0 Gardados para despois

Case toda a celulosa que produce ENCE véndese no mercado europeo

Redacción | @prazapublica

O 95% da celulosa que produce a empresa ENCE vai destinada ao mercado europeo, sendo o principal receptor Alemaña, cun 23% da produción, seguido de Italia, co 16%. É dicir, o 17% do territorio do país está inzado de eucaliptos dirixidos principalmente a abastecer demandas da UE. Esa foi unha das principais conclusións tiradas das xornadas impulsadas pola eurodeputada de AGEe e do grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lidia Senra, en Bruxelas. 

O 95% da celulosa que produce a empresa ENCE vai destinada ao mercado europeo, recibindo Alemaña o 23% da produción

Nas xornadas Defensa do patrimonio galego fronte á eucaliptización, representantes de vinte entidades galegas reflexionaron sobre "as graves consecuencias deste escenario e, nomeadamente, as referidas ao risco incendiario e á perda do noso patrimonio arqueolóxico" e mantiveron unha xuntanza coas eurodeputadas alemás Maria Heubuch (Verdes) e SabinLosin (GUE/NGL) e co tamén xermano Stefan Eck (GUE/NGL).

Os voceiros as organizacións galegas, segundo relata AGEe, denunciaron a “orientación exclusivamente economicista e curtopracista, ao servizo da industria do eucalipto-celulosa” do actual modelo forestal da Xunta de Galicia, engadindo a súa preocupación pola falta dunha lexislación “que defenda, de verdade, a protección do patrimonio fronte aos usos industriais e forestais do monte”.

As xornadas denuncian a “orientación exclusivamente economicista e curtopracista, ao servizo da industria do eucalipto-celulosa” do modelo forestal da Xunta

Tal e como destaca AGEe, o monocultivo indiscriminado de especies arbóreas alóctonas, invasoras e pirófitas -"alentado pola visión economicista promovida dende o Goberno galego"-, xunto á "falla de planificación na xestión do monte e a demanda de madeira da industria da celulosa e a falta de control sobre a súa orixe", foron denunciadas neste encontro como as principais ameazas para a sostenibilidade do patrimonio forestal e etnográfico galego.

Son máis de 30 persoas pertencentes a 18 colectivos diferentes de defensa do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, ecoloxistas, arte rupestre e montes os que participan nas xornadas que se desenvolven tamén este xoves. Membros do Sindicato Labrego Galego, do SOS Arte Rupestre Galega, da Sociedade Antropolóxica Galega, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, do Colado do Vento, de Cousa de Raíces, da Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, de Adega, da Asociación Nordés, da Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, do colectivo A Rula, da Asociación Mariña Patrimonio, da Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, de Amigos do Patrimonio de Castroverde, de Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e do Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña

Incidindo nos datos económicos, as organizacións galegas sinalaron que o valor da madeira cortada cada ano en Galicia -principalmente piñeiros e eucaliptos- suma 300 millóns de euros dirixidos ao sector privado, "pero o propio custo da extinción e mantemento desta colleita supón un gasto anual de 175 millóns de cartos públicos". "É dicir, os custos dun modelo forestal que ameaza permanentemente non só o noso patrimonio, biodiversidade e augas, senón tamén as persoas e áreas habitadas, está a repercutir directamente na cidadanía", conclúen. 

O valor da madeira cortada cada ano en Galici suma 300 millóns para o sector privado; o custo da extinción supón 175 millóns de cartos públicos

A eurodeputada Lídia Senra, pola súa banda, destacou a necesidade de “seguir traballando dende o Parlamento Europeo e as institucións comunitarias para conseguir que o eucalipto sexa incluído no Decálogo de Especies Invasoras da Unión Europea. "A sustentabilidade, a diversidade e, no caso de pobos como o galego, o propio rol cultural e identario dos nosos montes debe ocupar un lugar principal nas políticas públicas adoptando un compromiso firme por recuperar e manter esta riqueza", destaca.

“A paisaxe e a biodiversidade forman parte do patrimonio cultural” -destacou a eurodeputada galega- “e máis en pobos como o galego, onde o monte é unha das nosas principais claves etnográficas, forma parte fundamental das nosas tradicións, gastronomía, lendas e imaxinario como pobo", rematou Senra, que espera que as xornadas na Eurocámara "contribúan a dar un pulo á articulación colectiva desta loita”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.