Ao remate da andaina, colocarase un ramo de flores diante da placa que lembra a constitución do SEG, haberá un breve acto institucional cun discurso único e finalmente un xantar que contará con música
O 12 de outubro de 1923 Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena e Pena, Wenceslao Requejo Bouet, Lois Tobío e Alberto Vidán Freiría, estudantes da Universidade de Santiago, realizaron unha peregrinación entre Compostela e a casa na que Rosalía de Castro pasou a súa nenez en Ortoño (Ames). Foi o punto de partida do Seminario de Estudos Galegos, que oficialmente botou a andar uns días despois na casa do profesor Armando Cotarelo Valledor.
Neste ano estase a celebrar, polo tanto, o Centenario desta institución que nos anos 20 e 30 do pasado século buscou afondar con rigor no coñecemento do país, unha conmemoración que inclúe dúas grandes citas: unha de carácter festivo e outra de índole científica, que foron presentadas este mércores no Consello da Cultura Galega por representantes das institucións e entidades que participan nos actos Centenario: Xunta, Real Academia Galega, Universidade de Santiago, Museo do Pobo Galego, Concello de Santiago, Concello de Ames e o propio Consello da Cultura Galega.
“Foi a andaina fundacional dun grupo que tivo unha vida rica e que deixou unha longa pegada”, destacou Rosario Álvarez (CCG)
Así, o vindeiro 12 de outubro, levarase a cabo unhha nova andaina entre Compostela e Ortoño, que lembrará a realizada cen anos antes. Ao seu remate, colocarase un ramo de flores diante da placa que lembra a constitución do SEG, haberá un breve acto institucional cun discurso único e finalmente un xantar que contará con música. O percorrido (algo máis de 9 quilómetros) estará sinalizado, vixiado polos de protección civil e está previsto tamén que haxa transporte público de volta a Santiago para os que fixeron o percorrido a pé, segundo debullou a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada
A andaina estará precedida os días 10 e 11 de outubro polo congreso Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos, que se celebrará no Consello da Cultura Galega. A cita abordará, entre outras ideas, "a madureza da concepción como nación europea e na reivindicación do galego como idioma culto e plenamente desenvolvido". Así mesmo, ata final de ano pódese visitar na Cidade da Cultura a exposición Luz na terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura.
“Convócase arredor dunha sementeira, porque somos fillos daquela xente que con tan poucos recursos pero con intelixencia puxeron as bases do que hoxe somos, foron quen de construír un discurso para o país”, destacou Victor F. Freixanes
Na presentación que tivo lugar este mércores, a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, destacou sobre a peregrinación de 1923 que “foi a andaina fundacional dun grupo que tivo unha vida rica e que deixou unha longa pegada” e sinalou que o acto central da celebración busca “rememorar a viaxe daqueles mozos convidando á cidadanía a un día de festa”.
Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, salientou que “se convoca arredor dunha sementeira, porque somos fillos daquela xente que con tan poucos recursos pero con intelixencia puxeron as bases do que hoxe somos, foron quen de construír un discurso para o país”. “Esta é una efeméride dun día que marcou a creación da primeira infraestrutura cultural da que se dotou o país, con persoas de diferentes áreas de coñecemento, para a construción desde relato cultural tan necesario” apuntou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.
Congreso Saber de nós
A andaina estará precedida os días 10 e 11 de outubro polo congreso Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos, que se celebrará no Consello da Cultura
O Congreso Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos está estruturado en catro sesións. A primeira situará o proxecto de Seminario no seu contexto histórico. Será Justo Beramendi, catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, quen ofreza ese marco ao que seguirá unha mesa redonda con Uxío Breogán, Alfonso Mato e Pilar García Negro.
A segunda sesión centrarase na propia traxectoria do SEG e na súa relación coa sociedade. A conferencia marco chega da man de Ramón Villares. Despos da súa intervención, Aurora Marco, María Xesús Fortes Alén e Antón Costa afondarán no tema nunha mesa redonda.
As terceiras e cuartas sesións concentraranse nas áreas de actividade nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles: a etnografía, a prehistoria e a arqueoloxía, as ciencias, as belas artes e os estudos literarios e a lingua. Nestas sesións haberá dous relatorios destacados: un a cargo de Xerardo Pereiro, profesor asociado no Departamento de Economía, Socioloxía e Xestión, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, que fala da antropoloxía dos discursos do Seminario de Estudos Galegos sobre as identidades galegas; máis outro de Henrique Monteagudo, catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, titulado “lingua nacional, idioma moderno”.
O congreso rematará cunha mesa redonda sobre o legado do SEG no que participan Miguel Anxo Seixas Seoane, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, María Xosé Fernández Cerviño e Uxío Labarta.