Durante dúas semanas traballos coordinados polo grupo de investigación Histagra tentarán determinar a localización dunha das fosas da violencia franquista existentes no lugar. Sábese que como mínimo 18 persoas foron asasinadas e enterradas; de 13 coñécese o nome, apelidos e lugar de procedencia
Este luns deron comezo os traballos de intervención arqueolóxica no cemiterio de Beira (Carral), baixo coordinación do grupo de investigación Histagra (USC-CISPAC), co obxectivo de determinar a localización dunha das fosas da violencia franquista existentes no lugar.
Esta primeira cata, que se estenderá durante dúas semanas, iníciase tras unha investigación histórica que permitiu ampliar o coñecemento acerca do modus operandi da represión e tamén da transformación do espazo do cemiterio desde 1936. Sábese que como mínimo 18 persoas foron asasinadas e enterradas en varias fosas localizadas en Beira, aínda que hai indicios de que poderían ser máis.
Das 18 persoas, 13 están identificadas con nomes e apelidos e coñécese tamén de onde eran: da Coruña, Cambre ou Culleredo. As cinco restantes foron soterradas como "cadáver sen identificar". Foron fusiladas da próxima canteira de As Catalinas, a apenas un par de quilómetros do cemiterio.
O estudo contou coa colaboración da asociación Cultura Aberta de Carral, que comezou a investigar no ano 2005 e que en 2023 inaugurou un monumento de homenaxe ás vítimas. A asociación está a preparar un roteiro que percorrerá o camiño existente entre a canteira na que se realizaban os fusilamentos e o propio cemiterio
O estudo contou coa colaboración da asociación Cultura Aberta de Carral, que comezou a investigar no ano 2005 e que en 2023 inaugurou neste cemiterio de Beira un monumento de homenaxe ás vítimas. A asociación está a preparar un roteiro que percorrerá o camiño existente entre a canteira na que se realizaban os fusilamentos e o propio cemiterio de Beira.
Estes traballos enmárcanse no convenio asinado pola Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela para a investigación histórica, arqueolóxica e forense das fosas da violencia franquista de Beira (Carral), Serantes (Ferrol) e Boisaca (Santiago).
No caso de que os traballos localizasen restos humanos, a Deputación da Coruña asumiría os gastos das investigacións xenéticas, segundo confirma a deputada de Igualdade, Política Lingüística e Dereitos Civís, Soledad Agra.
No caso de que os traballos localizasen restos humanos, a Deputación da Coruña asumiría os gastos das investigacións xenéticas
O equipo traballará no cemiterio de Beira durante dúas semanas, ata o vindeiro 17 de xullo. Como sucede neste tipo de traballos, o éxito non está garantido. A información poucas veces é completa ou indica a localización exacta da fosa común, sobre todo cando nos camposantos se levaron a cabo obras posteriores de reforma, como sucedeu neste caso no ano 1951.
Un equipo multidisciplinar da USC encárgase de desenvolver a investigación baixo a coordinación científica de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, historiadores expertos na cuestión que integran o grupo de investigación Histagra (USC-CISPAC).
O equipo traballará no cemiterio de Beira durante dúas semanas, ata o vindeiro 17 de xullo. O éxito non está garantido: en 1951 o cemiterio sufriu unha importante reforma
Histagra tamén se ocupa de desenvolver a análise histórica a través do traballo dos investigadores Xurxo Antelo e Lucía Santiago. O estudo arqueolóxico é coordinado por José Carlos Sánchez Pardo (USC-CISPAC), arqueólogo e membro do grupo de investigación AEVUM, e conta coa empresa Tempos Arquéologos para o desenvolvemento dos traballos en campo. A análise de antropoloxía forense é coordinada polo investigador Edgard Camarós (USC-CISPAC), membro do grupo GEPN-AAT.