Santiago rende homenaxe oficial a Ánxel Casal e lanza a Comisión da Memoria das vítimas dos golpistas na cidade

Membros das corporacións municipais de Santiago, Teo e Arzúa, con asistentes á homenaxe institucional do Concello compostelán a Ánxel Casal, este 18 de agosto no Pazo de Raxoi, ante un retrato do histórico galeguista CC-BY-NC-SA BNG

Xullo e agosto están inzadas de datas de lembranza de asasinatos. Dos cometidos polos autores e afíns ao golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que, autoproclamados como novas autoridades ou baixo a coberturas destas, mataron e reprimiron a multitude de persoas, a comezaron por dirixentes e persoeiros significados na vida social e política co obxectivo de espallar o terror.

Moitos destes asasinatos foron executados valéndose de métodos terroristas. Outros moitos, tras a simulación dun trámite legal ou dun proceso xudicial. Este foi o caso de Ánxel Casal, o editor e líder galeguista que foi alcalde de Santiago do 20 de febreiro ao 9 de xullo daquel 1936 e, outra volta e por breves días, tamén cando os franquistas xa lanzaran a súa sublevación contra a II República.

Ánxel Casal, na asemblea que fixou a data do referendo do Estatuto de 1936 Dominio Público Publicada na revista Vida Gallega

Foi nesas xornadas nas que, sen éxito, tentou contribuír dende o Concello compostelán á resistencia contra o golpe. Sabendo da intención de asasináreno, fuxiu para Vilantime (Arzúa), de onde era o seu pai e onde atopou refuxio na casa dun familiar. Pero os sublevados atopárono, detivérono o 4 de agosto e recluírono na Falcona, o cárcere que daquela se atopaba nos baixos do Pazo de Raxoi, sede do Consistorio. E o 19 de agosto asasinárono en Cacheiras (Teo).

Goretti Sanmartín evoca o histórico galeguista, alcalde de honra da capital galega, como "referencia persoal e política" na véspera do aniversario do seu asasinato nun acto institucional secundado polos concellos de Teo e Arzúa e todos os grupos municipais

Estes tres concellos, protagonistas da súa vida e asasinato, estiveron representados este venres na homenaxe oficial tributada a Casal polo Concello de Santiago, do que é alcalde de honra dende 2018. Na véspera do aniversario do que os golpistas presentaron como unha morte por "hemorraxia interna", a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, como unha "referencia persoal e política" que, di, cómpre lembrar canda outras figuras da cidade que tamén foron represaliadas. 

Todas elas, anuncia, serán lembradas a través dunha Comisión da Memoria, de nova creación, encargada de "dar a coñecer a traxectoria das 226 veciñas e veciños" de Compostela que, como acreditou o proxecto de investigación Nomes e Voces (apoiado polo Goberno de PSdeG e BNG e ao que o gabinete do PP de Feijóo deixou sen fondos), "sufriron represión do franquismo". Nesta liña irán tamén accións como a instalación de placas de lembranza "das persoas que sufriron traballos forzados no campo de concentración da Lavacolla e das vítimas da represión que estiveron na cadea de Santa Isabel, nas Galeras", avanza a rexedora.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (BNG), flanqueada polos seus homólogos de Arzúa e Teo, Xoán Xesús Carril (BNG) e Lucía Calvo (PP), ante un retrato de Ánxel Casal durante a homenaxe no Pazo de Raxoi CC-BY-NC-SA BNG

A homenaxe a Casal serviu para lembrar o seu asasinato, mais tamén o seu labor no curto período no que puido exercer a alcaldía, unha "faceta municipalista" que, lembra Sanmartín, inaugurou coa que foi "a primeira intervención dun alcalde na nosa lingua nun acto solemne". Dotar as escolas da cidade de libros en galego, un proxecto de "asistencia social aos necesitados", preparar os actos do Ano Santo de 1937 ou rehabilitar o antigo Hospital de Peregrinos -actual Hostal dos Reis Católicos- para instalar nel o Museo Nacional Galego foron outras das súas primeiras accións como alcalde, cargo dende o que tamén foi clave no plebiscito do primeiro Estatuto galego.

María Rozas: "Non pode haber diferenzas cando se trata da democracia, de condenar a barbarie e de homenaxear o noso alcalde de honra"

Estas e outras facetas de Casal foron lembradas nunha homenaxe na que, en verbas da tenente da alcaldía compostelá, María Rozas, é "imposible facer xustiza" co alcalde asasinado. Tamén "con tantas outras e outros, pero é obriga facer memoria para mirar cara ao futuro e defender a democracia". 

"Non é preciso afondar no compromiso de Ánxel Casal coa nosa lingua, coa nosa cultura e con Galicia" porque "aí están as probas do que non necesita ser probado", evocou antes de parafrasear o homenaxeado e defender a "unidade de todas e todos, sexan da escola e da banda que sexan" porque "non pode haber diferenzas cando se trata da democracia, de condenar a barbarie e de homenaxear o noso alcalde de honra", resaltou nun acto secundado tamén pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo (PP), polo alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril (BNG) e por membros de todos os grupos municipais de Santiago.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.