O documental 'Xeración Perdida 36' busca "recuperar a memoria duns nomes que quixeron borrar da historia"

Representantes municipais da Coruña durante a Segunda República Dominio Público Deputación da Coruña

No ano 2017 a Deputación da Coruña impulsou o proxecto Xeración Perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña, realizado polo grupo HISPONA (USC) baixo a dirección do profesor Emilio Grandío. O obxectivo deste traballo é o de recuperar a historia das corporacións municipais que na provincia da Coruña fixeron fronte ao golpe militar de 1936, ampliando o coñecemento existente sobre a vida política destes concellos na fase final da II República.

88 concelleiros foran asasinados polos franquistas. A eles hai que sumar 78 encarcerados, 34 exiliados, 12 fuxidos, 86 sancionados ou 36 procesados (30 sentenciados a cadea perpetua)

Froito destas investigacións puido saberse que 88 concelleiros foran asasinados polos franquistas. A eles hai que sumar 78 encarcerados, 34 exiliados, 12 fuxidos, 86 sancionados ou 36 procesados (30 sentenciados a cadea perpetua), un total de 334 representantes municipais que sufriron a represión dos golpistas. En entrevista con Praza.gal Emilio Grandío subliñaba que "a xeración máis activa e capaz de achegar cousas novas quedou anulada en 1936", cunha represión que foi especialmente dura nas comarcas de Eume, Ortegal e Ferrol pero que abrangueu a toda a provincia.

Presentación do documental 'Xeración Perdida', este martes en Compostela © Deputación da Coruña

Agora, a partir do traballo de investigación realizado, Xeración Perdida convértese nunha longametraxe documental, dirixida por Xosé Antón Moure e producida por Fílmika Galaika

Agora, a partir do traballo de investigación realizado, Xeración Perdida convértese nunha longametraxe documental, dirixida por Xosé Antón Moure e producida por Fílmika Galaika. O proxecto foi presentado este martes pola tarde na Biblioteca Anxel Casal de Compostela, nun acto no que participou o director do filme, Emilio Grandío, Coordinador do Grupo de Investigación Hispona da USC e coautor do libro e mais Roi Carballido, produtor executivo e administrador de Fílmika Galaika. Os seus responsables destacan que Xeración Perdida 36 busca "recuperar a memoria duns nomes que quixeron borrar da historia".

A longametraxe comezará a rodarse a comezos do mes de marzo e busca poñer en coñecemento da cidadanía a represión política que tivo lugar, principalmente, durante o verán do ano 1936. “Na medida en que o  novo réxime quixo castigar os responsables das políticas desenvolvidas no período republicano ou ás persoas que participaron na organización da resistencia ao golpe militar, as corporacións municipais foron un dos principais obxectivos da represión”, destácase en Xeración Perdida 36, a obra coordinada por Grandío.

A longametraxe comezará a rodarse a comezos do mes de marzo e busca poñer en coñecemento da cidadanía a represión política que tivo lugar, principalmente, durante o verán do ano 1936

“A represión dirixiuse contra todos aquelas persoas que tivesen actividade social ou política e sobre todo que tivesen representatividade democrática”, salienta Grandío, facendo fincapé na importancia cuantitativa da persecución contra os alcaldes e concelleiros republicanos, que foi moito máis aló do asasinato selectivo dalgunhas poucas figuras destacadas. “Un golpe coma o do 36 se só atacara o nivel máis alto do poder non tería esnaquizado o resultado de anos de mobilización social e de avance das ideas democratizadoras. Foi o ataque do nivel máis local, o que estaba en contacto directo coa cidadanía, unha das circunstancias que permitiu á ditadura manterse sen grandes desafíos internos durante catro décadas”, engade a investigación.

O presidente e a vicepresidenta da Deputación cos voceiros dos grupos xunto aos retratos de López Bouza e Casal, o acto de restitución realizado no ano 2016 © Deputación da Coruña

Grazas ao proxecto de Xeración Perdida, pódese consultar a base de datos de todos os representantes municipais represaliados

A investigación impulsada pola Deputación da Coruña conseguiu sacar á luz un gran número de feitos de represión que ata entón eran descoñecidos, sobre todo fóra das grandes cidades. A maior parte dos traballos históricos céntranse nas grandes urbes, mentres se sabe pouco do que aconteceu na maior parte das corporacións, coas persoas que eran a representación mais visible do poder en zonas nas que a feble implantación dos organismos da administración estatal os convertía en especialmente relevantes. Grazas ao proxecto de Xeración Perdida, pódese consultar a base de datos de todos os representantes municipais represaliados.

Este proceso de recuperación e restitución realizado pola Deputación comezara en realidade un ano antes, cun acto simbólico no que foron homenaxeadas as corporacións democráticas que sufriron a represión franquista no ano 1936.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.