Unha ducia de filmes a non perder no Cineuropa 38
Este xoves comezou a edición número 38 de Cineuropa, o festival que todos os meses de novembro trae a Compostela unha escolma con algúns dos mellores filmes do ano, sesións especiais, retrospectivas e outras actividades relacionadas co cine. Ata o 24 de novembro proxectaranse 130 títulos, nunha entrega que pon o foco na liberdade e no futuro da democracia, tomando como base a actualidade política nos Estados Unidos. Velaquí unha ducia dos títulos máis destacados desta edición
-
01
En Fanfare (Por todo o alto)
A edición número 38 de Cineuropa comezou este xoves no Teatro Principal coa proxección da película francesa Por todo o alto (En Fanfare), de Emmanuel Courcol, que obtivo o premio do público no Festival de San Sebastián. Porerá verse de novo este sábado 9 no Salón Teatro.
Nos seus 18 días de programación, ata o 24 de novembro, proxectaranse 130 títulos
-
02
Henry Fonda for President
O Cineuropa 38 leva por lema ‘O corazón do cinema é a liberdade’ e no seu catálogo inclúe un gran número de títulos que convidan á reflexión sobre a democracia e as súas representacións na pantalla.
O filme que da pé a este foco temático é Henry Fonda For President, de Alexander Horwarth, un ensaio documental sobre o actor e a súa filmografía, pero que ademais constrúe unha Historia dos Estados Unidos sobre o imaxinario dos personaxes que Fonda interpretou. Poderá verse os días 15 e 17 de novembro.
O festival acompaña a súa proxección dunha retrospectiva de Fonda, con filmes como The Young Lincoln (O mozo Lincoln, John Ford, 1939), Fail Safe (Punto Límite, Sidney Lumet, 1964), My Darling Clementine (A paixón dos fortes, John Ford, 1946) ou The Grapes of Wrath (As uvas da ira, John Ford,1940).
-
03
7291
Este 10 de novembro Cineuropa acolle a estrea mundial de 7291, o filme documento de Juanjo Castro cuxo título rememora o número de mortes nas residencias de maiores dependentes da Comunidade de Madrid durante a pandemia.
A película, que aborda os coñecidos como ‘protocolos da vergoña’ que levaron ao illamento desas residencias non medicalizadas, atopou problemas para ser aceptada ata o de agora noutro festival español. Proxectarase o domingo 10 no Salón Teatro e o día 11 na sala NUMAX, en ambos os casos coa presenza do seu director.
-
04
La Parra
Nesta edición, Cineuropa distingue a traxectoria do director ferrolán Alberto Gracia, da actriz hispano-sueca Ingrid Garcia-Jonsson, e o da realizadora brasileira Flávia Castro.
A entrega do galardón a Alberto Gracia terá lugar o martes 12 no Teatro Principal, nun acto que incluirá a proxección da súa película La Parra, que acaba de recibir o premio da sección Alquimias da Seminci.
-
05
Diário de Uma Busca
A realizadora brasileira Flávia Castro, cuxo cinema explora a memoria da ditadura en Brasil, recibirá a máxima distinción do festival o mércores 20 no Salón Teatro. Alí presentará Diário de uma busca, a partir dos recordos da súa propia infancia como refuxiada brasileira no Santiago bombardeado durante o golpe de Pinochet.
Castro forma parte tamén do xurado internacional do festival, xunto coa directora, guionista e actriz Sonia Méndez e a xornalista e programadora María José Santacreu.
-
06
Prefiro condenarme
Margarita Ledo Andión presenta en Galicia Prefiro condenarme, un drama baseado nun feito real, a condena por adulterio dunha mariscadora en 1972 a mans dun tribunal eclesiástico. O filme poderá verse o xoves 21 no Salón Teatro coa presenza da directora e doutras integrantes do equipo.
-
07
April
Un dos sinais de identidade de Cineuropa é a coidada escolma que realiza entre as novidades cinematográficas do ano, entre as que se adoita incluír moitos dos títulos premiados nos certames de Cannes, San Sebastián, Venecia, Berlín, Sitges ou Locarno.
É o caso do filme xeorxiano April (Abril) de Dea Kulumbegashvili, gañador do premio do xurado en Venecia e do premio Zabaltegi en San Sebastián. Poderá verse os días 16 e 22 de novembro.
-
08
The seed of the sacred fig
Destaca tamén a proxección da película iraniana The seed of the sacred fig (A semente da figueira) de Mohammad Rassoulof, que se fixo co premio do xurado en Cannes. Será os días 10 e 17 de novembro.
En Santiago poderase ver tamén o filme austríaco The Devil’s Bath (O baño do demo) de Veronica Frantz, premio Alfred Bauer en Berlín e mellor película en Sitges; e Yeohaengjaui pilyo (Necesidades dunha viaxeira), o encontro de Isabelle Huppert co coreano Hong Sang-soo, que se fixo co gran premio do xurado en Berlín.
-
09
Dahomey
Cómpre salientar tamén a presenza da cinta franco-senegalesa Dahomey de Mati Diop, unha reflexión sobre as pegadas do colonialismo que obtivo o Oso de Ouro na pasada Berlinale.
Outros filmes destacados no Panorama Internacional e na Sección Oficial Europea son Oh Canada, do estadounidense Paul Schrader; Parthenope, do italiano Paolo Sorrentino; Hard Truths, do británico Mike Leigh; Quand vient l’automne, do francés François Ozon; ou L’Émpire, do tamén galo Bruno Dumont.
-
10
Mond (Moon)
Dende hai catro anos Cineuropa é tamén un festival competitivo. A Sección Oficial Novas/os Cineastas contará con 12 películas a concurso e un xurado internacional constituído por tres mulleres.
Entre elas destaca a cinta austriaca Moon (Mond, no orixinal) da iraquí Kurdwin Ayub, que en Locarno se fixo co premio especial do xurado, co Boccalino de Ouro da crítica e coa mención especial do xurado.
-
11
Mi bestia
Tamén está Mi bestia, da directora colombiana Camila Betrán, que se fixo co premio Blood Window á mellor película no festival de Sitges.
E, igualmente, a gañadora do Leopardo de Ouro en Locarno, Toxic (Akiplesa, no título orixinal) da cineasta lituana Saule Bliuvaite.
-
12
Grand Tour
En Santiago proxectarase tamén Grand Tour de Miguel Gomes, que foi Premio Cineuropa hai nove anos. Grand Tour é unha historia de amor perdido e procurado no sueste asiático que obtivo o premio á Mellor Dirección en Cannes e á Mellor Montaxe na Seminci. Poderase ver os días 13 e 16.
O festival acollerá tamén a presentación da serie de catro capítulos Hotel do rio, do director portugués João Canijo, Premio Cineuropa 2023
-
13
El circo de los muchachos
Cineuropa acollerá a estrea da serie El circo de los muchachos, realizada por Elías Siminiani. Nos seus cinco episodios, que se poderán ver o domingo 16 de novembro no Teatro Principal, a serie narra o ascenso e caída de Benposta, os seus conflitos de poder e guerras civís e tamén a loita que o enfrontou á Xunta presidida por Fraga.