O xulgado coruñés que ditou a histórica primeira sentenza sobre a recuperación do Pazo formaliza ante o Rexistro da Propiedade de Betanzos a súa inscrición como inmoble público
O pasado marzo unha sentenza do Tribunal Supremo permitiu culminar a prolongadísima loita cívica, política e xudicial pola recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público. Ás portas do nonaxésimo aniversario da súa entrega a Francisco Franco, ficou acreditado de vez que as Torres e os terreos nos que se atopan son propiedade do Estado.
O litixio e o seu resultado -no que destaca a sombra da indemnización aos herdeiros do ditador- vén de concretarse nun paso máis, tan simple coma simbólico. Nun mandamento emitido este pasado xoves a praza 1 da Sección Civil do Tribunal de Instancia da Coruña vén de ordenar inscribir o inmoble no Rexistro da Propiedade a nome do Estado e, polo tanto, constatar de vez que non é propiedade da familia do militar golpista.
No escrito, que adiantou a axencia Europa Press e ao que tivo acceso Praza.gal, o xulgado diríxese ao Rexistro da Propiedade de Betanzos para que "proceda á inscrición a favor do Estado español do predio coñecido como Pazo e Torres de Meirás", describindo a continuación as referencias rexistrais das parcelas. Ordena, ao tempo, "a cancelación das inscricións rexistrais contraditorias", é dicir, as da familia de Franco.
A resolución avanza na firmeza que a sentenza da Audiencia da Coruña ditada hai media década adquiriu no Supremo a pasada primavera
Esta resolución -contra a que cabe recurso de reposición ante a propia Letrada da Administración de Xustiza que a realiza- avanza na firmeza da sentenza ditada hai media década pola Audiencia Provincial da Coruña. Á súa vez ratificara o histórico ditame deste xulgado coruñés en 2020 no relativo á propiedade.
O proceso xudicial, iniciado pola Avogacía do Estado en 2019, contou cun amplo apoio social tamén dos concellos da Coruña e Sada e da Deputación coruñesa. No pulo pola recuperación foron clave as entidades de recuperación da memoria histórica da contorna, que nos últimos meses viñan reiterando a necesidade de facer efectiva a mudanza no Rexistro da Propiedade, Tamén de garantir de vez o acceso público ao recinto.
Ambas resolucións xudiciais anulaban a doazón do Pazo en 1938, toda vez que a denominada Junta pro Pazo -que as elites locais constituíran para agasallar o golpista- fixo a entrega a Franco na súa condición de xefe do Estado e non a título persoal. Da mesma maneira quedou sentenciada como "simulación" a compravenda de 1941, operación coa que o d tador logrou a inscrición do predio no Rexistro da Propiedade, que agora decae.