Chamamento a familiares para investigar as foxas franquistas de Serantes, en Ferrol, das maiores de Galicia

Unha exhumación do grupo Histagra nunha imaxe de arquivo © Histagra

"Sábese que como mínimo 197 persoas foron asasinadas e enterradas en varias foxas localizadas neste cemiterio de Ferrol", salienta o grupo de investigación Histagra da USC

O grupo de investigación Histagra da USC, que vén desenvolvendo un significativo traballo de documentación e escavación de foxas da violencia franquista en todo o país, vén de facer público un "chamamento á colaboración das familias de vítimas" para estudar o sucedido arredor do cemiterio de Serantes, en Ferrol. Segundo os investigadores, "sábese que como mínimo 197 persoas foron asasinadas e enterradas en varias foxas localizadas neste cemiterio de Ferrol", o que situaría o lugar como un dos máis importantes da represión en Galicia.

Cemiterio de Serantes, en Ferrol © Histagra

A investigación no cemiterio de Serantes desenvólvese no marco dun convenio entre o grupo Histagra da USC e a Deputación da Coruña. A primeira cata arqueolóxica nese lugar desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro e ante ela o grupo pide axuda "das familias de vítimas de violencia franquista que foron enterradas en Serantes, así como á veciñanza e outras persoas que dispoñan de datos ao respecto, de cara a complementar o estudo histórico". Para iso ofrece o correo electrónico histagra@usc.gal. Tamén agradece a colaboración da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol. 

A primeira cata arqueolóxica en Serántes desenvolverase entre o 31 de agosto e o 11 de setembro

Segundo a base de datos Nomes e voces que vén desenvolvendo Histagra desde hai dúas décadas, o número de vítimas enterradas en Serantes "sería un dos maiores do territorio galego", pero ese espazo está pendente de investigar en profundidade. O convenio coa Deputación da Coruña tamén está permitindo a Histagra investigar as foxas de Beira (Carral) e Boisaca (Santiago).

En Ferrol a Secretaría de Estado de Memoria Democrática está a desenvolver a declaración da cidade e de varios dos seus espazos, entre eles o cemiterio de Serantes, como Lugar de Memoria Democrática, salientando que alí o golpe de Estado de 1936 "triunfou de forma inmediata" e desatou unha "represión sistemática" con detencións e execucións que "buscaron aniquilar toda oposición republicana e consolidar a nova orde franquista".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.