20 entidades piden erradicar o eucalipto nunha faixa de 50 metros ao redor dos bens patrimoniais

Un momento da xuntanza que tivo lugar no Parlamento europeo © AGEe

As vinte organizacións desprazadas a Bruxelas para participar na xornada "Defensa do patrimonio galego fronte á eucaliptización", organizada por Lidia Senra e AGEe levaron a cabo na tarde do xoves unha sesión de intercambio e posta en común de análises e experiencias, que deu continuidade á xuntanza mantida con eurodeputados e eurodeputadas de distintos países sobre esta cuestión. O encontro tivo tres eixos temáticos principais: “A destrución do patrimonio galego por parte do sector industrial madeireiro”, “O desleixo da Xunta de Galiza co patrimonio cultural galego. A problemática dos incendios” e “Artellando solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización”.

Defendeuse que "os montes deben cumprir funcións sociais e ecolóxicas, ademais das produtivas"

Entre as propostas concretas para avanzar na conservación do patrimonio arqueolóxico presente nos montes, esixiron o establecemento de faixas de protección con exclusión das especies pirófitas de cando menos cincuenta metros de todo os castros, mámoas, petróglifos e outros bens de interese cultural. Demandaron ademais a activación dunha moratoria que paralice a expansión do eucalipto, a posta en marcha de programas públicos de educación e sensibilización centrados no valor e potencial do patrimonio cultural dos nosos montes, así como a posta en marcha por parte da Xunta "das medidas ao seu alcance para protexer este patrimonio" xa que "moitas das intervencións, precisamente moitas das normas que protexen a biodiversidade e sostenibilidade están sendo incumpridas".

A nivel xeral, defendeuse que "os montes deben cumprir funcións sociais e ecolóxicas, ademais das produtivas" e aplicar "unha nova política forestal polifuncional e ecoloxicamente sostible que dignifique o futuro do noso territorio, actualmente ao servizo da depredación da industria madeireira e da celulosa".

 

Uso de maquinaria pesada nos montes

Galicia conta cun dos conxuntos  de gravados rupestres prehistóricos ao aire libre máis importantes de Europa pero "o seu coidado e mantemento –responsabilidade do Goberno galego- non é o axeitado en moitos casos", dixo Buenaventura Aparicio

Nas distintas intervencións que se produciron na xornada, Manuel Miranda (Mariña Patrimonio) fixo fincapé en que "a expansión sen límites dos eucaliptos está a provocar unha destrución masiva do patrimonio cultural", de xeito moi destacado debido á "industrialización do monte coa utilización de maquinaria pesada, a apertura de pistas para pasar esa maquinaria e para sacar a madeira, as remocións de terras para facer as plantacións...". "Mentres que todo isto sucede, a Xunta e a Dirección Xeral de Patrimonio están desaparecidos; están, igual que os nosos xacementos, ocultos baixo unha densa e opaca capa de eucaliptos", denunciou.

De igual xeito, o antropólogo Buenaventura Aparicio Casado, especialista en arte rupestre e coordinador do grupo de investigación A Laxe da Irena, centrou a súa exposición na afección dos incendios e eucaliptos nos petróglifos galegos. Alertou de que Galicia conta cun dos conxuntos  de gravados rupestres prehistóricos ao aire libre máis importantes de Europa pero "o seu coidado e mantemento –responsabilidade do Goberno galego- non é o axeitado en moitos casos". Os lumes son, segundo explicou Aparicio, a maior ameaza para os petróglifos, xa que "cando as rochas con gravados están arrodeadas de eucaliptos e piñeiros –árbores pirofitas- e dunha mesta matogueira, as altas temperaturas que se acadan cando se producen lumes provocan o descascado da superficie da pedra –termoclastia- e a perda ou grave deterioro das insculturas". Esta desfeita aconteceu, por exemplo, coa vaga de incendios do 15 de outubro deste ano no importante complexo de As Tenxiñas.

 

O rural, reducido a unha "reserva de madeira"

Brais Álvarez: "Somos dos territorios da UE con menor índice de superficie agraria útil e avanzamos a pasos axigantados na perda da biodiversidade".

Pola súa banda, Brais Álvarez (Sindicato Labrego Galego) lembrou a día de hoxe, "somos dos territorios da UE con menor índice de superficie agraria útil e avanzamos a pasos axigantados na perda da biodiversidade". No caso concreto do eucalipto, Álvarez destacou que a "colonización do territorio" operada por esta especie empeorou debido á aplicación da Política Agraria Común (PAC), "que penaliza a utilización dos terreos de monte, pastos arbustivos e con arboredo, que son o sustento de moita da cabana gandeira do país". O voceiro do SLG propuxo "camiñar cara unha multifuncionalidade do monte". "Hai que recuperar os espazos adicados á gandería extensiva, á produción de froito, especialmente a castaña, e ao establecemento de apiarios, que ademais contribúen notablemente á polinización", dixo.

Finalmente, Roi Cuba (ADEGA) denunciou que o modelo forestal da Xunta "está feito á medida dos intereses das celulosas, que son as únicas favorecidas polos monocultivos de eucaliptos" e sinalou que este tipo de políticas de orientación económica está "convertendo o rural galego nunha reserva de madeira".

 

Posta en común das conclusións, este xoves no Parlamento europeo © AGEe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.