que "máis modesta foi a contribución das outras socias, algunhas delas relacionadas con socios sobranceiros do SEG", como Emilia Álvarez Álvarez, Daría González García-Paz ou Matilde Pondal Araoz. Cita, así mesmo, a Carmen Pardo Losada, a Pilar Bermúdez de Castro y Feijoo, Encarnación Fraga, Inés Corral Mariño e Mercedes Vilabella.

No seu traballo, Mato dá conta tamén de catro mulleres, licenciadas en Historia, que entre 1928 e 1936 foron usuarias da Biblioteca do Seminario: Remedios Álvarez Álvarez, María Ignacia Ramos Díez Joaquina Rodríguez e María Tobío Fernández.

Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos © Alvarellos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.