Cos votos a favor de PSd-G-PSOE, BNG, PP, Marea Atlántica, Alternativa dos Veciños e Compostela Aberta, a totalidade dos grupos con representación, o pleno da Deputación aprobou este venres a declaración institucional encamiñada a iniciar o proceso de retirada de honras e distincións ás persoas vencelladas ao franquismo e á represión. Como paso previo aprobouse a elaboración dun catálogo de honras, distincións e simboloxía franquista e iniciará o expediente para a eliminación da simboloxía franquista dos edificios. Ademais, durante este ano 2019 aprobará un novo Regulamento de Honras e Distincións.
Segundo informa nun comunicado o ente provincial, co obxectivo de iniciar o proceso para a revocación das honras, incoará o correspondente expediente, seguindo os procedementos oportunos para invalidar todas as distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e demais formas de exaltación de persoas que participaron activamente no golpe militar e na represión da ditadura, así como tamén para eliminar a simboloxía franquista nos edificios pertencentes á institución provincial.
A Deputación da Coruña procederá durante este ano 2019 a aprobar un novo Regulamento de Honras e Distincións e a elaborar o catálogo das existentes
Esta nova declaración institucional da Deputación da Coruña dá continuidade á aprobada o 29 de xullo de 2016 sobre a retirada dos títulos honoríficos e distincións concedidas a Francisco Franco, que daba cumprimento á Lei da Memoria de 2007. Desta volta, iniciativa declara a vontade de revocar todas as honras e distincións concedidas pola Deputación a persoas vencelladas con feitos e prácticas represivas realizadas durante o golpe militar e a ditadura, así como a retirada de simboloxía "propia dese réxime antidemocrático nos edificios pertencentes á institución provincial".
Represión na provincia
O inicio do proceso de retirada de distincións franquistas entronca co traballo que a Deputación da Coruña está a levar a cabo no eido da recuperación da memoria histórica e que ten na publicación do libro Xeración Perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña, un dos seus últimos fitos.
As investigacións realizadas, recollidas no libro impulsado pola Deputación e levado a cabo polo grupo HISPONA (USC) baixo a dirección do profesor Emilio Grandío, sitúan en 88 os edís mortos a mans dos sublevados. A eles hai que sumar 78 encarcerados, 34 exiliados, 12 fuxidos, 86 sancionados ou 36 procesados (30 sentenciados a cadea perpetua), un total de 334 representantes municipais que sufriron a represión do franquismo. A cifra é moi elevada, máis dun 13% de todos os concelleiros do período republicano na provincia da Coruña (2.467). E a proporción é moito máis elevada se só se teñen en conta as persoas que o 18 de xullo de 1936 ocupaban ese cargo: 286 represaliadas dun total de 1.286, un 22%.