O CGAC celebra 30 anos de "aposta polo risco" con actividades nas que o edificio de Siza gaña protagonismo

Exposición 'Traballo en equipo. 30 anos do CGAC' © CGAC

As conmemoracións do 30 aniversario terán este venres 29 os seus actos centrais, que inclúen un espectáculo de danza vertical na fachada, unha proxección de vídeomapping, visitas guiadas en horario especial e unha noite de concertos

O 29 de setembro de 1993 foi inaugurado o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) cunha exposición antolóxica de Maruxa Mallo, ocupando un fermoso edificio deseñado polo portugués Álvaro Siza. A institución, que ten entre os seus fins "promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea", naceu a través do Decreto 308/1989, aprobado polo Goberno tripartito presidido polo socialista Fernando González Laxe.

Esta semana, polo tanto, celébrase o 30 aniversario da entidade, que conmemora a efeméride cunha serie de actividades que acompañan unha programación de exposicións e instalacións que nos últimos meses están a facer repaso da traxectoria do museo.

Espectáculo de danza vertical: peza 'Finale', da compañía Delrevés © CGAC

O 29 de setembro de 1993 foi inaugurado o CGAC cunha exposición antolóxica de Maruxa Mallo

As conmemoracións do 30 aniversario terán este venres 29 os seus actos centrais, que inclúen un espectáculo de danza vertical na fachada, unha proxección de vídeomapping, visitas guiadas en horario especial e unha noite de concertos, ao que se sumará tamén a inauguración dunha nova exposición que repasa a historia do CGAC vinculada á arte conceptual. 

Todas as actividades poderán gozarse de balde e nelas terá unha importancia singular a propia arquitectura do CGAC, obra de Álvaro Siza. Se por algo destacou o edificio que alberga o museo é pola súa versatilidade e polas múltiples posibilidades que ofrece para o diálogo entre arte e arquitectura.

O Centro Galego de Arte Contemporánea destaca que "a celebración do 30 aniversario do CGAC pasa tamén por reivindicar os seus espazos como lugares abertos á experimentación e á reinterpretación plástica e permite constatar o acerto que no seu día supuxo a aposta decidida polo risco co fin de consolidar o prestixio do centro".

Todas as actividades poderán gozarse de balde e nelas terá unha importancia singular a propia arquitectura do CGAC, obra de Álvaro Siza

Así, a noite do venres 29 os muros exteriores e a terraza converterase a partir das 21 horas en escenario dun espectáculo de danza vertical coa peza Finale, da compañía Delrevés que mesturará danza contemporánea e artes dixitais ao tempo que se incorporarán secuencias de danza clásica. Penduradas da estrutura do edificio, as bailarinas Saioa Fernández e Sheila Ferrer interpretarán pezas de ballets como O lago dos cisnes ou O Crebanoces

Tras o espectáculo, realizarase unha sesión de vídeomapping en 3D sobre a fachada do museo a cargo de Maxina. Mediante un xogo de luces e ilusións ópticas, a proxección percorrerá os 30 anos de historia do CGAC evocando algunhas das obras que no seu día estiveron expostas nos seus espazos máis representativos.

Unha das obras da exposición 'Implosión. Arte conceptual na colección CGAC (1965-1975)' © CGAC

O sábado 30 as actividades continuarán con tres concertos nos exteriores do museo a partir das 21 horas

O sábado 30 as actividades continuarán con tres concertos nos exteriores do museo a partir das 21 horas. Todos serán tamén de acceso libre e de balde. A primeira actuación correrá a cargo de Faia, artista que traballa coa música de tradición oral coa voz como ferramenta esencial. Recuperará coplas transmitidas de boca en boca que, á súa vez, completará con novas voces nun recital sobre a memoria colectiva do CGAC. Malandrómeda continuará a noite de música e, para pechar as celebracións, contarase coa banda neerlandesa Jungle by Night

Arte conceptual na colección CGAC

Os actos complétanse coa inauguración da nova exposición Implosión. Arte conceptual na colección CGAC (1965-1975)

Os actos complétanse coa inauguración da nova exposición Implosión. Arte conceptual na colección CGAC (1965-1975), que reunirá varias pezas entre a colección do museo, así como novas adquisicións recentes que aínda non foran mostradas, doazóns e un grupo de préstamos temporais de coleccionistas galegos ou de distintas institucións como o Museo Centro de Arte dos de Mayo. No marco desta exposición celebrarase o venres 29 unha conversa aberta ao público no auditorio do CGAC entre o director do museo, Santiago Olmo, e o comisario Pedro de Llano.

Esta mostra súmase ao proxecto expositivoTraballo en equipo 30 anos do CGAC, que desde xuño pode verse no CGAC e no Museo Centro Gaiás

Esta mostra súmase ao proxecto expositivoTraballo en equipo 30 anos do CGAC, que desde xuño pode verse no CGAC e no Museo Centro Gaiás. Con motivo da efeméride, a mostra entra na súa recta final cun programa de actividades con visitas comentadas especiais guiadas polos seus comisarios: o director do CGAC, Santiago Olmo, e a coordinadora de exposicións do Museo Centro Gaiás, Verónica Santos, e tamén polos artistas plásticos Jorge Perianes e Mónica Alonso, que asinan dúas das obras da mostra. As visitas son de balde con reserva na web cidadedacultura.gal e celebraranse ás 12 horas os sábados 30 de setembro e 14 de outubro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.