Denuncian danos no xacemento da Pena Grande por mor da plantación de eucaliptos

A mámoa quedou danada por mor dos sucos realizados sobre a masa tumular no transcurso dos traballos forestais © Monte da Esculca

O pasado outono o xacemento paleolítico da Pena Grande, en Vilalba, estivo a piques de ser vendido polo Ministerio de Facenda, que iniciou unha poxa que tiña un prezo de saída de 8.000 euros. Só a presión social e política conseguiu parar a venda. Nese momento algúns dos colectivos que se mobilizaron para impedir a poxa xa alertaron do risco que implicaba a venda do espazo para a protección deste ben patrimonial, entre outros motivos pola posible utilización do predio para a plantación de eucaliptos. 

Mariña Patrimonio e ADEGA veñen de presentar unha denuncia perante o SEPRONA por posibles danos ocasionados na Mámoa 9 do xacemento por traballos forestais relacionados cunha plantación de eucaliptos, que cualifican de "ilegal". As entidades alertan de que o ben patrimonial foi danado como consecuencia dos profundos sucos realizados sobre a masa tumular e sinalan que "todo parece indicar que esta plantación afectou tamén a cámara da mámoa ao remover parte da súa estrutura". 

A Mámoa 9 forma parte dun sitio arqueolóxico de gran valor, con máis de 10.000 anos de antigüidade e conformado por dez túmulos xunto con dous abrigos paleolíticos. Do xacemento saíron case mil pezas conservadas no Museo da Prehistoria de Vilalba, o que converte a Pena Grande no xacemento do Paleolítico superior máis importante de Galicia. O espazo está situado nun predio duns 35.000 metros cadrados, resultado da unificación de varios terreos sen propiedade coñecida procedentes da concentración parcelaria na contorna. O 26 de agosto de 2016 a Dirección Xeral de Patrimonio do Estado declarouna "alienable", isto é, susceptible de ser vendida ao considerar que "non resulta necesaria para o uso xeral nin para o servizo público" e tampouco "resulta conveniente a súa explotación". Un ano despois chegou a poxa e mobilización social que impediu a venda. Porén, o espazo segue a ser vulnerable a agresións de todo tipo.

ADEGA e Mariña Patrimonio diríxense á Consellería de Cultura, criticando a súa falta de "sensibilidade" co "drama que está a provocar a industria do eucalipto no patrimonio cultural de Galicia". Hai dous anos estas mesmas entidades presentaron un dossier que documentaba danos provocados pola industria madeireira en 40 xacementos arqueolóxicos do norte da provincia de Lugo. "A Xunta pode frear en seco a destrución do patrimonio. Hai que ver que intereses hai detrás e por que isto non se fai", reclamaba daquela Manuel Miranda (Mariña Patrimonio).

O pasado mes de decembro 20 entidades pediron no Parlamento Europeo erradicar o eucalipto nunha faixa de 50 metros ao redor dos bens patrimoniais. "A expansión sen límites dos eucaliptos está a provocar unha destrución masiva do patrimonio cultural", de xeito moi destacado debido á "industrialización do monte coa utilización de maquinaria pesada, a apertura de pistas para pasar esa maquinaria e para sacar a madeira, as remocións de terras para facer as plantacións...", salientouse naquel acto.

 

A Mámoa 9 forma parte dun sitio arqueolóxico de gran valor, conformado por dez túmulos xunto con dous abrigos paleolíticos © Monte da Esculca
ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron denuncia ante o Seprona © Monte da Esculca
O acubillo de Pena Grande e a súa contorna, con varias plantacións de eucaliptos © Imaxe tirada de Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.