Unha ducia de exposicións históricas do CGAC para percorrer os seus 30 anos
O 29 de setembro de 1993 foi inaugurado o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) cunha exposición antolóxica de Maruxa Mallo, ocupando o fermoso edificio deseñado polo portugués Álvaro Siza. Esta semana, polo tanto, celébrase o 30 aniversario da entidade, que conmemora a efeméride cunha serie de actividades que acompañan unha programación de exposicións e instalacións que nos últimos meses están a facer repaso da traxectoria do museo. "A historia do CGAC é o seu programa de exposicións e a súa colección", destacou nunha entrevista o director do centro, Santiago Olmo. Facemos aquí un percorrido por algunha desas mostras.
-
01
Maruxa Mallo (1993)
O CGAC abriu as portas o 29 de setembro de 1993 cunha retrospectiva de Maruxa Mallo comisariada por Pilar Corredoira que incluía un cento de pezas.
A institución, que ten entre os seus fins "promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea", naceu a través do Decreto 308/1989, aprobado polo Goberno tripartito presidido polo socialista Fernando González Laxe.
-
02
Itínere (1994)
Despois da exposición inaugural, o CGAC -aínda sen equipo e programa- pechou as súas portas durante algúns meses, ata a reapertura definitiva coa exposición colectiva Itínere. Camiño e camiñantes, que reunía algunhas das figuras máis relevantes do panorama artístico internacional.
-
03
Siza e o propio edificio (1995)
A terceira exposición do CGAC -entre abril e xuño de 1995- estivo dedicada ao autor do propio edificio, o arquitecto portugués Álvaro Siza. E non foi por casualidade. Dende o comezo o inmoble, máis aló dos seus usos funcionais, converteuse en protagonista da actividade artística do CGAC. Se por algo destacou o edificio que alberga o museo é pola súa versatilidade e polas múltiples posibilidades que ofrece para o diálogo entre arte e arquitectura.
E nas conmemoracións do 30 aniversario o edificio de Siza adquire unha grande importancia, a través dun espectáculo de danza vertical na fachada ou dunha proxección de vídeomapping. Ademais, está representado na mostra Traballo en equipo. Unha historia posible do CGAC por unha selección dos mobles creados especificamente polo arquitecto portugués para o centro.
-
04
Advento (1995)
A mostra Advento, de Christian Boltanski, foi a primeira retrospectiva da obra deste artista. Tratábase dunha exposición sobre a morte e o lugar escollido foi a Igrexa de San Domingos de Bonaval, moi preto do CGAC. Asegura que escolleu Galicia para esta exposición "porque os galegos e galegas vivimos a morte como unha parte máis da vida".
-
05
Ana Mendieta (1996)
En 1996 o CGAC rendeu homenaxe á artista cubana Ana Mendieta, falecida unha década antes con só 37 anos, cunha mostra antolóxica de 94 pezas que percorrían a traxectoria desta pioneira do body-art.
-
06
Lost in Sound (1999)
Entre os anos 1999 e 2000 o CGAC acolleu unha das mostras que deixou máis pegada, Lost in Sound, que mesmo foi lembrada dúas décadas máis tarde por unha nova mostra, 20 anos Lost in Sound, un proxecto comisariado por Manuel Olveira.
Lost in Sound introduciu un novo concepto de museo, adaptando á institución a novos usos e funcións dentro da sociedade e a cultura do lecer.
-
07
Leiro (2000)
No ano 2000 o CGAC acolleu unha das exposicións máis lembradas da súa historia, protagonizada por Francisco Leiro, un dos maiores expoñentes da escultura das últimas décadas.
-
08
A paisagem do corpo e o corpo da paisagem (2001)
Entre as instalacións máis recordadas e impactantes da historia do CGAC sobresae A profundidade do corpo, a onda, realizada polo artista brasileiro Ernesto Neto en 2001 para a exposición individual que lle dedicou o museo aquel ano: A paisagem do corpo e o corpo da paisagem
Esta instalación poderase visitar de novo a partir do 29 de setembro, coincidindo coa exposición Implosión, arte conceptual na Colección CGAC, comisariada por Pedro de Llano Neira
-
09
A batalla dos xéneros (2007)
A batalla dos xéneros, mostra comisariada por Juan Vicente Aliaga, puido visitarse no CGAC no ano 2007, que incluía as achegas de 50 artistas desde o feminismo e a teoría do xénero
-
10
93 (2013)
En 2013, cando o CGAC fixo 20 anos, o daquela director do museo, Miguel von Hafe Pérez, comisariou unha exposición na que recreaba o panorama artístico dos primeiros anos noventa, co título de 93
-
11
Reler a colección (2016)
"A historia do CGAC é o seu programa de exposicións e a súa colección", destacou nunha entrevista o director do centro, Santiago Olmo, poñendo en valor a colección que foi construíndo a institución.
Neste senso, Reler a colección foi un proxecto realizado en 2016 que se articulou nunha serie de exposicións colectivas que propuñan unha lectura dialogada de pezas da colección do museo con obras de coleccións privadas galegas e unha selección de obras pertencentes á Colección Fundación ARCO
Co gallo do 25 aniversario da apertura do CGAC, programáronse outras dúas exposicións sobre a colección do centro: Modelo x armar e Colección CGAC 25. A primeira delas estivo centrada nos autores e autoras galegas.
-
12
Berta Cáccamo. Expansión Ensaio (2016)
Nos últimos meses do ano 2016 o CGAC acolleu a mostra Berta Cáccamo. Expansión Ensaio, dedicada á artista viguesa finada en 2018 e que inaugurou o espazo dedicado ao programa de artistas galegos de media carreira que continuaron Álvaro Negro (2017), Nicolás Combarro (2018), Loreto Martínez Troncoso (2019), Suso Fandiño (2022) e Almudena Fernández Fariña (2023
-
13
Homeless. Ángela de la Cruz (2019)
No ano 2019 o CGAC programou en colaboración con Azkuna Zentroa unha exposición dedicada a Ángela de la Cruz, unha mostra que partía da obra do mesmo nome, Homeless, realizada en 1996 pola artista coruñesa
-
14
Antón Patiño. Caosmos (2020)
Ao longo do ano 2020, marcado pola pandemia, o CGAC acolleu a exposición Caosmos, dedicada á obra de Antón Patiño e comisariada por Alberto Ruiz de Samaniego
-
15
Traballo en equipo. 30 anos do CGAC. Unha historia posible (2023)
Unha historia posible do CGAC, que se pode ver ata o vindeiro 7 de xaneiro, é un percorrido polas exposicións, actividades e publicacións promovidas polo centro desde a súa creación. Todo iso a través dos fitos e pezas singulares que, ao longo de tres décadas, foron marcando a súa historia e, paralelamente, a evolución do contexto artístico en Galicia.