1.- O cambio de paradigma dos anos 80: a renovación de Atlántica
Para analizar o panorama das artes plásticas e a xestión cultural en Galicia dos últimos 30 anos, temos que entender primeiro o cambio de paradigma que supuxeron os anos 80 nese camiño emerxente e enerxético cara a contemporaneidade. Un efervescente movemento sociocultural e político xurdía en Vigo, como foco rexenerador, estendendo por toda a comunidade un xerme prolífero e innovador na creatividade en todas as artes. O foco tiña nome. O Grupo Atlántica, impulsado polo crítico Román Pereiro e formado por artistas novos que reivindicaban a súa identidade cultural e o individualismo artístico, achegou a Galicia as correntes máis internacionais, rachando coa ollada folclorista e costumista imperante ata esta etapa de transición democrática. Cunha plástica completamente renovada, este grupo multixeracional reivindicaba o pasado, recuperando o etnográfico, a tradición da pedra e da madeira, o mitolóxico, así como a simboloxía relacionada co mundo precristián, céltico e a chamada “expresión atlántica”, denominada así polo crítico Antón Castro. E chegamos aos anos 90 da man deste grupo transgresor de intelectualidade e activismo artístico e social que situou a Galicia no mesmo plano das correntes contemporáneas máis internacionais.
2.- Anos 90: o nacemento da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e a emerxencia do Centro Galego de Arte Contemporánea. Formación e formulación.
No ano 1990 iniciaba a súa andaina a Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Este feito ía traer consigo unha impronta ineludible para a cidade e, en definitiva para Galicia, xa que os artistas que ata entón tiñan que marchar a formarse a Madrid, Salamanca, Sevilla ou Bilbao, agora vían a posibilidade de facelo na Universidade de Vigo. Mais alá das infraestruturas da facultade, o espazo urbano converteuse en escenario de experimentacións artísticas, intervencións, performances, prácticas contemporáneas, acollendo a futuras fornadas de artistas chegados alén das terras galegas.
En 1993 nace o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) en Santiago, o que será o fito máis importante para o sector, con fin de promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea e garantir, conservar e difundir un legado patrimonial, formado agora por unha colección de máis de 1.200 pezas adquiridas ou doadas por coleccionistas, particulares e institucións dende 1995. Aínda que o museo se abre en 1993, non será ata 1995 cando bote a camiñar cun plan de acción deseñado por Gloria Moure, tras unha serie de debates organizados polo Consello da Cultura Galega sobre o papel que debería xogar o buque insignia da arte contemporánea galega. O CGAC foi dende entón impulsor de cambios moi significativos, conectando a escena artística galega coas correntes máis internacionais, ofrecendo espazos de diálogo, comunicación, educación, aprendizaxe e profesionalización a través dun programa ambicioso de exposicións, enriquecido por un programa de actividades máis amplo e transversal. Estabamos nese momento ante unha importante ferramenta de transformación social, que marcará a identidade da nosa comunidade cultural e artística, especialmente das novas xeracións de creadores e creadoras. Ao amparo e dependencia da Consellería da Cultura e Educación da Xunta de Galicia, o CGAC foi guía no proceso de nacemento doutras institucións culturais que se darían nos anos seguintes, configurando un ecosistema das artes plásticas moito máis rico e moderno.
3.- Anos 90 e comezos do novo século: aparición (e actualización) doutras institucións e entidades culturais que debuxan o mapa actual. Visibilización, proxección, apoio á produción e colección.
En 1995 fundarase un dos museos de carácter privado que más reactivou o eido das artes plásticas en Galicia: o MACUF en Coruña. O “actual” MAC da Fundación Naturgy (que recolleu a estela do proxecto fundado pola finada Unión Fenosa e da posterior Fundación Gas Natural Unión Fenosa) consolidouse como un dos referentes expositivos, máis tamén como lugar de encontro para artistas e público, cunha programación de exposicións que discorren entre o panorama local e o internacional. Cunha importante colección de arte e cunha intensa oferta de actividades culturais e didácticas, este museo sempre destacou por un prolífico programas de apoio á produción con residencias artísticas e importantes bolsas de creación no estranxeiro. A meirande parte dos artistas galegos con certa proxección exterior contan no seu currículo con algunha destas axudas e coa participación nalgunha das súas coñecidas “Mostras” polo que podemos valorar como un dos moi relevantes vínculos da arte contemporánea co mundo empresarial en Galicia. Neste momento o museo está a vivir unha situación tráxica: en outubro do pasado ano anunciouse o seu peche inminente, por non ser unha prioridade estratéxica (nin económica) da actual empresa xerente Naturgy. A pesar das concentracións do sector cultural e toda unha campaña para impedir a medida, o 30 de decembro executouse a decisión, aínda que continúan as negociacións entre o Concello da Coruña (en colaboración con outras institucións públicas) e a empresa, para tentar manter o museo, coa súa actividade no mesmo edificio, así como a conservación da súa colección. Mais, polo de agora, non se comunicou ningún avance ao respecto. As súas portas seguen pechadas.
No eido das bolsas de creación, tamén é salientable o papel das deputacións provinciais, que mediante a creación de bolsas foron capaces de apoiar e proxectar o potencial creativo dos nosos artistas. Serán propulsoras de grandes proxectos expositivos, en espazos propios e mesmo alleos, destacando museos e salas dependentes dos seus orzamentos que a día de hoxe seguen a ser incuestionables na oferta expositiva: o Museo de Pontevedra (e o Sexto Edificio), o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, a Rede Museística, a Capela de Santa María e a Sala de Exposicións do Pazo San Marcos en Lugo, son algún exemplos claros. Entre os grandes proxectos promovidos polas Deputacións, sobresae a histórica “Bienal de Pontevedra”, que finaba en 2010 despois de 31 edicións, supoñendo un fito de carácter internacional que achegaba propostas de gran calidade e modernidade, ademais de supor unha interesante colaboración con prácticas de alumnado da Facultade de Belas Artes. E algún dos seus certames como “Novos Valores” de Deputación de Pontevedra, “Certame de Arte Plásticas” de Deputación de Ourense, “Certame Jesús Núñez de Arte Gráfica” de Deputación de Coruña ou os “Premios Luis Ksado” de Deputación de Lugo, seguen a supoñer un importante folgo para artistas emerxentes.
Neste punto tamén é importante salientar o papel das “caixas” no desenvolvemento da arte contemporánea en Galicia, na colección de obras dos artistas máis relevantes e na programación dos seus espazos expositivos. As actuais coleccións de ABANCA e Afundación (entidades resultantes das diferentes fusións e mutacións da entidade bancaria e a súa obra social e cultural) recollen un dos legados máis significativos da arte galega dende o segunda metade do século XIX ata a actualidade. Así mesmo, con multiplicidade de sedes e espazos en todas as cidades galegas, constituíron (e constitúen, aínda que en menor medida) un espazo de divulgación constante da arte galega (esencialmente).
Na década dos 2000, aparecen novas institucións de arte contemporánea que virán enriquecer a oferta de espazos culturais no noso territorio. En 2002 nacerá un dos máis novos museos de Galicia, o Museo MARCO de Vigo, converténdose na provincia de Pontevedra no referente indiscutible no eido da arte contemporánea. Se ben a súa definición como “museo” alude ao termo colección, o MARCO non ten colección propia e funcionaba como centro de arte contemporánea, con exposicións temporais e un conxunto de actividades paralelas das que o programa educativo é unha parte esencial. Dende 2017, coa dimisión do derradeiro director Iñaki Martínez, a situación do museo sitúase nunha deriva problemática (e polémica) que pon en risco a continuidade da entidade coas mesmas premisas coas que abriu as súas portas en 2002. Neste momento, e tras todo un movemento social e cultural baixo o lema “Marco #AsíNon”, o Concello publicou unha convocatoria de dirección, que aínda fica sen resolver, mais semella que o MARCO non volverá ser o museo que foi, en canto a liñas estratéxicas e de traballo.
Pouco despois emerxerán outras institucións museísticas, que si ben non son espazos destinados concretamente á arte contemporánea, si acollen propostas actuais na súa programación, como a Fundación Luis Seone (2003), o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura (2012) ou o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra (2013). Xunto a estes espazos, poderíamos recoñecer outros, que configuran programacións contemporáneas nas que as artes plásticas teñen certo protagonismo. De carácter municipal, provincial ou autonómico: Pazo da Cultura (Pontevedra), Casa das Artes (Vigo), Museo do Mar (Vigo), Fundación Laxeiro (Vigo), Museo Municipal de Ourense, Fundación Eugenio Granell, a recentemente desaparecida Casa da Parra, Sala de Exposicións do Auditorio de Galicia e Zona C (Santiago), Kiosko Alfonso e Palexco (Coruña), Museo MIHL ou Centro Cultural O Vello Cárcere (Lugo), Centro Torrente Ballester (Ferrol) ou Museo do Gravado (Ribeira). Entre os espazos de fundacións privadas dedicadas ás artes plásticas contemporáneas destacan Fundación RAC (Pontevedra), Fundación María José Jove (Coruña), Fundación CIEC (Betanzos), Fundación Manolo Paz (Cambados) ou Fundación DIDAC (Santiago). E as nosas universidades tamén apostaron por emprender espazos propios de exhibición como a Sala X (Pontevedra), Sala Alterarte (Ourense), Igrexa da Universidade ou Colexio Fonseca (Santiago) ou a innovadora Sala Normal (Coruña). Alén dos programas expositivos, algunhas destas entidades tamén avogan por unha aposta polos novos valores da arte galega a través de convocatorias e premios: “Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas” do Auditorio de Galicia, “Encontro de Artistas Novos” da Cidade da Cultura de Galicia, “Premio de Arte Internacional Bienal ArteJove-n” da Fundación María José Jove, “Premio Máximo Ramos” do Centro Torrente Ballester, etc. E en canto á xestión cultural e comisariado, é salientable que algunhas destas institucións tiveran celebrado interesantes convocatorias como o “Premio MARCO/FRAC Lorraine/SFKM para Novos Comisarios” do MARCO ou as convocatorias de proxectos que segue abrindo a Zona C.
Este panorama debuxa unha comunidade con multiplicidade de espazos culturais (públicos, na meirande parte dos casos) que acolleron (e acollen) propostas expositivas diversas, experimentais e vivas de arte contemporánea. Pero a situación non semella tan amable para o sector. A falla de políticas culturais efectivas que debuxen un marco de acción conxunto, que marquen estratexias e liñas de traballo, obxectivos comúns e metodoloxías, fai de Galicia un terreo de iniciativas atomizadas en canto a tecido cultural e artístico.
Nos últimos dez anos, a crise económica afectou gravemente ás partidas orzamentarias de moitas institucións culturais, que sen poder executar proxectos a longo prazo por falla de recursos (tamén humanos), realizan unha programación “de supervivencia” que moitas veces atenta contra as boas prácticas estipuladas polo propio sector. O que falla é a continuidade. E sen continuidade, as artes contemporáneas teñen que buscar novas formas de “resistir”, máis aló de seguir formando parte das programacións que estas entidades seguen a realizar.
4.- O mercado da arte: o papel das galerías e o fracaso das feiras de arte en Galicia.
Se ben observamos a problemática da crise no ámbito institucional artístico na nosa comunidade, se nos achegamos ao ámbito privado máis relativo ao mercado da arte, Galicia semella non ter tido pulso para resistir nos últimos anos.
Houbo un tempo recente no que eramos fortes na feira de ARCO, coa representación habitual en Madrid de galerías como as compostelás Trinta, Factoría Compostela ou a hoxe desaparecida SCQ e as viguesas Ad Hoc, Bacelos ou PM8. Dende 2017, a presencia galega en ARCO viuse reducida a dúas galerías: as viguesas Bacelos e PM8. E outras galerías como Ana Vilaseco (Coruña), Clérigos (Lugo), a desaparecida Espacio 48 (Santiago de Compostela), Moret Art (Coruña) ou Marisa Marimón (Ourense) eran xa moi recoñecidas no noso ámbito. Tamén houbo un tempo no que mesmo tiñamos a nosa propia feira de arte: Puro Arte(2006-2009) e Espazo Atlántico(2010-2011), no IFEVI de Vigo.
Pero as galerías galegas sentiron o forte impacto da crise, sendo o peche de SCQ en 2012, a primeira pegada máis significativa. A crise económica e da industria inmobiliaria (de onde proviñan moitos mercadores de arte) acabou co (xa escaso) número de coleccionistas que había en Galicia, sumándose ao cese en adquisición de arte por parte da Administración Pública e das entidades bancarias. Pero a pesar do peche de moitas galerías, o tecido tamén se viu en parte rexenerado co nacemento doutras novas que, cun perfil máis actualizado e híbrido (en canto ao seu modelo de xestión, actividades e servizos), pelexaron (e seguen a pelexar) por levantar o mercado da arte na nosa comunidade. As outras feiras madrileñas, que discorren de xeito paralelo a ARCO, posúen nas súas listaxes moitos nomes de galerías galegas que seguen “mercando” prestixio na semana da arte por antonomasia a nivel nacional.
Como resultado da resistencia á crise, o modelo de galería abriuse e rompeu as súas lindes anacrónicas: celebran actividades culturais, obradoiros, ofrecen servizos de asesoría, taxación, peritaxe ou representación, comparten espazos, etc. E moitas delas colaboran coa Universidade, recibindo alumnos e alumnas en prácticas, para coñecer de primeira man a xestión dunha galería de arte.
E mesmo o formato de feira tamén mudou. Proxectos novidosos como Cuarto Público levaron ás habitacións do NH Collection Santiago propostas artísticas (2013-2016) e a últimas edicións de Culturgal (Pontevedra), xa incorporaron a Arte Contemporánea como unha das súas seccións.
5.- Modelos de xestión e liñas estratéxicas, formación e situación d*s profesionais do sector.
Analizando o panorama institucional que percorríamos nos anteriores apartados, podemos concluír que as nosas institucións culturais parten dun financiamento primordialmente dependente da Administración Pública (de xeito directo ou a través do acceso a subvencións, convocatorias ou concursos), inclusive aquelas fundacións ou entidades privadas que custodian bens de interese patrimonial ou realizan actividades relacionadas coa cultura contemporánea. Este factor é común a outras comunidades autónomas do país, sendo froito (alén cómplice) dun ecosistema cultural pobre, pouco sostible, que moitas veces limita os contidos culturais a aqueles máis populistas (e mesmo “prefabricados”), atendendo así as demandas dunha cidadanía pouco formada no ámbito das artes e da cultura en xeral. Uns orzamentos públicos minguantes a pasos axigantados, unha (moi) escasa colaboración coa empresa privada, unha insuficiencia de persoal cualificado en cada área, sumado a un público pouco educado no valor social, intelectual, identitario e económico da cultura, provoca un tecido débil e atomizado en propostas, contidos, axentes e espazos xeradores no ámbito das artes plásticas. Algúns museos públicos, sendo o CGAC un claro exemplo neste momento, persisten (e resisten) cun número irrisorio de profesionais para a envergadura do centro, o que dificulta ofrecer unha maior oferta de programación e a atención pormenorizada da mesma. Sen embargo, observamos que aqueles espazos que conseguen manter unha programación estable (e responsable) a pesar dunha financiación escasa, se moven no camiño cara a museoloxía social, inclusiva, accesible, transversal, cun maior peso en áreas como a didáctica, a mediación ou a comunicación. Os centros e museos de arte contemporánea en Galicia propoñen, cada vez máis, unha carta diversa de contidos e actividades, cunha maior colaboración interinstitucional, así como tamén coa comunidade educativa, o que aporta certa esperanza en canto a formación cultural e sensibilización das novas xeracións.
Sen embargo, non todo é pesimismo e resistencia neste momento. No eido da xestión cultural, Galicia avanzou moito nos últimos anos en canto á oferta de formación tanto académica, universitaria, institucional ou independente. Mestrados, posgraos e cursos de especialización en xestión cultural e patrimonio, arte contemporánea, didáctica, mediación e comunicación cultural, fan da nosa comunidade un territorio que atende a necesidade de formar a profesionais do sector para promover a educación cultural da cidadanía. E son moitas as institucións que ofertan actividades formativas de cara a fortalecer a comunidade de profesionais do sector, partindo do seu propio equipo de traballo. Iso é o máis importante, xa que para crecer cara fóra, debemos corrixir, mellorar, reforzar capacidades cara dentro.
Onde seguimos a ter moito que avanzar é no ámbito das boas prácticas. Os artistas seguen a ser o chanzo máis débil da cadea, estando nunha situación de desamparo e precariedade que só se pode salvar e superar co compromiso de institucións, entidades, profesionais da xestión, programadores/as, comisarios/as e xestores/as. Algunhas asociacións como a AGPXC (Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural) ou A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas de Galicia) levan traballado moito na elaboración de manuais de boas prácticas e na visibilización daqueles proxectos responsables que cumpren cos parámetros establecidos polo sector.
6.- Conclusións: cara unha xestión responsable, máis accesible, sostible e democrática que garanta un futuro con artes plásticas.
A cultura (e por extensión a arte) sempre foi un terreo de resistencia. Alén das crises que azoutaron ao sector e das malas prácticas executadas polo mesmo, onde a falla dunhas políticas culturais responsables non acatou os erros cometidos, Galicia demostrou unha fortaleza creativa ineludible e unha identidade cultural que, a pesar dos diversos cambios destrutivos no ecosistema, se mantivo viva en todo momento.
Unha escena artística e creativa rica, cunha boa infraestrutura de espazos e entidades culturais, debería ser quen de demandar unhas políticas culturais eficaces e responsables que interveñan en beneficio da cidadanía e dos seus dereitos. Porque nunca esquezamos que a cultura é un dereito.
Os museos e as institucións culturais deberán camiñar cara un modelo de xestión inclusivo, sostible e responsable, que garanta un acceso democrático á programación (tanto por parte dos axentes activos do sector como por parte da cidadanía), que apoie a produción contemporánea e a súa proxección exterior, poñendo en valor o legado patrimonial de Galicia, actualizando a ollada coa que nos achegamos ao mesmo. E nesta responsabilidade compartida, deben estar implicadas todas as partes: as institucións culturais, os axentes do sector e por suposto, os creadores e as creadoras que constrúen a materia prima coa que cobra sentido o mundo: a arte.